Summa poética

Na gran semana do Corpus en Lugo e previamente á celebración das vésperas solemnes, o sábado 8 de xuño celébrase no claustro da Catedral às seis da tarde a Summa poética: arte, música e fe. Resoarán alí unha serie de poemas eucarísticos que permitirán comprender mellor a beleza que se esconde detrás dos versos, como expresión para manifestar o amor e o agradecemento a Xesús e a Eucaristía.

Presentación do libro “El tiempo y la carne” de Tito Suárez

 

O mércores 26 de abril ás 19:30 h na libraría La Voz de la Verdad presentouse o libro El tiempo y la carne de Tito Suárez, que reúne catro poemarios -dous deles inéditos- e constitúe un compendio da produción do seu autor até agora.

Sobre a temática dos seus escritos dixo que “é existencial, a filosofía, a morte, a liberdade, a dor. Por iso non é casual que moitos dos poemas teñan como protagonistas aos nenos e outros moitos aos anciáns. É o arco temporal da nosa existencia. E polo medio hai unha atención especial aos desvalidos, aos que sofren. No fondo non é máis que unha reflexión sobre a nosa condición: todos temos penas, dores, alegrías, pais, irmáns, fillos, imos envellecer, preguntámonos que pintamos aquí. Tamén está a sobrevoar a cuestión da teodicea.”

En canto ao proceso de escritura indicou Tito Suárez: “Adoito facer unha primeira idea, escribo seguido e despois empezo a quitar o que sobra e a adornar. A inspiración ten que pillar traballando. Ás veces sorpréndome porque saíu redondo e outras veces dáslle mil voltas, rompes…”

O autor imparte clases no Instituto Teolóxico Divino Mestre de Ourense, no Seminario Menor de Ourense e no Centro de Ciencias Relixiosas San Martiño.

Summa poética 2019

O sábado 29 de xuño ás 18:30 no claustro da Catedral terá lugar un acto poético musical. A parte literaria consistirá nun recital Coroa poética para o Santísimo, con autores como o Licenciado Molina, Valentín Lamas Carvajal, Angel Johán, Xosé María Díaz Castro, Calderón de la Barca, Ángel Garrote, Luis Romero Porras, Manuel Rodríguez López, Luz Pozo Garza, Enrique Saavedra Lastra, Evaristo Correa Calderón, María Rosa de Vega Araújo.

Na parte musical, o grupo de jazz Trimensión interpretará varias pezas.

Presentación do libro Poesía eucarística

O mércores 4 de xullo, ás 20 h na libraría La Voz de la Verdad preséntase o libro Poesía eucarística. Trátase dunha obra na que se recollen os poemas premiados nas tres primeiras convocatorias do certame literario que cada ano organiza o Centro Eucarístico Lucense.

Intervirán, o director do Centro Eucarístico Lucense, José Antonio Ferreiro; a ilustradora, Raquel Magán; a editora, Vanesa Ferreiro e os poetas e membros do xurado Ana Vila e José Carlos Ulloa.

IV Certame Literario de Poesía Eucarística

O Centro Eucarístico Lucense convoca o IV Certame Literario de Poesía Eucarística. A temática das obras presentadas debe ser eucarística, preferiblemente vencellada coa adoración eucarística en Lugo. Poden presentarse ao Certame todas aquelas poesías escritas en castelán ou en galego que constitúan un único poema ou varios cunha extensión máxima de 300 versos.

Antes do 25 de maio as obras poderán entregarse en persoa ou enviarse por correo ao Centro Eucarístico Lucense (LEC), Praza de Santa María 1, 27001 Lugo mencionando no sobre “Certame Literario”.

[Bases]

A %d blogueros les gusta esto: