24 Horas para o Señor

Ás portas do IV Domingo de Coresma, os días 29 e 30 de marzo celebrarase a iniciativa “24 Horas para o Señor“, xornada marcada pola oración de adoración eucarística, a reflexión e a invitación á conversión persoal a través do sacramento da reconciliación.

O tema elixido polo Papa para este ano son as palabras que Xesús pronuncia ante a muller adúltera: “Tampouco eu te condeno” (Xn 8, 11). Neste día proponse contemplar a imaxe de Xesús, que a diferenza da multitude reunida para xulgar e condenar, ofrece a súa infinita Misericordia, como unha oportunidade para acoller a graza e unha nova vida.

A celebración desta Xornada é unha ocasión favorable para redescubrir o lugar central que na vida cristiá debe ter o sacramento da reconciliación.

Confesar os pecados mortais polo menos unha vez cada ano, e en perigo de morte, e cando se comungue


Hoxe comezo cun dos cinco mandamentos da Santa Nai Igrexa, o que xustifica o que coñecemos como «o precepto», co que cumprían noutro tempo case todos os cristiáns durante o tempo de Coresma.
Está claro que, se un só se confesa por cumprir cun mandamento, pero non o fai porque teña dor dos seus pecados, a cousa non vai servir de moito. E tamén está claro que se un ten necesidade de confesarse non é necesario que agarde á Coresma para facelo. Por suposto, que o mesmo serve para comungar, que se debe facer todo o ano, non en balde é o alimento de inmortalidade que nos ofrece Xesucristo.
Entendo que nos dea vergoña confesarnos, xa que a ninguén lle gusta recoñecer que fixo cousas mal, mesmo cando non o viu ninguén. Pero, do mesmo xeito, estou seguro de que todos, nalgún ou en moitos momentos da nosa vida, escoitamos a voz da nosa conciencia que nos chama a atención polas cousas que fixemos mal. Mesmo, se cadra, moitas veces esa voz da conciencia non nos deixa durmir.
Independentemente da nosa fe e da vivencia que fagamos dela, todos temos necesidade de liberarnos daquilo que nos escraviza, chamémoslle pecado, erro, fallo, debilidade ou como queiramos.
Para liberarnos da escravitude do pecado podemos tentar mirar para outro lado ou autoconvencernos de que «non foi nada» ou  refuxiarnos no de «todos teñen pecados» ou no de «o que estea sen pecado que tire a primeira pedra», que, por certo, dixo
Xesucristo.
Como dicía, non nos podemos confesar por obrigación. Pero podemos probar a facer unha limpeza da nosa conciencia no confesonario, ante o sacerdote que representa a Cristo, o único que non ten pecado e que pode perdoalos todos de verdade. Como dicimos moitas veces por probar non perdo nada e se cadra gaño moito.

Miguel Ángel Álvarez, párroco da Fonsagrada

[Artículo en castellano]   Imaxe: cathopic

Limpeza a fondo. Confesarse por Nadal

Quizais no mundo rural non estamos moi afeitos a escoitar falar de confesións no Advento. Case todo o mundo lembra os preceptos en Coresma e moitos dos nosos cristiáns, por desgraza, só acoden a confesarse nos días próximos á Semana Santa e fano máis por unha obrigación que por unha necesidade que brote da dor dos pecados.

A situación pode ser paradoxal. Todos sabemos que non hai ninguén sen pecado (“O que estea sen pecado que tire a primeira pedra”), pero ao mesmo tempo cada vez temos menos conciencia dos nosos pecados, aínda que coñecemos ben os dos demais; xa saben o da palla no ollo alleo.

O Deus de Xesucristo vén visitarnos e a traernos o gran agasallo da boa nova da nosa salvación. Ante tal visita a todos gustaríanos ter a nosa casa en perfecto estado de revista para acoller ao Mesías.

É, por tanto, o momento de facer unha limpeza a fondo da nosa conciencia e de pór en orde as cousas da nosa vida. Toca levantar as alfombras e limpar eses recunchos ocultos nos que se vai acumulando sucidade. Por iso, o Advento tamén é un bo momento para confesarse. Ademais, a limpeza hai que facela cando hai sucidade, non imos andar como uns desaxeitados ata que chegue a Coresma.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo orixinal]

A %d blogueros les gusta esto: