Presentación da Semana Santa da cidade de Lugo

Ramón BasantaO 10 de marzo presentouse aos medios de comunicación a Semana Santa de Lugo. O primeiro en intervir foi o Coordinador da Xunta de Confrarías de Lugo, Ramón Basanta, sinalando, entre outras cousas, que debido ás obras e aos andamios situados nalgunhas rúas o percorrido das procesións pode sufrir algunha variación. Ademais, suspéndese a procesión do venres Santo pola noite debido ás obras na Capela da Soidade.

Eduardo Vila

O responsable da área de Promoción do Territorio e Turismo da Deputación Provincial, Eduardo Vidal, lembrou a súa asistencia á procesión da Virxe da Esperanza: “Cando se canta a salve mariñeira, para min é un momento moi especial e moi significativo da Semana Santa lucense”. Tamén dixo que apoiaba a petición feita polo Concello de Lugo para que esta celebración recibise o título de Festa de interese turístico galego

Carmen BasadreA Concelleira de Área de Cultura, Turismo, Mocidade e Promoción da Lingua do Concello, Carmen Basadre felicitou a todos os que organizan esta Semana Santa e dixo que “é moi importante para o Concello de Lugo a unión desta Semana Santa relixiosa co resto do patrimonio que temos na cidade”. Ademais, felicitou ao autor do cartel anunciador da Semana Santa deste ano: o fotógrafo Eduardo Ochoa.

Mario Vázquez 3O Vicario Xeral da Diocese de Lugo, Mario Vázquez Carballo, salientou dous momentos da Semana Santa: a Misa crismal e a Misa da noite de Pascua. Na primeira destaca a presenza de máis de 200 sacerdotes de toda a Diocese e que os arciprestes recollen os santos óleos (o aceite foi doado por colleiteiros de Quiroga). Na Misa da noite de Pascua, gran explosión da festa cristiá, asisten numerosos fieis á Catedral.

[Ver o programa de Semana Santa]

A “Semana Grande” dos cristiáns

semana santa 3

O Xoves Santo comezamos as celebracións anuais da Pascua do Señor, aínda que en realidade xa as comezamos o domingo anterior coa bendición dos Ramos e a entrada triunfal de Xesús en Xerusalén. O que facemos en Semana Santa non é nada distinto ao que celebramos calquera domingo do ano: o misterio da morte e resurrección de Xesucristo. A diferenza está en que o facemos en tres días e, se cabe, con máis consciencia.

Sen dúbida é a “Semana Grande” dos cristiáns. Neste tempo teremos a ocasión de refacer o camiño da cruz e revivir a alegría pascual dunha forma singular. A iso axudarannos as celebracións, procesións e devocións destes días. Detrás de cada imaxe, paso, símbolo ou xesto está a presenza de Cristo entregado ata a morte e resucitado para a nosa salvación.

Pídesenos pouco a cambio de moito. Veremos a Cristo dándoo todo, ata a última pinga do seu sangue, para que a nosa vida e a nosa morte teñan sentido.

As celebracións anuais da Pascua do Señor son, ademais, unha ocasión para actualizar a nosa fe e aplicar unha carga extra ás nosas baterías que nos permita vivir un ano de graza do Señor.

Miguel Ángel Álvarez

Celebración da Misa Crismal o Mércores Santo

crisma oleos

O Mércores Santo 1 de abril, ás 11 h na Catedral de Lugo, o Bispo da Diocese, Mons. Carrasco Rouco, presidiu a Misa Crismal. Trátase dun dos acontecementos introductorios ao Triduo Pascual e ten dúas peculiaridades:

1. O Bispo, consagra o “Santo Crisma” (de aí o nome de “Misa Crismal”) mestura de aceite de oliva e bálsamo e bendí o óleo dos catecúmenos e dos enfermos.

2. Tamén teñen lugar a renovación das promesas sacerdotais. Por iso, de ser unha celebración prevista para o Xoves Santo pola mañá, poñendo fin ao tempo litúrxico da Coresma, pasou a celebrarse o Mércores Santo, coa idea de que participen o maior número de sacerdotes posibles.

Os elementos constitutivos do crisma tamén son dous: aceite, que é o ingrediente preponderante e principal e bálsamo. Esta é unha sustancia aromática e resinosa que se extrae da madeira de certas plantas. No caso da Diocese de Lugo, o aceite provén de Quiroga.

OS  SANTOS  ÓLEOS  SON  TRES

O Santo Crisma

A palabra grega “crisma” provén de chrio, ‘unxir’, que deu orixe ao termo Cristos que significa ‘O Unxido’. De aí deriva a palabra Cristo. Co crisma únxese a cabeza do bautizado, a fronte da persoa confirmada, a cabeza e as mans dun Bispo na súa consagración e as mans dun sacerdote na súa ordenación. Tamén as paredes e altares das igrexas, que son solemnemente consagradas, e as partes dos vasos sagrados utilizados na Misa que entran en contacto coas sagradas especies, como a patena e o cáliz. Ademais, utilízase na bendición solemne das campás e da auga bautismal.

O Oleo dos Catecúmenos, usado para unxir aos que están preparándose para o Bautismo. Os bautizandos reciben forza para renunciar ao diaño e ao pecado, antes de que se acheguen e renazan da fonte da vida.

O Oleo dos Enfermos, usado no Sacramento da unción dos enfermos

CERIMONIAL

O aceite e o bálsamo son levados en procesión solemne ata o presbiterio logo da Comuñón, e colócanse sobre unha mesa. A continuación, bendíse o bálsamo, que se mantén nunha bandexa, e do mesmo xeito que o aceite de oliva, que se reserva nun envase. Logo disto o bálsamo mestúrase co aceite. Entón, o crisma, perfeccionado cunha oración final, recibe a homenaxe de todos os ministros sagrados presentes. Logo da cerimonia lévase de novo á sancristía, e distribúese entre os párrocos que custodiarán dignamente os santos óleos para o seu uso nos sacramentos.

Os óleos do ano anterior deben queimarse ou se sobran en gran cantidade poden consumirse nalgunha lámpada. O sacerdote encargado da súa custodia debe velar para que se renove cada ano, aínda que se non houbese dispoñible o do ano, o sacramento impartido con el sería válido.

O crisma conságrase (faise sagrado) e os outros óleos soamente se bendín. A consagración do crisma é de competencia exclusiva do Bispo

SIGNIFICADO

O aceite de oliva, sendo pola súa propia natureza rico, difusivo e durable, é apto para representar a efusión abundante da graza sacramental, mentres que o bálsamo, que lle dá os aromas máis agradables e fragantes, representa o suave cheiro da vida cristiá, a dozura innata da virtude. O aceite tamén lles dá forza e flexibilidade ás extremidades, mentres que o bálsamo preserva da corrupción. Así, a unción co crisma significa a plenitude da graza e a fortaleza espiritual polas cales somos capaces de resistir o contaxio do pecado e producir as doces flores da virtude.

A unción co crisma representa a plena difusión da graza. Significa que os cristiáns, polo bautismo, participan do sacerdocio real e profético de Cristo, e reciben pola confirmación a unción espiritual do Espírito Santo, que se lles dá.

A Semana Santa lucense foi presentada en Madrid

Basanta, Ónega, Basadre y Carnero en la presentación
A Casa de Galicia, delegación da Xunta en Madrid, acolleu esta mañá a presentación en Madrid da Semana Santa de Lugo, co obxectivo de dar a coñecer e difundir, entre medios e público en xeral, a tradicional Semana Santa lucense e todos os atractivos que a rodean. Turismo Relixioso, Patrimonio Cultural, Lugo Romano e Lugo Verde, fan da cidade un destino único e incomparable.
No acto, que estivo presidido polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, interviñeron a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre; o delegado de Patrimonio Histórico-Artístico da diocese de Lugo, César Carnero; e o coordinador xeral da Xunta de Confrarías da Semana Santa de Lugo, Ramón Basanta.
Para José Ramón Ónega, “como lucense que son, sempre é para min un motivo de orgullo acoller un acto como este”.
Pola súa banda, Carmen Basadre lembrou que se solicita para a Semana Santa de Lugo a declaración de Festa de Interese Turístico Galego e explicou que “esta celebración relixiosa ten moita tradición na cidade e son moitas as persoas que cada ano se achegan a Lugo para seguir as vistosas procesións”.
Para César Carnero, delegado de Patrimonio Histórico-Artístico da diocese de Lugo, a Semana Santa de Lugo está intimamente ligada ao privilexio da Exposición permanente do Santo Sacramento no Altar Maior da catedral, “a tradición eucarística de Lugo, plásmase en que, dende o ano 1963, a procesión do Xoves Santo é a única en España en que a Sagrada Forma sae a procesionar polas rúas da cidade e no acto excepcional que se desenvolve na mañá de Pascua consistente no encontro entre Cristo Resucitado e a súa Nai”.
Mentres, o coordinador da Xunta de Confrarías de Lugo, Ramón Basanta sinalou que cada ano é máis numerosa a participación na Semana Santa lucense porque conta con “peculiaridades e privilexios excepcionais que a fan completamente diferente á doutros lugares de España e, polo tanto, merecedora de ser visitada”.
Durante a presentación, proxectáronse preto dun centenar de magníficas imaxes de Lugo e a súa Semana Santa.
A %d blogueros les gusta esto: