Primeiros actos da Semana Santa de Lugo

DOMINGO DE RAMOS, 9 de abril:

  • Ás 11,30 h. bendición de ramos e palmas. Concentración na Praza de Santa María e comezo ás 11,40h da procesión da entrada triunfal de Xesús en Xerusalén. Ao retorno da mesma, continúa a Eucaristía na Catedral.

  • Ás 19 h. procesión da Virxe das Dores de Maria Santísima. Participa na procesión a Banda Municipal de Meira. Ao remate intervirá o “Orfeón Xoán Montes”, interpretando a “Salve Raíña”.

  • Ás 20 h. na Catedral: Eucaristía, con canto de Vésperas. (Ilmo. Cabido e fieis).

  • De 10 da mañá ata as dúas da tarde, e de 5:30 ás 7 da tarde na Catedral, Bicapés de Xesús Nazareno

LUNS SANTO 10 de abril

  • Ás 10,15 h. na Catedral Eucaristía, co canto de Laudes (Ilmo. Cabido e fieis)

  • Ás 20 h na Catedral: Eucaristía, co canto de Vésperas. (Ilmo. Cabido e fieis).

  • Ás 20,30h procesión da Virxe da Esperanza

MARTES SANTO 11 de abril

  • Ás 10,15h na Catedral: Eucaristía, co canto de Laudes. (Ilmo. Cabido e fieis).

  • Ás 20 h na Catedral: Eucaristía, co canto de Vésperas. (Ilmo. Cabido e fieis).

  • Ás 20:30h Procesión do Bo Xesús e do Nazareno

MÉRCORES SANTO 12 de abril

  • Ás 11,00 h. na Catedral Misa Crismal coa bendición dos óleos e a consagración do Santo Crisma, que logo serán levados a tódalas parroquias da Diocese.

  • Ás 20 h na Catedral: Eucaristía, co canto de Vésperas. (Ilmo. Cabido e fieis).

  • Ás 20,30 h procesión do Cristo do Perdón, da Virxe da Piedade e Viacrucis

Vía Crucis

A Xunta Oficial de Confrarías de Semana Santa organiza o venres 7 de abril ás 20,15h un Via Crucis, devoción antiquísima e fondamente arraigada no pobo cristián, que xorde do desexo de meditar e sentir con autenticidade a Paixón e Morte de Xesuscristo.

Itinerario: PP. Franciscanos, (1ª Estación), Casas Novoa, Praza Sta. María, Bo Xesús, pasando logo por dentro da Catedral e saíndo pola porta principal a Praza de Pío XII, Bo Xesús, Praza de Sta.María, e diante do Bispado, a derradeira estación.

Este Viacrucis sairá a ombreiros de corenta mulleres o “Paso” do ”Cristo da Misericordia” que é venerado na Parroquia de Santiago a Nova.

Pregón da Semana Santa de Lugo

O 31 de marzo, ás 20:30 horas, na igrexa de Santiago A Nova deuse lectura ao pregón da Semana Santa de Lugo. A persoa encargada do pregón foi PILAR FALCÓN OSORIO, da Pastoriza, doutora en Ciencias da Información. Ten formación en Marketing, Publicidade e Relacións Públicas. Membro fundador da TVG e da emisora Onda Madrid, publicou os libros Fraga y Galicia, El Imperio Rosa e contos infantís. Membro da Academia das Ciencias e as Artes de Televisión.

[Ver texto do pregón]

 

Como pórtico musical interviu o Orfeón Lucense e durante o acto foille imposta a Dª CONCEPCIÓN TEIJEIRO REVILLA, a Insignia de Ouro da Xunta de Confrarías de Semana Santa, polo seu apoio constante e desinteresado tanto á Xunta como a varias das súas confrarías, ao longo de toda a súa vida.

Semana Santa 2017

Para vivir a nosa fe en Deus, a verdadeira fe cristiá, é especialmente importante lembrar sempre que o nacemento, paixón, morte e resurrección de Xesús non son feitos que se poidan relegar ao pasado, como meras historias que conteñen algunha moralexa; que Xesucristo non é simplemente alguén doutra época, senón que é o noso contemporáneo, que a súa Presenza e a súa misericordia son reais.

A forma en que El realiza a súa misión, os momentos culminantes da súa existencia son absolutamente decisivos para os que queremos estar con El. Na sinagoga de Cafarnaún e, máis tarde, na súa Paixón a maioría marchouse; aínda que gustaran dos seus ensinos, gozado dos seus milagres e considerábanse discípulos seus. Pero non se chega a coñecer de verdade ao Señor Xesús se non se acepta a súa ofrenda por nós na cruz, a doazón do seu corpo e do seu sangue, a súa resurrección. Sen as palabras e os feitos da Última Cea non se chega ao corazón da súa Persoa e da súa obra.

Isto proclama tamén a tradición lucense da Semana Santa, coas súas grandes celebracións litúrxicas e as súas diferentes procesións e actos de piedade popular. Nestes días, no centro da nosa cidade, volve anunciarse publicamente o sacrificio redentor do Señor, realizado na carne, e a ofrecerse a todos os seus froitos de perdón e salvación. Convídasenos a crer e esperar no amor inmenso de Cristo, que vén sempre en auxilio de quen se lle achega con corazón dolorido, con fe humilde e arrepentimento sincero.

Este anuncio, en que as Confrarías participan de modo particular, segue sendo necesario no noso mundo, moi necesitado de fe e de consolo, e que, ante o escándalo do mal e do sufrimento, parece capaz de crer xa só nun Deus que sexa misericordia.

Na nosa época, marcada polo egoísmo, a avaricia, o desprezo do débil, do que non é “útil”, os actos e procesións con que meditaremos e honraremos os misterios da nosa fe, farannos presente a Aquel que non nos desprezou a ningún, senón que morreu por todos, pola nosa salvación, e serán unha oportunidade real de recoñecer persoalmente a necesidade do perdón dos pecados, de cambiar mente e corazón, para que, coa graza do Señor, sexa posible a renovación da nosa vida e a construción dunha sociedade verdadeiramente fraterna.

Pois todas as celebracións da Semana Santa son unha invitación insistente a descubrir de novo o amor entrañable do Pai, que se nos fai presente en Xesús de forma concreta, e así, co exemplo e a protección da Santísima Virxe María, crer en Deus en todas as circunstancias da vida.

Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo

Presentación da Semana Santa de Lugo

O 29 de marzo tivo lugar a presentación da Semana Santa de Lugo 2017.

O Coordinador da Xunta de Confrarías de Lugo, Ramón Basanta, destacou que outras Semanas Santas, incluso con maior recoñecemento ca lucense, carecen de algo que si ten a Semana Santa de Lugo: desde o Domingo de Ramos ata o Domingo de Resurrección, todos os días organízanse procesións. Noutros sitios empezan o Xoves Santo ou o Venres Santo. O cartel está realizado polo fotógrafo artístico Eduardo Ochoa.

A Concelleira de área de Cultura, Turismo, Mocidade e Promoción da Lingua do Concello, Carmen Basadre, anunciou que vai facerse unha promoción da Semana Santa consistente nunhas postais que estarán na Oficina de Turismo a partir de fotografías que Eduardo Ochoa foi realizando a través do tempo. É un reclamo máis para os visitantes e permitirá que a xente coñeza mellor a Semana Santa lucense.

O responsable da área de Promoción do Territorio e Turismo da Deputación Provincial, Eduardo Vidal, indicou que “achegarse á Semana Santa de Lugo é unha oportunidade de coñecer as distintas excelencias culturais e patrimoniais sen dúbida baixo o centro da relixiosidade e da fe”. Tamén agradeceu o labor das confrarías e o feito de que se produzan unhas sinerxias pola colaboración de distintas institucións.

O Vicario Xeral da Diocese, Mario Vázquez Carballo, asegurou que as confrarías non só fan un esforzo para celebrar a Semana Santa senón que colaboran coa Igrexa todo o ano, preocupándose cada vez máis de accións caritativas, actos culturais, colaborando coas parroquias e coa Catedral…

A %d blogueros les gusta esto: