Peregrino, benvido a estas terras

Os nosos pobos multiplican a súa vida coa vosa presenza. De verdade enchedes a nosa terra e rúas coa vosa aventura, benvidos.

Sodes un pouco a nosa escola. De vós aprendemos a mirar a vida como un espazo no que cabemos todos. Santiago ensínanos, e axúdanos a baleirarnos de inutilidades e a lembrarnos que a vida é vida se ten unha meta.

Traédesnos aires de fe e de procura de paz de todos os recunchos de España, de todo o mundo. O Apóstolo Santiago segue convocando desde o silencio da súa tumba a vivir a frescura do evanxeo, o sentido profundo da vida, a revitalizar as raíces que nos sosteñen.

Non hai límite para as vosas idades. Emociónanos ver desde nenos de peito pegados ás súas nais, ata anciáns; a mendigantes de saúde, a buscadores de algo ou de Alguén.

A sorpresa salta cando se vos escapan as razóns do voso peregrinar: “fágoo pola miña esposa que quixo facelo, pola miña nai que xa non pode”; “búscome a min mesmo”, “desafíanme as pegadas de miles de antigos peregrinos”.

Credes no milagre do camiño e non vos poden as dificultades: sorrides ante o vendaval e a choiva, facedes fronte ao cansazo e ao soño, porque o voso soño é axoenllarse ante Santiago: “aquí estou”.

Pedídesnos as igrexas abertas (non sempre é posible), a vosa presenza na bendición do peregrino é un momento de ceo, sabedes descansar no silencio do templo, e chega a vós o eco: ULTREIA

Falaredes destas terras e de tantos lugares do Camiño como do mellor dos trofeos: “foi marabilloso”. Diredes ante o cansazo de cada día: PODO, afírmao a compostelana.

Contaredes que o encontro con tanta xente encantadora ensanchou o voso corazón, non somos illas senón unha gran familia cunha mesma patria. NON es estraño nunca porque sabes compartir cansazos, comedor, descanso e dormitorio. Vólveste aquel neno que fuches cando confiabas en todos os que sorrían, falas todos os idiomas: o do amor.

As nosas terras quérenvos, querémosvos e agradecémosvos todo o que nos ensinades. Se en algo nos distraemos ao recibirvos pedímosvos perdón. Agradecémosvos que nos faledes desas mañás ou horas en que o camiño sorprendeuvos e deu resposta á vosa inquietude. Grazas.

Frei José Estévez. Mercedario

Imaxe: Cathopic.com

Un grupo de lucenses inicia o 17 de marzo unha peregrinación a Santiago

peregrinos parten de Lugo

Distintas institucións públicas lucenses quixeron estar no punto de saída dunha das primeiras peregrinacións organizadas en grupo desde Lugo a Santiago trala declaración do Camiño Primitivo como patrimonio mundial. Despois de saír da Porta de San Pedro, a primeira parada da alcaldesa da cidade, Lara Méndez, a delegada da Xunta, Raquel Arias, o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, o presidente da Deputación, Darío Campos, entre outras autoridades, foi ante a Porta da Misericordia, onde foron recibidos polo deán da Catedral, Mario Vázquez. Dentro do templo, rezouse ante a Virxe dos Ollos Grandes e impartiuse a bendición do peregrino.

En realidade, cada unha das autoridades civís realiza as etapas que mellor lle encaixan coas súas ocupacións, compatibilizando as súas axendas coa peregrinación. A primeira desas etapas é a do día 17 de marzo. Outros peregrinos si completarán os 102 quilómetros para chegar a Santiago o domingo 20.

peregrinos pola Porta da Misericordia

Presentación dunha nova credencial para peregrinos polo Camiño Primitivo

Prsentación de la credencial de Lugo

O día 19 ás 12h presentouse a credencial do Camiño Primitivo desde Lugo, cidade do Sacramento, a Santiago, cidade do Apóstolo.

A iniciativa propón aos peregrinos iniciar o Camiño Primitivo de Santiago na cidade de Lugo, xa que é a primeira na que se cumpren os 100 quilómetros a pé requiridos para obter a compostela.

Tamén se incide na personalidade e importancia de que Lugo sexa a cidade do Sacramento, coa Exposición Permanente da Sagrada Forma como centro da vida espiritual da cidade.

Ademais, a recadación íntegra da venda de credenciais será destinada a Cáritas de Lugo.

Asistentes ao acto de presentación da nova credencial:

  • Mario Vázquez, Deán da Catedral e Vigairo Xeral da Diocese.

  • Francisco Moreiras, Dtor. do Secretariado de Camiños de Santiago da Diocese.

  • Juan M. Pardo Valdés (Chencho Pardo), artista e autor da credencial.

  • Miguel Ángel Cabana, delegado de La Voz de Galicia en Lugo.

  • Luis Latorre Real, Pte. da Asociación de Empresarios Lugo Monumental.

A %d blogueros les gusta esto: