Triduo na honra de San Xosé na Catedral

San Xosé no coro da Catedral de Lugo (detalle)

Os tres días previos á solemnidade de San Xosé, a Catedral de Lugo acolle ás 18:30 h tres sesións de formación que permitirán profundizar na figura do pai de Xesús e coñecer mellor a súa persoa e a súa santidade.

Martes 16: A carta apostólica Patris Corde do Papa Francisco

Por Dona Mercedes Enríquez García

Mércores 17: Imaxes e pinturas de San Xosé, devoción, arte

Por Dona Natalia Viklorovna Ushakova Nikiforova e Hna. Mª. Esther Ferreiro Machon. Misioneira Eucarística de Nazaret

Xoves 18: Pai exemplar virtudes; devoción e oracións populares.

Por Don Carlos Pérez e Don Santos Adonías Santiago Rodríguez.

Despois destes actos terá lugar a coroación de San Xosé e a Eucaristía das 8 da tarde.

Ano de San Xosé

Con motivo do 150 aniversario da declaración de San Xosé como patrón da Igrexa universal esta semana iníciase o Ano de San Xosé, que concluirá o 8 de decembro de 2021. Así o establece a carta apostólica Patris corde («Con corazón de pai»). Un decreto da Penitenciaría Apostólica que anuncia este tempo especial fixa así mesmo a concesión de indulxencias no contexto actual de emerxencia sanitaria.

O Papa Francisco quixo achegarse á figura do pai de Xesús, a quen describe na súa carta como un pai na tenrura, na obediencia e na acollida, e un traballador sempre na sombra.

Coa súa carta apostólica sobre o esposo da Virxe, Francisco enriquece a figura dun santo cuxa festa litúrxica foi proclamada o 19 de marzo polo Papa Sixto V a finais do século XV. A súa proclamación como patrón do mundo obreiro o 1 de maio foi obra de Pío XII en 1955.

No informativo diocesano que se emite o domingo 13 de decembro ás 9:45 h en Cope Lugo, Mons. Alfonso Carrasco fala da figura de San Xosé.

1 de maio, festa de San Xosé e Día internacional dos traballadores

As entidades promotoras da iniciativa Igrexa polo Traballo Decente (Fundación Juan Soñador, Cáritas, Confer, Irmandade Obreira de Acción Católica, Xustiza e Paz, Mocidade Estudante Católica, Mocidade Obreira Católica) priorizan dinámicas de sensibilización, visibilización e denuncia sobre o traballo humano, central na sociedade e esencial na vida de millóns de persoas.

Un eixo de intervención está orientado á celebración da festa de san Xosé Obreiro e Día Internacional dos traballadores, o 1º de maio.

Publícase un manifesto que mostra unha realidade moitas veces silenciada como é o traballo escasamente valorado de traballadores que a pesar das súas condicións laborais débiles e precarias, son esenciais para o coidado da vida. Ademais incorpora unha serie de reclamacións para dar resposta a esta crise socioeconómica.

[Ver manifesto]

A diferenza doutros anos, a convocatoria deste Primeiro de Maio terá un carácter extraordinario, por motivos de confinamento e distanciamento social necesario neste tempo, pero esta situación non suporá permanecer inmóbiles, senón que haberá:

  • Oración. [Guión litúrxico]
  • Colocación en xanelas ou balcóns de carteis co lema “Aplauso polo Traballo Decente”. As fotos que se fagan poden facerse chegar a empleolugo@caritas.es.
  • Cacerolada o venres 1 de maio ás 12h.

San Xosé, Día do Seminario. Perfil do sacerdote do futuro

A Igrexa celebrou o quinto domingo de Coresma, xa coa perspectiva da Semana Santa, a máis importante do ano litúrxico. E hoxe, día de precepto para os católicos, celebramos a solemnidade de San Xosé, esposo da Virxe María, “varón xusto, nacido da estirpe de David que fixo as veces de pai para co Fillo de Deus“. A Igrexa venérao con especial honra como patrón, a quen o Señor constituíu sobre a súa familia“ (Do Martiroloxio Romano). Estas palabras expresan con claridade a paternidade de Xosé (PP, daí o hipocorístico Pepe que segundo unha estendida etimoloxía popular sostén que provén das siglas da definición de Pater Putativus) asociada tamén á súa misión na Igrexa, cuxa paternidade é exercida de modo particular a través dos sacerdotes, quen han de animar a fe e a esperanza nas promesas de Deus ao seu pobo. Así, do mesmo xeito que Xesús neno foi confiado ao coidado de Xosé, tamén o Señor pon hoxe ante nós o coidado dos sacerdotes para que poidamos crecer, do mesmo xeito que o neno Xesús cos coidados de Xosé e María, en sabedoría e graza ante Deus e os demais.

Aínda que é verdade que os sacerdotes do futuro xóganse un rol social cada vez menos irrelevante, tamén é certo que o líder (sacerdote) cristián do futuro non terá que preguntarse tanto sobre a eficacia dos resultados pastorais conseguidos canto a súa calidade de representante de Deus na existencia humana. Cada día é maior o número de persoas que sofren de soidade, de abandono, de falta de amizade e de compañía. Seres humanos con profundas minusvalías morais e espirituais, sen referencias claras onde poder atopar compañía, sanación e curación. Perfílase con claridade a necesidade de “xentes de Deus“, arraigadas e enraizadas no corazón misericordioso de Deus, que coñecendo a mística do divino, saiban acoller, escoitar, perdoar e acompañar, e sexan capaces de saír ao encontro dos necesitados revelando, só coa súa presenza e sen complexos, que Deus é amor.

“Apóstolos para os mozos“, é o lema que este ano se nos propón para a celebración do día do Seminario. Non está mal. Os estudos estatísticos máis recentes, entre eles o da Fundación SM, manifestan a necesidade dun achegamento entre mozos e relixión. Hai unha tendencia ao descenso de mozos crentes, e unha crecente desvinculación da Igrexa e doutras institucións. Debemos reflexionar por que, na sociedade da hiperconectividade, unha maioría de mozos desconecta da Igrexa. É unha tristeza que moitos dos nosos mozos, bos e próximos por natureza, e falo pola miña longa experiencia na Universidade, tendan a salvarse na súa soidade e no océano da incerteza. Quédanos o consolo de que Deus nunca abandona á súa Igrexa. Pero a uns e a outros, a pais e mestres e especialmente aos sacerdotes, deben preocuparnos os herdeiros. San Xosé, a quen veneramos con respecto e admiración, é modelo de santidade e entusiasmo educativo en tempos difíciles.

A este santo exemplar, cuxo nome levamos con tanto orgullo Pepas e Pepes do mundo enteiro, encomendámonos contemplando as súas belas imaxes na nosa Catedral. Entre outras, cito dúss: unha bela iconografía no lateral esquerdo do coro de Simón de Monasterio e de Francisco de Moure (1621-1624) e outra, no altar de San Xosé, do escultor madrileño F. Javier Meana, cuxa preciosa imaxe de mirada compracente levando da man ao Neno Xesús riseiro, invita á pregaria e á contemplación. Felicidades.

José Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Nota dos Bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago ante a solemnidade de San Xosé

A persoa e a vida de San Xosé teñen na historia da nosa salvación unha importancia que foi recoñecida sempre pola sagrada Liturxia e as leis canónicas ao propoñer a súa festa como día de precepto (cf. canon 1246). A Igrexa venérao con especial honra como patrón, a quen o Señor constituíu sobre a súa familia. Tradicionalmente o pobo cristián secundou esta norma dando un significativo realce familiar e social á festa do 19 de marzo.

Neste ano 2018, este día foi declarado laborable na Comunidade Autónoma de Galicia.

Ante a necesidade de fixar claramente o tratamento que dita festa debe ter por parte da comunidade católica, os Bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago acordamos manter nas Dioceses respectivas o carácter festivo deste día. En consecuencia, e para coñecemento dos fieis, dispoñemos:

1. Manter o 19 de marzo, solemnidade de San Xosé, festa de precepto, coa obrigación de participar na Santa Misa, aínda que sexa laboralmente hábil.

2. Aqueles fieis que teñan xornada laboral ordinaria quedan dispensados do precepto, aínda que se lles pide e recomenda vivamente a participación na Eucaristía dese día de festa dedicado a San Xosé, Esposo da Virxe.

3. Pedir, igualmente, aos párrocos e reitores de igrexas que informen os fieis con antelación destas decisións e acomoden no posible os horarios de misas ás posibilidades e necesidades dos fieis.

4. Ao coincidir a celebración do Día do Seminario coa festividade de San Xosé, a oración e a colecta para o Seminario Diocesano serán trasladadas á tarde do sábado, día 17, e ao domingo, día 18 de marzo.

5. Seguindo o calendario litúrxico, a Solemnidade de San Xosé celebrarase unicamente ao longo do día 19 de marzo.

+ Julián, Arcebispo de Santiago.

+ Luis, Bispo de Tui-Vigo.

+ Alfonso, Bispo de Lugo.

+ José Leonardo, Bispo de Ourense.

+ Luis Ángel cmf, Bispo de Mondoñedo-Ferrol.

+ Jesús, Bispo Auxiliar de Santiago.

A %d blogueros les gusta esto: