Antes de nada, quero pedir perdón polo título. Quizais non sexa o máis axeitado, pero xa se sabe que ultimamente, os títulos están máis para enganchar ao persoal que para facernos un resumo do artigo.
Os que me coñecen, saben que un dos meus intereses como cura é contribuír a que teñamos unha fe e unha práctica desta o máis auténtica posible. Que sexa unha fe que dea sentido á nosa vida e non só un cúmulo de tradicións e sentimentos dos cales descoñecemos xa a súa orixe.
Unha vez máis quero aclarar que non xulgo a bondade ou maldade dos fieis, pois ben sei que a maioría das veces que o facemos mal respecto das cousas da fe non é con mala intención, senón por descoñecemento ou por unha simple traizón dos nosos sentimentos. Tampouco quero pecar de iconoclasta.
Vimos do verán, tempo de festas e, por tanto, de procesións despois (ás veces antes) das misas. Quizais deberiamos empezar por lembrar o que é unha procesión. Abóndanos acudir a calquera dos dicionarios que hai na Rede:
«(Do latín processus, acción de avanzar). Camiñar comunitario dunhas persoas detrás doutras con sentido relixioso. Na liturxia romana da Misa hai varias procesións […] Durante o ano litúrxico están sinaladas procesións especiais […] Ademais adoitan facerse procesións fóra do templo levando o Santísimo Sacramento baixo palio ou as imaxes da Virxe María ou dos santos nas súas festas» (Aciprensa).
Poderiamos engadir a esta definición que unha procesión é tamén unha manifestación pública da nosa fe, na que pedimos a intercesión dos santos para que o Señor bendiga as nosas cidades, pobos ou campos. Supoño que estamos todos de acordo coa definición. Pero correspóndese coa realidade?
Despois dun verán de festas e «procesións» teño a sensación de que o que estamos a facer é máis ben sacar as imaxes dos santos de paseo, tratando de terminar pronto, á vez que pasamos polo medio dun corredor, no que ao carón están xa algúns co vermut na man, do outro un exército de paparazis cos seus móbiles inmortalizando o «paseo» e, por detrás, a banda tocando a peza acostumada para este momento.
Só unas poucas persoas da multitude que está no campo da festa ou nas rúas fan o percorrido da procesión cun auténtico sentimento relixioso e como unha profesión pública da fe. Por certo, que a orde nas procesións é o contrario a como o facemos habitualmente: primeiro os fieis en dúas filas, detrás da cruz procesional, e, por último, as imaxes dos santos.
Falamos da procesión como unha manifestación. Se se fixan, as manifestacións civís (normalmente reivindicativas) teñen unha estrutura semellante ás relixiosas, tanto na forma como o fondo: dar a coñecer unha causa e mostrar o noso apoio detrás dunha pancarta (estandarte) identificativa cunha mensaxe. A ninguén se lle ocorrería ir a unha manifestación sen coñecer ben os motivos desa manifestación ou só ir por ir ou ir rindo dos demais.
Non sei, quizais nas nosas procesións tamén teñamos que dicir iso de «non nos mires, únete, non nos mires, únete!», para que outros tamén poidan descubrir a grandeza e o gozo de seguir, como fixeron os santos ao máis grande, Xesucristo, e que non quede todo en sacar aos santos de paseo unha vez ao ano.
Miguel Ángel Álvarez
Párroco da Fonsagrada
Imaxe: cathopic