De todos é sabido que na vida dos curas non se pode separar a vida persoal do traballo. Eu non teño o traballo de cura, eu son cura, independentemente de que exerza ou non como tal ou, mesmo, aínda que me dedicase a outras tarefas profesionais, sigo sendo cura. De igual modo, os cónxuxes son un matrimonio polo sacramento recibido e non pola ocupación laboral de desempeñan.
Dito isto, trato de responder á pregunta que fago no título deste post, aínda que, de entrada, a resposta parece obvia. Os dereitos e obrigacións que teñen os curas son os mesmos que os de calquera persoa do mundo, ou no peor dos casos, os de calquera cidadán do seu mesmo país de residencia. Permítome lembrar aquí o artigo 2 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e o 14 da Constitución Española por se alguén non os leu.
«Toda persoa ten todos os dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración, sen distinción algunha de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión política ou de calquera outra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición. Ademais, non se fará ningunha distinción fundada na condición política, xurídica ou internacional do país ou territorio de cuxa xurisdición dependa unha persoa, tanto no caso dun país independente, como dun territorio baixo administración fiduciaria, non autónomo ou sometido a calquera outra limitación de soberanía».
«Os españois son iguais ante a lei, sen que poida prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social».
En ningún lado di que por profesar unha relixión se teñan menos dereitos ou obrigacións. Por tanto, os sacerdotes, como calquera cidadán temos os mesmos dereitos e obrigacións e ninguén pode limitárnolos nin impornos outros pola nosa condición de relixiosos.
Diranme que isto é algo evidente, e así debe ser. Pero a realidade está a mudar e isto xa non é tan evidente. A persecución ideolóxica e a limitación da liberdade de expresión e de culto xa empeza a manifestar uns “brotes” preocupantes.
Se o cura manifesta opinións acordes coa ditadura do politicamente correcto non hai problema ningún e mesmo recibirá aplausos. Pero como o cura cruce “a liña vermella” xa sabe o que lle espera. Se o cura opina pola “dereita” hai que denuncialo ao bispo e ao papa e pedir que o cesen ipso facto. Se opina pola “esquerda” está no seu pleno dereito e hai que respectar a súa liberdade.
Segundo os artigos expostos, ninguén nin nada nos pode impor cousas distintas ao resto dos mortais nin limitarnos no goce dos nosos propios dereitos. Seremos nós mesmos, nunha decisión libre, os que aceptemos as normas que nos propón a Igrexa, por exemplo as do Código de Dereito Canónico, que nos impide «aceptar aqueles cargos públicos que levan consigo unha participación no exercicio da potestade civil» (Canon 285 § 3) ou «participar activamente nos partidos políticos ou na dirección de asociacións sindicais a non ser que segundo o xuízo da autoridade eclesiástica competente, esíxano a defensa dos dereitos da Igrexa ou a promoción do ben común» (Canon 287 § 2).
Como ven, non hai nada que nos impida ter as nosas opinións, ler o que nos pareza ou seguir a quen queiramos nos medios de comunicación ou redes sociais.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco da Fonsagrada
[Artículo en castellano]
Gústame esto:
Gústame Cargando...