Un cura non é un traballador da “BBC”

bbc

Durante os meses de verán, deixando de lado tamén obrigacións ministeriais, acostumo a traballar algúns fins de semana na ”BBC”. Si, non se asusten, sobre todo os sábados dedícome ás “bodas”, bautizos e comuñóns (“BBC”) reducidas case exclusivamente a eventos sociais. Se queren outra comparación poden tomala dos anuncios publicitarios dos restaurantes: “Salóns para vodas, bautizos e comuñóns…” no meu caso, é case o mesmo.

Teño claro que a misión dun cura non é a de ser un organizador de eventos sociais. Aínda que recoñezo que algúns sacramentos que recibimos os cristiáns ao longo da nosa vida teñen un compoñente festivo ou social moi importante; non obstante, é secundario.

O esencial dos sacramentos é Deus que pasa e chama para entrar e quedar na nosa casa. Se falla o fundamento, todo o demais convértese en fume que pasará sen pena nin gloria e que só servirá para incentivar un pouco a economía dalgúns negocios, e quedará todo reducido a un intercambio de agasallos: hoxe, ti; mañá, eu.

Asegúrolles que non decidimos ser curas coa intención de ser animadores de festas ou empresarios dos sacramentos, porque ata nisto, a Igrexa é a que menos gana. Na miña parroquia pedimos, para os que poidan pagalo, 100€ por un funeral ou unha voda (ter a igrexa aberta medio día, preparar todo: a cuestión administrativa e decorativa, a cerimonia, recoller todo e varrer o arroz e o confeti, que é o peor). E non pedimos nada por todo o demais: bautizos, comuñóns, confirmacións. Agora miren o que custa unha coroa de flores ou un cuberto nunha voda.

Tampouco somos guías culturais. É certo que unha parte importante do patrimonio cultural de España é da Igrexa Católica. Pero a Igrexa só ten a misión de conservar o mellor que se poida un patrimonio que é para goce de todos. Pero non é a súa misión esencial, é algo colateral. As manifestacións artísticas que hoxe valoramos tiñan dúas ou tres funcións: honrar ao Señor, ter un lugar para o culto e o encontro da comunidade con Deus para celebrar a fe e unha función catequética, daí as representacións bíblicas e das verdades da fe. Xa se sabe, onte como hoxe, unha imaxe vale máis que mil palabras.

Os curas estamos para servir ás persoas, pero cunha misión concreta e única. Non se enfaden cando un cura lles diga a algo que non. Pensen por un momento que van a unha carpintaría metálica a arranxar unha xoia e empéñanse en que o empregado ten que soldar un fino pendente cun soplete de acetileno, pensado para cortar as grosas chapas de aceiro dun barco. No noso caso é case o mesmo. Moitas veces, sen mala intención, pídesenos algo que non ten nada que ver coa misión da Igrexa e que, ademais, non é bo para quen o pide ou, no mellor dos casos, é unha perda de tempo.

Termino con dous exemplos reais para que vexan que non estou desvariando. Cando preparo as vodas cos noivos, moitas veces a única pregunta que me fan é como se teñen que colocar. Dígolles que estean tranquilos que xa os colocará o fotógrafo. E no caso dos bautizos, a pregunta é quen ten que coller ao neno cando se lle bote a auga. Dígolles que o colla o que máis forza teña. Perdóenme as ironías.

Miguel Ángel Álvarez

Miguel Ángel Álvarez: Unha vocación, unha entrega

Hoxe celebramos a festa de San Xoán de Ávila, patrón do clero secular español. En moitas dioceses de España, por este día, faise unha homenaxe fraternal aos compañeiros sacerdotes que cumpren 25 ou 50 anos de sacerdocio, anos de vocación e de entrega.

Deus chámanos a todos á vida para que a vivamos dunha forma concreta: no matrimonio, no sacerdocio, na contemplación, no servizo aos pobres e aos máis débiles. En definitiva, unha vida de entrega a Deus nos demais.

Hoxe celebramos as vodas de ouro de 12 sacerdotes da nosa Diocese, pero non só iso, con eles, e grazas ao seu humilde servizo, moitos lucenses tiveron, durante 50 anos, o alimento da Palabra de Deus e da Eucaristía que lles ofreceron as mans destes sacerdotes.

Por este motivo hoxe todos estamos de parabéns. É un día para festexar 50 anos de presenza de Deus nas nosas vidas, e para agradecer o don da fe, o don da vocación, e, en concreto, o don do sacerdocio.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

10 de maio, San Xoán de Ávila

Acto académico San Xoán de Ávila

A Delegación Diocesana do Clero organiza os seguintes actos no Seminario de Lugo o 10 de maio:

  • 11:30 Conferencia de Benito Méndez Fernández (na foto, á dereita).

    Benito é doutor en teoloxía pola Pontificia Universidade Gregoriana e falou sobre “O Concilio Vaticano II e a súa influencia na vida dos curas”.

  • 13:00 Eucaristía

  • 14:00 Comida de irmandade.

Presentación do libro “os nosos devanceiros” na Deputación

O presidente do Centro gallego de Barcelona, Manuel Carrete, presentou xunto co párroco de O Courel y Quiroga, Xesús Río, o libro ‘Os nosos devanceiros: Quiroga, Ribas do Sil e O Courel’, con 160 páxinas de fotografías en branco negro sobre a vida diaria na montaña lucense, recopiladas por emigrantes desa zona da diocese de Lugo. O acto tivo lugar na Deputación de Lugo. Carrete tivo un agradecemento especial ó bispo, Mons. Alfonso Carraso, que os acompañou en Barcelona en diversas celebracións, nas que estiveron presentes máis de 1000 persoas na celebración da Eucaristía.

20120818-003223.jpg

20120818-003244.jpg

20120818-003303.jpg

20120818-003331.jpg

A %d blogueros les gusta esto: