Vacacións-convivencia para maiores de Samos

A Fundación O Noso Lar organiza entre os días 20 e 27 de abril unha nova edición das vacacións-convivencia para as persoas maiores. Trátase de que teñan a oportunidade de ampliar as súas experiencias e descansar uns días fóra da súa contorna de Samos. O destino deste ano é Aragón, onde se visitará Jaca, Aínsa, Huesca, Zaragoza e Tarazona. Na viaxe de regreso tamén se visita Soria e Burgo de Osma.

75 anos do monumento ao Padre Feijoo en Samos

Preparativos para instalar o monumento. Imaxe do arquivo do Mosteiro de Samos

Frei Benito Jerónimo Feijoo e Montenegro foi un dos moradores ilustres do mosteiro benedictino de Samos, onde realizou o noviciado de 1676 a 1678. Feijoo expresaría en varios dos seus escritos o seu amor por Samos. E aquí quixeron corresponderlle cun recoñecemento que comezou a xestarse en 1935, sendo abade Mauro Gómez Pereira, que pensou nun monumento e promoveu unha subscrición popular. Para levar a cabo esta homenaxe foi nomeado un comité «pro-monumento», e entre os seus membros estaban Ramón Otero Pedrayo, Xosé Filgueira Valverde. Tras o parón causado pola Guerra Civil, renováronse as accións do comité.

A obra foi tallada por Francisco Asorey, e o proxecto converteuse en realidade o 24 de agosto 1947, coa inauguración da estatua.

En Samos organizáronse grandes festexos populares, e no mosteiro celebrouse unha misa pontifical, presidida polo bispo de Lugo, Rafael Balanzá, con sermón laudatorio do prelado mindoniense Fernando Quiroga Palacios. A continuación o mesmo bispo diocesano procedeu á bendición do monumento, ante o cal o abade de Samos pronunciou un discurso ao que contestou o ministro de Industria, Juan Antonio Suances.

Horta e xardín, do claustro nos plantíos

de legumes, de hortensias e de rosas,

os Padres Reverendos – falas suaves,

ademáns repousados e tranquilos

e pasadas leviáns e silenciosas-

pasean de vagar, lentos e graves,

en conversas unxidas de dozura,

de casos de moral e teoloxía,

dun erro sustantivo na lectura

dun antigo diploma,

das misións nunha terra en lonxanía

e os decretos da Orden e de Roma,

mentres no pedestal, inmóbil, erguido,

sorrí bondadoso e escoita compracido

o noso Padre Feixoo, o Mestre aceso

pola verdade, alleo ao prexuízo,

que aquí xogou novicio

e vestiu a cogulla de profeso;

o gran galego de visión certeira

e pluma sabia, crítica e recoita,

que aquí atopou repouso na canseira

do longo enseño e da esforzada loita.

O evocador xardín do claustro antigo

ten o dulzor do encontro cun amigo

dos breves anos da sinxela infancia.

RAMÓN CABANILLAS ENRÍQUEZ. “Samos”

XXVIII Festa Convivencia cos maiores de Samos

O 19 de agosto terá lugar a 28ª edición da Festa Convivencia cos maiores que organiza, este ano en Castro de Loureiro, a Fundación O Noso Lar. Este ano o lema é “Os maiores, gardiáns do noso patrimonio cultural”. E o programa é o seguinte:

12:30 h  Celebración da Eucaristía

13:30 h  Homenaxe aos maiores de 90 anos

14:30 h  Xantar compartido

17:30 h  Concerto do grupo de música folk Millo Verde – Cantares dos Pendellos de Agolada

 

Por outra parte, a igrexa de San Martiño de Lousada (Samos) será rehabilitada, pois ten derrubadas a cuberta da nave lateral, o presbiterio e a sancristía. Desde fai uns 40 anos, os oficios relixiosos lévanse a cabo na igrexa de San Román de Lousada.

A Xunta de Galicia elaborará outro proxecto para que se adapte ás características actuais. A intención é que estean concluídas as obras para o próximo Ano Santo 2021.

Ao templo de San Martiño de Lousada, unha das primeiras manifestacións de románico da provincia de Lugo, o historiador Francisco Vázquez Saco recoñécelle “valores artístico-arquitectónicos”.

Con respecto á historia, nunha escritura do Tombo de Samos do ano 872 xa se menciona Lousada. E por razón do Voto de Santiago, a Parroquia de San Martiño de Lousada achegaba no ano 1050 un tecido de la de 9 cóbados de longo.

 

Encontro en Samos dos benedictinos de España e Portugal

Samos

Entre os días 19 e 22 de maio celébrase no Mosteiro de Samos un Encontro Ibérico Monástico das comunidades benedictinas de España e Portugal (29 comunidades femininas, 12 masculinas).

Trala oración de Laudes, o día 19 de maio o sacerdote D. Andrés Villar falará sobre a “Unión de Comunidades”. Pola tarde, o relatorio será sobre a ”Comunidade Asistencial Monte Sión” a cargo do P. Isidoro Anguita, Abade de Santa María de Huerta.

O dia 20 de maio, o P. José María Soler, OSB, Abade de Santa María de Montserrat comunicará o seu relatorio “Autonomía dos Mosteiros na Congregación Sublacense Casinense. Agregación de mosteiros femininos”. Pola tarde, a M. Kándida Saratxaga, Abadesa de Santa Ana de Lazkao falará sobre “A Congregación de Castilla: unha Congregación monástica feminina”.

Finalmente, o último día do Encontro estarán presentes o Secretario e o Subsecretario da Congegación vaticana para os Institutos de Vida Consagrada, Mons. José Rodríguez Carballo e Sebastiano Paciolla, respectivamente.

A %d blogueros les gusta esto: