Enrique Alarcón, padre sinodal

Na primeira fin de semana de xuño, o padre sinodal Enrique Alarcón estivo en Lugo e Monforte contando a súa experiencia no Sínodo, e algúns dos aspectos foron os seguintes:

“A sinodalidade é vivir na Igrexa responsablemente, asumindo a túa vocación e a túa tarefa diferenciada, como presbítero, relixioso, diácono ou laico. Cada persoa coa súa correspondente responsabilidade. Porque é a única forma de poder vivir en comuñón. Non pode haber comuñón se na Igrexa cada un non asume o que nos corresponde como vocación, como carisma e como don.

“Na Igrexa ninguén é superior a ninguén. E todos nos necesitamos para vivir en fraternidade.

“As tres craves da sinodalidade son comuñón, participación e misión. Hai que vivir o apostolado para vivir a misión evanxelizadora.

“Outros principios da sinodalidade: renovación, transformación, reforma, cambio. A función diso é chegar alí onde se che necesita para estar en actitude de servizo.

“Despois das primeiras comunidades cristiás, é a primeira vez na historia da Igrexa que hai un Sínodo aberto, non só para bispos.

“Non soamente é estar no Sínodo como figurante, senón con dereito de voz e voto. De maneira que o informe de síntese que hai leva o meu voto como o das outras 360 persoas que estabamos alí, bispos, cardeais, homes e mulleres e vida consagrada.

“Por primeira vez, elaborouse un documento votado por todo o Pobo de Deus. Se alguén conta hai uns anos que os laicos van votar nun Sínodo e que o seu voto serve para algo non o cre ninguén. O Papa Francisco críao e nós vimos que iso foi posible”.

Asemblea sinodal diocesana

O sábado 7 de maio, ás 11 h no salón de actos do Seminario, preséntase o resume dos traballos que reflexionaron e realizaron os distintos grupos nas diversas zonas pastorais da Diocese sobre a consulta sinodal.

Haberá sete testemuños directos de persoas de distintas zonas pastorais sobre a experiencia vivida no proceso da sinodalidade.

Ás 12:15 h saída para a Catedral

Ás 12:45 h celebración solemne da Santa Misa presidida polo Sr. Bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco

Apertura do camiño sinodal diocesano e do Curso Pastoral

O domingo día 17 de outubro abriuse o camiño sinodal na Diocese de Lugo: SÍNODO 2021 – 2023. POR UNHA IGREXA SINODAL: COMUÑÓN, PARTICIPACIÓN E MISIÓN. Ao mesmo tempo inaugurábase o Curso Pastoral da Diocese. Foi coa celebración dunha Eucaristía presidida por Mons. Alfonso Carrasco, que na parte final da súa homilía, dixo:

“Camiñar xuntos quere dicir que ninguén é todo, que non temos que pensar en como mando eu sobre o veciño. O sacerdote non pode ser a parroquia enteira, o mesmo o Bispo e a Diocese, somos un pobo. A vida consagrada forma parte intrinsecamente da comunidade, foi enviada á Igrexa, á comunidade concreta para dar testemuño dunha vida chea de valor para todos. Os que son catequistas, os que asumen responsabilidades, as moitísimas persoas que traballan e axudan nas parroquias, o mesmo sucede: tampouco é por mandar máis, por gobernar máis, é por un ben propio e de todos os irmáns para que poidamos camiñar xuntos. As familias, os matrimonios, os nenos… todas as nosas actividades deben estar habitadas por este mesmo espírito, por este mesmo xesto de caridade que temos que renovar sempre, unidos no medio da Igrexa.

Imos celebrar a inauguración do Sínodo Diocesano, a tarefa está por diante: haberá preguntas para responder, haberá necesidade de facer algunha reunión, haberá necesidade de verse… tomádeo de corazón, como unha invitación do Papa a que prestemos atención ao máis esencial da nosa vida como cristiáns, que é formar parte deste pobo e camiñamos xuntos. Aceptemos esta invitación a dicir o que é importante, que volvamos a mirada a estes fundamentos do noso ser cristiáns para poder vivilo ben. E fagamos o traballo na medida en que poidamos. Pediremos para iso a graza do Espírito Santo, que o Señor nos bendiga”

Apertura do Curso Pastoral e do Sínodo convocado polo Papa Francisco

O Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, convoca a todos os diocesanos a participar este domingo 17 de outubro ás 18 h na solemne Eucaristía de apertura do Curso Pastoral diocesano e na que, ademais, quedará aberta a fase diocesana de preparación para o Sínodo convocado polo Papa Francisco e que culminará en 2023.

O camiño sinodal, co lema Por unha Igrexa sinodal: comuñón, participación e misión, iniciouse solemnemente en Roma hai unha semana cunha Eucaristía presidida polo papa Francisco. Este sínodo, no que participará a Igrexa Universal, conta cunha fase diocesana.

Na nosa Diocese, despois da apertura este domingo, celebraranse reunións sinodais ao longo dos vindeiros meses para reflexionar sobre os temas propostos pola Santa Sé.

A %d blogueros les gusta esto: