A Pastoral Penal organiza unha peregrinación polo Camiño de Santiago de máis de dous centenares de persoas de 13 prisións de España. Do cárcere lugués de Bonxe iniciaron o 2 de outubro a súa peregrinación 9 presos, 5 funcionarios e 2 voluntarios, despois de que na Catedral o capelán José Río Ramilo lles impartise a bendición do peregrino.
Nos últimos anos lévase a cabo no comezo do outono. Así, neste 2024 o 5 de outubro, despois de facer durante varios días algunha das rutas xacobeas, conflúen no Monte do Gozo 240 persoas, entre presos, funcionarios e voluntarios para facer o último tramo, ata Compostela, onde se participará na Misa do Peregrino e posteriormente no Seminario algúns dos peregrinos comunicarán a súa experiencia. Nesta xornada final tamén estará presente o Subdirector Xeral de Institucións Penais.
Ademais de Bonxe, os centros de reclusión que participan son: Mallorca, Puerto 3 (El Puerto de Santa María), Pereiro de Aguiar (Ourense), Morón de la Frontera, Jaén, Burgos, Pamplona, Córdoba, Teixeiro (A Coruña), Soto del Real, Botafuegos (Algeciras) e A Lama (Pontevedra).