“Como moza, creo que na Igrexa non se está valorando a mocidade. No traballo sinodal saíu esta preocupación pero non damos espazos nos que os mozos poidamos estar a gusto. Se realmente nos preocupan, melloremos este xeito de aproximarnos á mocidade, porque por ela mesma non se achegará.
Como muller, reivindicando o meu papel, recoñecendo en primeiro lugar o labor de tantas mulleres que camiñaron e loitaron para que todas poidan colaborar e eu poida estar aquí falando agora e sendo escoitada. Nas achegas ao Sínodo viuse que queda moito por facer no ámbito da igualdade real. Espérase contribuír algo nese aspecto e ver froitos deste camiño que estamos iniciando e que hai moitas gañas de facelo.
Como cristiá, intentando ser luz e sal no mundo. Que todo o que vivo, creo, sexa testemuño vivo, tanto as miñas palabras como as miñas accións. Vivir con conciencia social que me leve a encarnar a mensaxe do Evanxeo”.
Sínodo 2021-23
Testemuños na asemblea da fase diocesana do Sínodo 2021-23 (IV)
Sandra (Monforte):
O que máis valoro deste Sínodo é a oportunidade que nos deu o Papa Francisco para poder expresar as dificultades polas que pasan as parroquias. A nosa non é excepción e hai pouco compromiso dos laicos. Non creo que sexa falta de crenzas, senón que nos ven como algo alonxado da súa vida cotiá, porque a realidade social da Igrexa non a identifican co que é a súa propia realidade. O que máis me gustou do grupo xuvenil no que participei foi que tamén era orante: houbo exposición do Santísimo, rezabamos o rosario. Cando acabe o Sínodo esperamos unha continuidade: unímonos xente que non estaba confirmada e xente que si o estaba; sería bo que se mantivese o grupo e fose testemuño para os que veñen detrás.
Testemuños na asemblea da fase diocesana do Sínodo 2021-23 (III)
Luisa (Lalín):
Emprendemos unha nova travesía, na que queda demostrado, para quen participamos, o que é en si un proceso sinodal. No pasado pensabamos que iso só se podía realizar a través de cardeais e bispos pero actualmente fáisenos ver que todos podemos participar. É o que se nos pide neste proceso: axudarnos mutuamente a escoitar o que o Espírito Santo di a cada persoa e a todos nós xuntos. Esta escoita permitirá que poidamos ser unha verdadeira Igrexa misioneira. Non se trata de seguir estruturas ríxidas senón mirar ao interior de cada un, valorar quen somos e a onde nos diriximos. Falaba o papa Bieito XVI das minorías creativas, de que a Igrexa debe estar creando sempre, movida polo Espírito Santo, espazos novos. A peculiaridade deste Sínodo é que xa comezou con estes cambios.
Testemuños na asemblea da fase diocesana do Sínodo 2021-23 (II)
Desde o primeiro día xurdíu un ambiente especial e ilusionante de reflexión e de maduración. Deu como primeiros froitos a convivencia e o mellor coñecemento entre nós. Tamén o propósito de repetilo periodicamente para afirmar o noso camiñar como Parroquia, Diocese, Igrexa Universal. Para min foi unha experiencia moi enriquecedora que me abriu os ollos, que me removeu por dentro. Cristo estaba convocándonos para lembrarnos que debemos camiñar xuntos, que temos que poñernos en acción e por suposto desde a humildade, e guiados polo Espírito Santo, cultivar a esperanza e a fe.
Testemuños na Asemblea da I fase diocesana do Sínodo 2021-23 (I)
O 7 de maio celebrouse a Asemblea da primeira fase diocesana do Sínodo 2021-2023, na que deu o seu testemuño María Luisa (Lugo – Bo Pastor):
“Desde a participación no grupo experimento unha chamada a ser, a ser na miña vida cotiá, a estar a gusto co que fago e como seguidora de Xesús. Iso pídeme estar doutro xeito; a miña presenza é outra, non só o que quero facer, o que se me pide como seguidora de Xesús. Decátome de que para facer isto na miña comunidade de referencia. Isto foi o que experimentei estos días. Falouse de escoitar e dialogar; para min foi como un redescubrimento de que o diálogo consistía en escoitar con todo o corpo. O traballo que se fixo foi fantástico, porque necesitamos cambiar”.