15 de maio, Día do mundo rural

Os Movementos Rurais Cristiáns, desde a súa opción por seguir a Xesucristo, apoiándose no Maxisterio Social da Igrexa, reflexiona sobre os valores rurais, como o da solidariedade, que neste momento difícil, ven como necesarios para poder acabar co COVID-19.

Desde o material preparado para a celebración deste día, ante un problema tan grande como é unha pandemia ínstase a non deixarse levar polo desánimo, senón ter en conta que sempre se atoparán camiños por onde traballar para paliar os problemas, e para que a vida sexa vivida desde un punto de vista máis humano e máis fraterno.

O domingo 16 ás 9:45 h o “Informativo Diocesano” que se emite en Cope Lugo está adicado a esta temática do mundo rural, sobre a que falan o sacerdote do Páramo, José Manuel Castro Alba e o Vicario de Coordinación Pastoral Luis Manuel Rodríguez.

[Manifesto]

Periferias: a pastoral rural

O vindeiro trece de marzo cúmprense seis anos da elección do Papa Francisco. Durante este tempo fomos familiarizándonos con algunhas das palabras que o novo Papa utiliza cando quere indicarnos as súas preferencias pastorais. Así, con frecuencia oímoslle falar da importancia de saír ás periferias, reais e existenciais, das nosas cidades.

No caso da nosa Diocese de Lugo tamén temos unha realidade que, aínda que non a mencione o Papa Francisco, constitúe unha auténtica periferia. Refírome ao mundo rural, conformado por centos de parroquias e aldeas, nas que vive case a metade da poboación diocesana. Falamos de 1139 parroquias, das que só unhas poucas son urbanas.

Diranme que hoxe o mundo rural xa non é o que era. É certo. Temos estradas, televisión, teléfono, internet cunha calidade aceptable. Tamén asistencia sanitaria, farmacia e servizos bancarios suficientes. Tamén me dirán que, a pesar das distancias, moitas persoas que viven nas grandes capitais tardan máis tempo en chegar aos seus postos de traballo ou aos hospitais do que podemos tardar desde moitas aldeas á capital da provincia ou ao hospital máis próximo.

Creo que ninguén discute a calidade de vida do mundo rural, pero hai outras cousas que o converten nunha periferia. Falo da soidade de moitas persoas e da dependencia absoluta do coche para case todo, sen o cal o illamento pode ser terrible.

Xesucristo naceu e viviu nunha aldea. A súa misión levouna a cabo polas aldeas da contorna do mar de Galilea. Xa naquel tempo había unha gran diferenza entre a cidade e as aldeas, co consecuente desprezo cara aos seus habitantes, aos que consideraban con menos capacidades: «De Nazaret pode saír algo bo?» (Xn 1, 46).

As cousas non pintan ben para o mundo rural nin para o urbano. Hai uns días coñeciamos os datos de natalidade de España. Galicia non sae ben parada. Nos pobos xa hai moito tempo que eramos coñecedores desta realidade. A tentación, agora, é cruzarse de brazos e agardar, porque o “enfermo está agónico”, e como xa non se pode facer nada imos darnos xa por vencidos.

Que as cousas cambien non vai depender dunhas axudas económicas, por moi grandes que estas sexan. Esíxese un cambio profundo de mentalidade e do sentido da vida. Oxalá se produza antes de que os danos sexan irreparables.

Mentres tanto e como desde a orixe dos nosos pobos, aquí vai seguir o cura. Se cadra só un ou dous, pero un cura que dea un sentido de eternidade a esta sociedade rural e periférica á que lle estamos vendo a data de caducidade. Tentarémolo facer, como non pode ser doutro xeito, ao estilo de Xesucristo, nesta periferia rural. Espero que non nos falte ilusión.

Termino cun sentimento. Aínda que pareza contraditorio, poucas cousas hai máis esperanzadoras que ir deixando aos últimos habitantes das nosas aldeas nas mans de Deus o día do seu funeral. Si, a isto adicamos boa parte do noso tempo os curas rurais.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo orixinal]

A %d blogueros les gusta esto: