Ás 12 da mañá comezaba na Catedral de Lugo a cerimonia da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento que vén celebrando desde 1669, acto que pon fin ás celebracións do Corpus na nosa cidade.
As autoridades civís e militares fixeron entrada no templo, mentres soaba o Himno do Antigo Reino de Galicia interpretado por un grupo de gaitas e o órgano da catedral.
O Arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio presidiu a Eucaristía na que concelebraron:
o Bispo de Mondoñedo-Ferrol, Mons. Manuel Sánchez Monge;
o Bispo de Ourense, Mons. Leonardo Lemos Montanet;
O Bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro;
o Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco;
o Bispo auxiliar de Santiago, Mons. Jesús Fernández González;
o Bispo de Astorga, Mons. Camilo Lorenzo;
así como membros do cabido de Lugo.
Acompañaron ao delegado rexio, alcalde da Coruña, os representantes das cidades do antigo Reino de Galicia: Lugo, Santiago, Betanzos, Ourense, Mondoñedo e Tui.
O delegado Rexio, o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, apelou na Ofrenda ao espírito e ao compromiso dos galegos co ben común “desde o respecto á nosa propia diversidade de ideas e de caracteres, de principios e valores. Aspiramos a ser un pobo xeneroso, no que ninguén dea as costas a quen sofre ao seu carón. Un pobo disposto a deterse a esperar a quen camiña máis lento e empeñado en que todos cheguen ao seu destino”
Invocou a protección do Santísimo Sacramento para renacer máis solidarios cos que sofren, os enfermos, anciáns, parados?
Na contestación á Ofrenda, o arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio, agradeceu as palabras do oferente e lembrounos que a Eucaristía “é o don que Xesús fai de si mesmo, revelándonos o amor infinito para cada home… O amor é a forza máis revolucionaria para trasnformar a nosa vida e a realidade do mundo, lonxe da corrupción, do conformismo e das ambigüidades”.
Continuou Mons. Julián Barrio dicindo: “Os necesitados, material e espiritualmente, que son moitos, feren a sensibilidade humana e cristiá e denuncian o egoísmo e a indiferenza. Cando non se respecta a xustiza e non se serve á caridade, perdemos humanidade. Alimentarnos da Eucaristía é compartir os sentimentos de Cristo, e sentirnos urxidos a aceptarnos e comprendernos, perdoarnos e amarnos”.
Apelou á necesidade dunha “nova cultura do agarimo, da solidariedade, do compartir e da compaixón. Crear novos espazos de esperanza é vital, dado o incremento progresivo da desigualdade, xerada entre outras causas, pola diminución dos servizos sociais, polas dificultades para acceder a unha vivenda, pola baixada do nivel medio de renda e o índice crecente da pobreza. Non contribuamos a unha cultura do descarte, non nos deixemos roubar o ideal do Amor Fraterno”.
Mons. Barrio finalizou afirmando que “Cristo Eucaristía é a resposta a todos os que están cansos, sufocados e sedentos de salvación; aos que senten necesidade de xustiza e de liberdade, de fortaleza e esperanza”.
Finalizada a celebración eucarística, todas as autoridades eclesiásticas e civís saíron en procesión acompañando ao Santísimo Sacramento polas rúas de Lugo.
Gústame esto:
Gústame Cargando...