O Delegado de Protección de Datos, Alfredo Losada, participou na formación permanente que organiza a Diocese de Lugo, e deu unha serie de recomendacións para a protección de datos.
Hai dous principios básicos
Un é a responsabilidade activa. Trátase de manter os datos seguros, utilizar os datos só para a finalidade para a que foron recabados. E o outro principio é o consentimento. Neste caso estamos a falar da necesidade dunha manifestación expresa e inequívoca de que se consente o uso dos datos. Ademais, hai que poder demostrar ese consentimento.
Importancia dos formularios
Nas páxinas web ten que aparecer un aviso legal, unha política de privacidade, unha política de cookies. Tamén están os formularios para os sacramentos. A Diocese dispón de formularios de catequese; para participar en actividades a través dun blog, revista; para formar parte dun grupo de comunicación (tipo whatspp, telegram) para favorecer actividades de catequese. No caso dos arquivos parroquiais, cando chega unha solicitude de datos, pode autorizarse unha representación para que outra persoa represente a quen está interesado nunha información custodiada nas parroquias. No caso do formulario de bautismo recóllese a posibilidade de usar a imaxe dos fillos e tamén ser partícipes das actividades pastorais organizadas pola parroquia ou a diocese.
Que facer ante as vulneracións de seguridade
Hai que ser proactivos, comunicar inmedatamente calquera vulneración en materia de protección de datos. Cando haxa un risco real para a liberdade e os dereitos das persoas, é importante abrir e notificar a incidencia ao Delegado de Protección de Datos e nun prazo de 72 horas á Axencia Española de Protección de Datos. Esta información é relevante tanto para a defensa dos datos persoais de todos os fregueses, como tamén o cumprimento que conleva a elaboración de protocolos, uso de formularios redactados consonte a normativa vixente en materia de protección de datos.