O home é un animal curioso. En virtude da súa autoconsciencia e a súa racionalidade está “programado” para preguntar e preguntarse.
Que podo saber, que debo facer, que me cabe esperar… que é o home, As sempre presentes cuestións kantianas son, por extensión, as grandes preguntas da humanidade.
A metafísica, a moral, a mesma relixión son brazos da mesma cuestión: que é o home?
Se ben podemos afirmar a univeralidade destas preguntas, seguramente, non é tan doado atopar respostas unánimes ou mesmo consensuadas.
É máis, seguramente tamén, as respostas unívocas terán que ser tomadas con certa cautela. O grande filósofo e paradigma do pensamento cristián no medievo, San Tomé de Aquino, non podería ser máis claro cando afirmaba: -permítaseme a literalidade- Timeo hominen unius libri, é dicir, Temo ao home dun só libro. E é que a pluralidade, de ningún xeito ten necesariamente que estar reñida coa verdade, nin coa unidade… que non uniformidade. Volvamos ás preguntas desde esta perspectiva plural, que non relativista.
Estas cuestións semellan unha especie de circuíto onde a reflexión da humanidade foi evoluíndo, zizzagueando e dando as máis plurais respostas. Unha especie de “eterno retorno” onde a chegada e o punto de partida, ás veces, conflúen nun mismo cruce de camiños.
Permítaseme avanzar que este panorama universal no espazo e no tempo, lévanos a pensar que o verdadeiramente importante vai radicar non nas respostas, senón nas propias preguntas. É máis, no propio acto e no xeito, sempre diverso, de preguntar.
Esta curiosidade humana, da que falabamos ao comezo, vai dirixida en varias direccións. Unha cuestión cara á orixe, cara á causa da existencia do home e do mundo… estamos no por que? Pero hai outra dirección, cara adiante, que ten que ver coa finalidade, estamos no para que? Entrambas dan corpo á grande e última pregunta humana, a do sentido.
O home pregunta porque non pode non preguntar. E as respostas atopámolas na realidade, no propio home e no propio acto de cuestionar.
O home pregunta porque quere saber, porque quere comprenderse e comprender a realidade que o envolve, o ceo que o cobre e o horizonte que atisba.
Neste esforzo comprensivo humano entran en xogo as máis variadas disciplinas. E entran en xogo dende a propia formulación da pregunta. Se preguntamos polo como, as respostas virán principalmente da física, das ciencias experimentais… como funcionan as cousas. Pola contra, se preguntamos polo por que e o para que, as respostas virán do lado da metafísica, da ética, da teoloxía…
E é que hai que saber como preguntar para poder atopar a resposta máis axeitada.
En todo caso, e para ir concluíndo, as tres dimensións do ser humano: a natural, a social e a trascendente fan do home un animal “en busca de sentido”, un ser aberto ao Absoluto, un cidadán capaz de, parafraseando a Ignacio Ellacuría, “facerse cargo da realidade, cargar coa realidade e encargarse da realidade”. Un comprender para transformar, dende a pluralidade, ancorado nunha tradición e tendendo pontes ao resto de perspectivas, e ao resto de libros. Quizás aí o sentido, seguro que aí a resposta.
Queque Bayo,
Profesor de Metafísica na UESD