Un exemplo de vida: San Óscar Romero

Cando era mozo, unha persoa que levaba moitos anos traballando en medios de comunicación díxonos que a persoa mellor informada do mundo era o Papa. Sorprendeume a información, pero non lle levei a contraria senón que lle pedín máis explicacións. Froito delas e doutros datos é este artigo.

A Santa Sé, aínda que como estado é minúsculo, é o 1º país do mundo en relacións diplomáticas, pois mantenas con 183 estados; Estados Unidos con 167 e Francia con 160 (España só con 115). O nuncio soe ser o Decano do Corpo Diplomático. Os diplomáticos realizan unha dobre función: informar ó seu “Estado” e representalo ante o país no que están acreditados.

Os bispos do mundo teñen que facer cada 5 anos a visita “ad límina” ao Papa na que informan da súa Diocese, dos feitos relevantes para a súa acción pastoral e analizan perspectivas de futuro. Esta visita, na medida do posible, tamén a fan o bispos nomeados clandestinamente.

Ademais, as diversas ordes relixiosas, movementos apostólicos… teñen membros en moitos países (hai misioneiros españois nuns 130) e os responsables ou coordinadores están con frecuencia en Roma e comunican o que consideran relevante.

Por outra parte, algunhas das autoridades que visitan ao Papa consúltanlle os seus problemas de conciencia e mesmo se confesan. Saben que o Papa débese ao secreto de confesión e a preservar a súa conciencia. Isto paréceme pouco posible nas nosas autoridades, pero igual me equivoco.

No comezo de 1980 chegou ao Papa a información de que se decidira matar a Óscar Romero e o plan estaba en marcha. Naturalmente o Papa sábese na obriga de defender a vida das persoas e chámao a Roma. Recíbeo o 30 de xaneiro de 1980 (estivera co Papa o 7 de maio de 1979). O Papa, para protexelo, ofrécelle desempeñar unha responsabilidade en Roma. Romero, un santo pastor, rexeita esa protección para seguir co seu ministerio no Salvador. Xoán Paulo II alentouno a continuar a “defensa da xustiza social” e seguir na “opción preferencial polos pobres”, segundo anota Romero no seu diario.

O regreso faino por Bélxica onde recibe o 2 de febreiro o título de doutor ‘honoris causa’ en Lovaina. Creo recordar que alí respondeu a periodistas que “prefire morrer co seu pobo a vivir en Europa”.

A información, ao parecer, chegara ao Papa por medio dun monxe bieito, capelán das forzas armadas dun exército moi, moi poderoso. É entendible que quen coñecese esa decisión non quixera cargar coa conciencia de permitir a execución; que llo comunicara mesmo a quen non é da súa mentalidade ou relixión, pero preservando a vida dos seus informantes e a eficiencia dos seus pasos.

Daquela, algunhas persoas e medios de información dicían que a Santa Sé condenaba a acción pastoral de Óscar Romero, que o quería silenciar… Esas afirmacións só podían ser froito de ter malas informacións ou de prexuízos anti-Igrexa, ou das dúas cousas. Como di o manual de ensinanza básica da CIA para os seus analistas: “O peor inimigo do analista de intelixencia é a súa propia ideoloxía”.

A realidade dos feitos é que a Santa Sé non só non condenaba nin represaliaba a Monseñor Romero, senón que nolo propón como exemplo a seguir na vida da Igrexa ao declarar a súa santidade. Foi beatificado o 23 de maio de 2015 e canonizado o 14 de outubro de 2018.

  1. Xoán Paulo II na visita ao Salvador (marzo 1983) cambiou o programa pactado co goberno. Na metade do traxecto do aeroporto ao centro da cidade, sen avisar a ninguén, mandou dirixir o vehículo papal por unha estrada deserta á catedral, que tiña a porta pechada por non ser esperada a súa visita. Alí rezou na capela da Virxe e axeonllouse en silencio na tumba de S. Óscar Romero; logo rezou o Noso Pai, a Avemaría e un “De Profundis”. Despois no altar maior dixo que quería recordar ao “celoso pastor Óscar Romero”, quen, “empurrado polo amor a Deus e pola súa entrega aos irmáns, ofreceu o don da súa vida, mesmo violentamente, mentres celebraba o rito do perdón“. Tamén pediu expresamente que aparecese o nome de Romero na celebración en memoria aos mártires cristiáns no Xubileu do ano 2000 no Coliseo de Roma.

Non ignoro que Romero tivese e teña detractores por diversas causas. Pero quero sinalar dous feitos:

  1. Foi asasinado o 24 de marzo de 1980 durante a Misa que celebraba na capela do Hospital da Divina Providencia para cancerosos (colonia Miramonte de San Salvador) pouco antes da Comuñón.
  2.  Destaco as palabras da homilía na anterior Misa da Catedral (domingo 23): “Ningún soldado está obrigado a obedecer unha orde contra a Lei de Deus (non matar). Unha lei inmoral ninguén ten que cumprila. Xa é tempo de que recuperen a súa conciencia e que obedezan antes a súa conciencia que á orde do pecado… No nome de Deus pois, e no nome deste sufrido pobo, cuxos lamentos soben ata o ceo cada día máis tumultuosos, suplícolles, rógolles, ordénolles no nome de Deus: cesen a represión.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

A %d blogueros les gusta esto: