Que difícil está sendo para moita xente perder a familiares nesta situación de alarma sanitaria! Que difícil non poder estar, acompañar, abrazar, facer algo polas persoas que máis sofren. Máis ca nunca as persoas experimentan o baleiro, o silencio espeso, a soidade, o amor na distancia.
Desde que somos pequenos vivimos muros de silencio en torno á morte, Moitas veces nos apartan ou nos apartamos da enfermidade e a morte. Hai muros que son familiares, pero tamén hai muros sociais e culturais. Poden ser cousas máis ou menos sutiles as que nos van sucedendo pero dalgún xeito van preparándonos mal ou ben para as perdas significativas da vida. Como non hai unha pedagoxía da morte na vida ordinaria, a situación de emerxencia, de malas novas continuas, de sobreinformación do covid-19, tenos especialmente sobrecollidos e abrumados.
Ninguén está preparado para acontecementos extraordinarios como os que estamos vivindo. As emerxencias irrompen nas nosas vidas e ante a sorpresa reaccionamos de xeito moi diferente. Aceptemos, teñamos paciencia coas emocións que xorden e decidamos que queremos facer coa parte que controlamos. Cada persoa saberá, segundo como sexa, que pode virlle ben, que pode necesitar. Os psicólogos ou as persoas que se dedican a aconsellar non somos libros de receitas, en situacións de emerxencia moito menos, pero si sabemos que os autocoidados son importantes. Coidar a nosa parte emocional, relacional, cognitiva, física, espiritual.
Por exemplo, podemos mirarnos, mirar adentro e pensar en formas de expresarnos e comunicar os sentimentos aínda que esteamos na casa. As despedidas poden facerse a distancia e tamén poden ser “a posteriori”, non sabemos cando, pero seguramente poderanse facer rituais moi fermosos despois de que pase o confinamento. Pero tamén agora podemos decidir como vivir as despedidas, que cousas pequenas facer para que nos axuden, para expresar amor e beleza, para non quedar “conxelados”.
Podemos pouco a pouco ir facendo unha caixiña de recordos onde poñamos obxectos da persoa falecida, un poema, unha carta, algunha foto… o que queiramos.
Podemos facer unha lista de persoas ás que podemos chamar cando nos sintamos especialmente agobiados. Normalmente sabemos que persoas nos poden calmar, distraer e cales meten a pata aínda que nos queiran.
Cando unha persoa amada morre necesitamos algo de actividade pero non forzarnos. Posiblemente necesitemos tempo de calma, silencio, meditación, oración, segundo cada persoa. Dar espazo á morte como parte da vida.
As familias cóntannos xeitos marabillosos de tirar eses muros de silencio, de aillamento, que temos construido na nosa sociedade e que hoxe vivimos con especial angustia no confinamento. No Centro Diocesano de Orientación Familiar de Lugo estamos dispostos a escoitarte (por skype ou teléfono nestes momentos). Graciñas por compartir!
Cristina Bandín.
Psicóloga no Centro Diocesano de Orientación Familiar de Lugo.