Ordenacións diaconais en Lalín

Imaxe do día da institución como acólitos e lectores (3/12/2017)

O vindeiro 12 de maio a igrexa parroquial de Lalín acollerá o rito de ordenación diaconal do lalinense Alejandro Asorey e o lucense Carlos Jesús Sánchez, seminaristas desde o ano 2007. A celebración comezará ás 7 da tarde e estará presidida polo bispo Mons. Alfonso Carrasco, acompañado do reitor do Seminario Diocesano David Varela, os formadores e un bo grupo sacerdotes.

O feito de celebrarse as ordenacións fóra da cidade de Lugo, onde se fan habitualmente, é un recoñecemento ao traballo feito en favor das vocacións sacerdotais nas comunidades do arciprestado de Deza e aproveitando o ano do centenario da inauguración da igrexa parroquial de Lalín.

Ordenación diaconal de Nicolás Susena

Nicolás Susena Presas será ordenado diácono o 4 de xuño ás 18:30h na igrexa da Milagrosa, Lugo. Nicolás Susena naceu en Lalín en 1992. Fixo os seus estudos de secundaria e bacharelato no IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín). Bacharel en Teoloxía pola Universidade San Dámaso, actualmente estuda o Máster en ciencias do matrimonio e a familia no Pontificio Instituto Juan Pablo II en Madrid.

O diácono administra o Bautismo, reserva e distribúe a Eucaristía, asiste ao Matrimonio e bendíceo en nome da Igrexa, leva o Viático aos moribundos, le a Sagrada Escritura aos fieis, instrúe e exhorta ao pobo, preside o culto e a oración dos fieis, administrar os sacramentais, preside o rito dos funerais e da sepultura.

CELEBRACIÓN

Na Eucaristía, trala proclamación do Evanxeo, ten lugar a ordenación diaconal. O candidato será presentado e proposto ao Bispo que, despois da homilía, preguntará ao candidato sobre a súa intención e este prometerá ante todo o pobo cumprir o seu ministerio segundo os desexos de Cristo e da Igrexa e baixo a autoridade do Bispo. Invocarase seguidamente a todos os santos nas ladaíñas, mentres o candidato permanece prostrado no chan.

O momento central da ordenación vén a continuación, coa imposición de mans e a pregaria de Ordenación do Bispo. Unha vez terminada a pregaria, o candidato é xa diácono e revestirase cos seus ornamentos propios sobre a alba: a estola cruzada e a dalmática. Entrégaselle o libro dos Evanxeos como expresión da súa función diaconal de proclamar o Evanxeo nas celebracións litúrxicas e de predicar a fe de palabra e de obra.

 

Ordenación diaconal de José García Pájaro

O domingo ás cinco da tarde o Seminario Diocesano de Lugo acolle a ordenación diaconal de José García Pájaro. Natural da parroquia da Nosa Señora das Dores de Lalín, onde naceu en 1977. Tralos estudos primarios e secundarios, iniciou a súa formación sacerdotal no Seminario de Lugo no curso 2003-2004, e tivo diversas colaboracións pastorais en Lugo, Lalín e Rodeiro.

Pola ordenación diaconal obtense a incorporación ao estado clerical e a incardinación á Diócesis. Existen dúas posibilidades respecto dos diáconos: que reciban o diaconado como término do proceso, permanecendo neste ministerio de modo estable como diáconos permanentes, ou que reciban o diaconado como paso previo ao presbiterado, debendo exercer un tempo previamente o diaconado. Este é o caso de José García Pájaro.

A %d blogueros les gusta esto: