Grupo de apoio para nais traballadoras

Grupo xuntas logo

A Fundación Centro de Orientación Familiar Diocesano (COF) organiza un grupo de apoio para nais traballadoras, con algún fillo/a en idade escolar (2-14 anos) e con pouca ou ningunha axuda por parte da súa parella ou familiares (pais, irmáns, etc.), por diversas circunstancias: separación ou divorcio, distancia coa familia de orixe, falecemento da parella…

Ofrécese o seguinte:

– Acollida e apoio mutuo.

– Ser escoitada por outras persoas que comparten unha situación semellante.

– Un espazo de crecemento persoal (recursos compartidos, aprendizaxe recíproca, etc).

– Un banco de tempo. A posibilidade de ofrecer libremente un tempo persoal ao servizo doutras nais do grupo.

– Apoio do COF (gabinete psicolóxico, cursos, avogados…)

– Propostas de lecer conxunto e actividades organizadas.

Participar no grupo implica aceptar certos compromisos: respecto ás demais persoas do grupo, honestidade, sinceridade, liberdade.

Calquera persoa pode deixar de participar no grupo en calquera momento. Todo o que ofrece este grupo de apoio (atención aos fillos, etc.) é gratuito.

As reunións serán cada 3 semanas, os xoves pola tarde, de 19.00 a 20.30h. O primeiro xoves sería o 2 de xuño, logo 23 de xuño e 14 de xullo. A partir do 14 habería vacacións e comezaríase de novo en setembro. Realizaranse no Colexio Maristas de Lugo (Avda. Alcalde Anxo López Perez, 2 Lugo).

O grupo está coordinado polo Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo. As persoas responsables do grupo son Martiño Rodríguez (Psicólogo, Director do COF Diocesano) e Teresa Botana (Relixiosa, Serva de San Xosé).

[Máis información]

Ninguén sen traballo e sen nai. Día do traballo, día da nai, mes das flores

Este domingo celebramos o VI domingo de Pascua, pero tamén o día do traballo por ser o 1 de maio; e o día da nai porque é o primeiro domingo deste mes.

Cristo fai novas todas as cousas, por iso a Igrexa “bautiza” o día de traballo coa memoria de San Xosé obreiro, o carpinteiro de Nazaret. Xosé axudou á Virxe María a criar e educar a Xesús, coma se fose o seu auténtico pai. A Igrexa dedica a María o mes de maio ou mes das flores, por iso en España celebramos o primeiro domingo deste mes o día da nai.

Ninguén sen traballo e sen nai. O traballo é necesario para vivir dignamente e para axudar á estabilidade das relacións familiares. Ademais, traballo, polo menos para os crentes, é tamén ocasión para colaborar coa obra creadora de Deus.

O papa Francisco na exhortación apostólica Amoris Laetitia, denuncia a ausencia de traballo, ou a indignidade de moitos empregos, que ás veces causan feridas dolorosas no seo das familias.

Ter un traballo que permita vivir dignamente é unha das principais preocupacións dos españois. Os gobernos de todas as administracións falan continuamente de políticas de emprego. Quizais non estaba de máis que todos lembrásemos aquel primeiro de maio da historia, cando, despois de moito esforzo, conseguiuse a xornada laboral de 8 horas e o poder descansar outras 8, aínda que se lles quedou polo camiño unha última reivindicación tamén fundamental: 8 horas de “cultivo persoal” que non conseguiron sacar a adiante polos intereses pouco xenerosos dalgúns. Na miña opinión, aínda estamos suspensos en todo o que implica este “cultivo persoal” que reclamaban os nosos antepasados non tan afastados: formación humana e profesional antes, durante e despois da nosa época de traballadores.

E ninguén sen nai. Isto xa non depende de nós. A chamada “lei de vida” ten o seu ritmo. Pero, sexan como sexan as cousas, sempre vai haber unha nai que nunca vai fallar: María, a nai de Xesús. El mesmo entregóunola a todos, cando lle dixo a Xoán, que estaba aos pés da cruz: “aí tes á túa nai” (Xn 19, 26-27). Di tamén o texto evanxélico que “desde aquel día o discípulo recibiuna na súa casa”.

Tamén na Amoris Laetitia o Papa alza a voz en favor de tantos nenos que son privados das súas nais, inxusta e innecesariamente, en procesos violentos ocasionados por guerras e outros intereses. Tampouco se esquece o Papa dos nenos aos que non se lles deixa nacer nin das nais que teñen que abortar inducidas por terceiros ou porque ninguén lles brinda a axuda material e emocional que necesitan para seguir adiante co embarazo.

Hoxe poño nas mans de María a todas as mulleres que exercen a súa maternidade de distintas formas, a todos os fillos que necesitamos o amor e coidado dunha nai, a todas as nais que están soas e a todas as persoas que foron arrebatadas das mans das súas nais. Que ela, a Nai de Deus, interceda por todos.

Baixo o patrocinio de San Xosé Obreiro poño a todos os traballadores, aos empresarios, aos sindicatos, aos autónomos, aos que non teñen traballo ou teñen que traballar en condicións precarias. Que o carpinteiro de Nazaret interceda para que todos teñamos un traballo que nos permita vivir dignamente e fáganos experimentar a graza de ser colaboradores de Deus no “coidado da casa común” (Laudato Si).

Miguel Ángel Álvarez

A %d blogueros les gusta esto: