O delito da Igrexa

Marcos TorresPamplona, Oviedo, Lleida, Barcelona, Murcia, Sevilla, Narón… E máis.

O pasado martes tocou na Universidade Autónoma de Madrid onde disque algúns e algunhas estudantes, valentemente encapuchados e encapuchadas e posuídos e posuídas por un brote de eunuca intelixencia, violaron a capela católica desa universitas magistrorum et scholarium. Encheron o chan e o mobiliario de pintura vermella (que gasto máis parvo!) e tiveron a marabillosa ocorrencia de escribir nas paredes (sen faltas de ortografía -milagre!-) unhas frases moi deste século (ironía en “modo on”): “Aborto libre” e “Educación Laica”.

Ata aquí os feitos; denigrantes, condenables, aborrecibles. Agora, se mo permites, poñemos o toque de humor lendo a explicación que dan estes fascistas pseudoterroristas do porqué do atentado. Segundo eles “esta acción pretende despertar ese espíritu crítico que no quieren que tengamos y reclamar esa universidad libre que todos buscamos cuando pasamos selectividad”. Isto rezaban (perdón pola inclusión dun verbo tan confesional) os pasquíns que deixaron tirados polo chan dese lugar sagrado. Volve lelo; verás como sorrís.

Espírito crítico que non queren que teñamos? Reclamar esa universidade libre? Seica si. E quen hai que atacar? Correcto! A eses molestos e latosos personaxes que cren, seguen e adoran a un desafiuzado de Nazaret que lles dixo que o amor había ser sempre a maior das leis. Delito.

Dicía Graham Greene que “as bágoas só serven para regar as verzas”. Como non teño horto, paso de chorar. Certo que non imos alimentar a fogueira do odio que estes inquisidores de vello cuño pretenden avivar cos seus actos; poden esquecerse. Pero (síntoo; ou non) si imos seguir chamando ás cousas polo seu nome: vida á vida, amor ao amor, liberdade á liberdade e igualdade á igualdade. E con grande orgullo sabendo que só as contribucións críticas e libres son as únicas capaces de cuestionar con eficacia as ficcións dominantes. De nada. Isto non é delito.

A grande maioría das persoas cristiás non son ilustres, nin saen nos xornais, nin teñen centos de miles de euros nos bancos, nin sequera son coñecidas máis aló da súa aldea pero si aman, viven e esfórzanse teimudamente por ser cada día mellores. Grande delito, non? Que pena de sociedade!

Por certo, estes actos de persecución son menos intelixentes que cuspir para riba e poñerse debaixo; algúns tentaron antes rematar coa historia da Igrexa e xa están no recuncho máis escuro da historia e a Igrexa, en troques, tan viva coma sempre. Pensarán que si pero non lles será doado, non; será, sinxelamente, imposible.

Confeso que sinto certa pena cara estes rebeldes inútiles porque no fondo nunca saberán que a súa eterna derrota está en que son enganados polos profesionais do poder. Si, marionetas dun poder. Dun poder ao que se resistiu Xesucristo e os seus. Un poder que non soporta que estes “nazarenos” de hoxe (e de onte) poidan ser, pola forza divina do fundador, a grande enerxía da civilización. Un poder que non pode aturar que a Igrexa permaneza insubmisa ao seu control e use os seus espazos para alimentar criterios alternativos aos politicamente dominantes.

Pero non teñen medo, non desconfían (isto pode que si sexa un delito).

 

Marcos Torres

Delegado para as Vocacións

Cristiáns perseguidos de alí e aquí

Empeza a ser noticia a persecución de cristiáns polo Estado Islámico. Transcenden estas informacións tras varios meses sen que ninguén dixese nada. As redes sociais e os novos medios de comunicación alternativos permitiron coñecer a realidade cunhas crúas imaxes de decapitacións.

Os bispos propuxeron que a semana pasada rezásemos polos cristiáns perseguidos, «para que o Espírito Santo concédalles fortaleza e converta os corazóns de quen atentan cruelmente contra as súas vidas e sexa respectada a liberdade relixiosa».

Segundo Axuda á Igrexa Necesitada «estímase que máis de 200 millóns de cristiáns sofren pola súa fe, sendo moitos os que están sufrindo a violencia e ata o asasinato. Outros 150 millóns máis sofren outras formas de opresión como a discriminación e restricción da práctica relixiosa».

Isto pasa a miles de quilómetros de distancia e, por desgraza, parece que non nos afecta demasiado posto que non atenta contra a seguridade de occidente.

E en España, perséguese aos cristiáns? A resposta variará segundo a quen lle preguntemos. Para aclarar as cousas poderiamos analizar as noticias dos medios e os comentarios que os lectores fan nas redes sociais ou nas súas webs.

Esta mesma semana puidemos saber que a escasos metros da catedral de San Sebastián, exhíbese na Biblioteca Provincial `Koldo Mitxelena’, unha exposición na que se poden atopar grafitis como estes: `A igrexa que máis ilumina é a que arde’, `Opus Dei sutara’ (queimar o Opus Dei), etc. É que isto non é un ataque?

Nas normas para facer comentarios ás noticias nas páxinas web advírtese que «serán borrados os comentarios que conteñan insultos e/ou contidos inadecuados». Se teñen ocasión, miren os comentarios a algunha noticia que poida saír sobre a Igrexa. Atoparán insultos e outras lindezas. Ninguén borra eses comentarios.

Con frecuencia, parece que os medios de comunicación están desexando que á Igrexa lle «vaia mal». Nas columnas de opinión temos máis do mesmo ou peor. O que non entendo é como un xornalista permítese escribir sobre bispos cunha linguaxe máis propia de adolescentes aos que as hormonas fanlles falar dun modo soez, por moito que se aluda á liberdade de expresión. Liberdade que queda deslexitimada cando se usa para insultar aos demais.

A Declaración Universal dos Dereitos Humanos di: «Toda persoa ten dereito á liberdade de relixión; este dereito inclúe a liberdade de manifestar a súa relixión ou a súa crenza, individual e colectivamente, tanto en público como en privado» (Art. 18).

Lamento dicir que na España da liberdade e pluralidade, non se respectan as miñas crenzas. Considérome atacado por manifestacións de persoas públicas e pola manipulación informativa.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco de San Froilán

Cristiáns degolados en Libia

Ao comezo desta semana, mentres uns estabamos preocupados en disfrazarnos e en comer cocido, 21 cristiáns coptos eran asasinados en Libia dunha forma vil; degolados como os polos nun matadoiro, coa diferenza de que os verdugos eran os seus propios semellantes.

A semana pasada escribiamos de non difundir noticias falsas sobre persecucións a cristiáns. Por desgraza, a noticia desta masacre foi certa.

É grave a morte de 21 inocentes por causa da súa fe. Pero non é menos grave a actitude de cegueira voluntaria que temos en Occidente.

A forma de combater o Estado Islámico, e os fundamentalismos de todo tipo, non é coa forza das armas, por moitas que sexan as nacións que se unan para deter esta barbarie.

Estou convencido de que a única forma de que isto vaia a menos, ata desaparecer, é caer na conta de que necesitamos facerlle un oco no noso mundo e nos nosos corazóns ao Deus de Xesucristo, ao auténtico Príncipe da Paz.

Non podemos afacernos a estas cousas. O día que se deu a información falouse moito, pasados uns días apenas uns poucos seguen mantendo viva esta noticia. O peor de todo é ver como normal ou habitual o que nunca debería existir.

Teñamos presentes nas nosas oracións a estes 21 irmáns nosos. Que o Señor lles conceda a todos o descanso eterno, e a vida que aquí non puideron gozar.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

A %d blogueros les gusta esto: