Son palabras que atravesan a historia en boca de tantos que se viron abandonados polos homes -na fame, as inxustizas, as guerras, os campos de refuxiados, etc.- ou que se atopan afundidos polo peso das súas culpas. Son a miúdo tamén o argumento e a forza do poderoso: se es fillo de Deus, se Deus existe, que che axude; a ver se pode librarche das miñas mans.
O día de Pascua é o día da vitoria de Deus, que escoita a voz sufrinte de quen suplica en Xetsemaní e desde a cruz en nome de todos os seus irmáns, e respóndelle colmándoo de vida para sempre. A vitoria do Resucitado dá a razón á esperanza agochada no fondo do corazón; afirma o valor da propia persoa, desprezada moitas veces por quen busca só vencer nas loitas deste mundo, que se revela agora amada para sempre por Aquel que a creou e que nunca a esqueceu.
A Resurrección do Señor é a proba da nosa, do futuro, do horizonte verdadeiro da nosa vida, por riba de todo sufrimento e da morte, contra toda negación escéptica da nosa dignidade e do noso destino bo.
A Resurrección fai resucitar a nosa fe e a nosa esperanza, a certeza de que non perderemos para sempre o ben que amamos, a aqueles a quen quixemos nesta terra.
Xesús resucitado devólvenos así o protagonismo na historia. Relativiza o poder e a forza, que o condenaron a matar, e fainos capaces de construír no amor, coa caridade indestructible que vén de Deus, que pode esperar e soportar calquera adversidade, e non remata nunca.
A Resurrección esperta a nosa conciencia e o noso corazón, porque dá a razón á súa esperanza profunda, ao seu desexo de dar forma boa á vida, á convicción de que vale a pena ata o sacrificio.
A Resurrección fainos persoas libres no medio do mundo. Fainos irmáns, permite que nos abracemos reconciliados e con alegría, que camiñemos xuntos como familia e como pobo. Que non cedamos á chantaxe da mentira e da violencia, ao temor á morte, senón que defendamos sempre a verdade e o ben, e así ao noso próximo, en primeiro lugar ao que sofre a inxustiza e a opresión.
A fe no Deus verdadeiro, que resucitou ao seu Fillo Xesucristo de entre os mortos, é o fundamento de toda resposta axeitada e perdurable ao mal no mundo. Fai posible non limitarse simplemente ao uso da forza e ao medo ás represalias, e recorrer á luz dunha razón e unha moralidade verdadeira, adecuada ao ser humano, respetuosa das esixencias máis fondas do corazón, capaz de construír unha sociedade máis xusta.
Que a alegría destas festas, que afirman de novo a esperanza e a vitoria definitiva do amor fraterno, fagan das nosas vidas e das nosas casas como un testemuño que responda cos feitos á inhumanidade que nos ameaza nas soidades e sen sentidos de cada día, e nos grandes dramas provocados pola violencia e o erro dos homes.
Que a Pascua de Resurrección nos faga felices da nosa fe, conscientes da súa profunda humanidade, obxecto dos desexos de todos -tamén de quen a buscan por camiños equivocados-, que nós estamos chamados a testemuñar desde a humildade da nosa existencia cotiá, sabendo que as nosas forzas son limitadas, pero que a caridade é o don propio do Señor resucitado e que, por iso, non se esgotará nunca.
Mons. Alfonso Carrasco Rouco
Bispo de Lugo