Actos na Catedral con motivo do Nadal

Día 24: Eucaristía de Noiteboa ás 24h Na escuridade da noite brilla Cristo, a luz verdadeira

Día 25: Eucaristía de Nadal ás 13h. A Palabra feita carne segue viva entre nós.

Día 30: Eucaristía solemne ás 13h. Celebración da Sagrada Familia, este ano co lema “Familia e Parroquia, resposta á soidade”

Deus vén salvarnos

Camiñando paseniñamente entre luces e sombras, chegamos ao último mes do ano. A iluminación artística das vilas e cidades, os escaparates adornados con motivos do Nadal, as felicitacións que as distintas empresas emiten a través dos medios de  comunicación, lémbranos que estamos no mes de Nadal, unhas datas significativas e entrañables para os cristiáns porque celebramos que Deus vén salvarnos, que unha Luz resplandeceu sobre a terra para alumarnos. Celebramos que Deus se fai home para convidarnos a participar da súa vida.

En todo este proxecto de salvación e amor, a colaboración eficaz de María, Nai de Deus e Nai nosa, ensínanos como axudar aos demais, porque a súa fe e a súa confianza en Deus, fixo que toda a súa vida fose un xesto de amor á humanidade.

que fermosos son sobre os montes

os pés do mensaxeiro de Boas Novas…

que proclama a felicidade,

que pregoa a salvación…!

 

Deus, no misterio de Nadal, amósanos o seu gran amor e María colabora con El para facer realidade este proxecto salvífico e gozoso.

Non teñamos medo, amigos, de colaborar con Deus no seu proxecto de amor para a humanidade o mesmo que fixo María.

Que nos ampare a Virxe de Belén no noso caminar e que Deus encha os nosos corazóns e os nosos fogares de Paz e Amor.

Nestes días de Nadal unamos as nosas voces ás dos anxos para proclamar:

Gloria a Deus nas alturas

e sobre a terra paz aos homes de boa vontade.

Miguel Ángel Gómez Vázquez

Pregóns de Nadal e concertos

San Clodio

O sábado 22 ás 19:30 h na igrexa de San Clodio Natividad González Alonso pronuncia un pregón de Nadal e tamén haberá un concerto de Inmaculada Vázquez Fernández, Gerald e nenos da Parroquia. Os asistentes poderán coñecer o libro Gracias hijo: un mundo mejor es posible de Inmaculada Vázquez e colaborar cun orfanato en Filipinas.

Chantada

O sábado 22 ás 20h na igrexa parroquial de Santa Mariña Manuel Regal Ledo pronuncia o pregón de Nadal e a continuación haberá varias actuacións musicais: Rondalla O Carballo Vello de Chantada, Ana Rúa Souto e os nenos da catequese. Como colofón, haberá unha degustación de produtos da comarca nos salóns parroquias da igrexa. Aprovéitase ademais para apoiar o labor da ONG Axunica (Axuda a Nicaragua).

Lugo

O pregón de Nadal que organiza a Asociación de Belenistas de Lugo será pronunciado por Mercedes Montes Rodríguez, directora da Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo.

Este acto terá lugar o 21 de decembro ás 21h no Salón de Actos A Fundación na Praza de Santa María s/n, Lugo.

Deus, un neno?

Na linguaxe común do Nadal falamos do “neno Deus”, e ata nos parece natural afirmar que “naceu Deus”. Pero cando de verdade queremos razoar a fe, xa que crer é razoable, é difícil imaxinarse o feito de que Deus quixese facerse home, habitar entre nós nunha época da historia, asumir chorar e ser aleitado nos peitos dunha nai mentres ensucia con toda naturalidade os cueiros. Un neno que, como afirman os Evanxeos, crecía en idade, sabedoría e bondade e que, malia todo iso, descobre progresivamente e cada vez con máis profundidade, que non é deste mundo.

A súa relación de amizade e de servizo aos máis pobres e a todos sen excepción, os seus milagres e a súa capacidade de liderado fronte aos poderosos do mundo, están fundamentados nas relacións de igualdade co seu Pai do ceo e co Espírito Santo defensor. Como é posible imaxinarse isto dun modo axeitado? A verdade é que á Igrexa nacente tamén lle custaba entender o Misterio. Ata o ano 451 no Concilio de Calcedonia (hoxe un barrio de Estambul) non se formulou con claridade que Xesucristo é “á vez verdadeiro Deus e verdadeiro home”. E este, Xesús, o Cristo, é o Deus da creación, da alianza e da proximidade que no misterio da ENCARNACIÓN (Nadal) radicalízase como creador en creación e solidarízase co máis débil para asumilo e salvalo.

Cando alguén descobre a este Deus ou é atopado por el, acontécelle o que a un peregrino sedento que inesperadamente albisca no camiño do deserto un oasis con auga, árbores e sombras no medio dunha verde pradeira. Pero Deus non é tanto un oasis que nós atopamos, senón O Vivente que xa nos atopou a nós facéndose excesivamente humano e o encontradizo como forasteiro nos camiños de Emaús. É tan respetuoso coas nosas liberdades que aluma o noso camiño aínda que non lle fagamos caso aos resplandores da súa verdade e que se dá a coñecer só a quen o míra, téndelle a man, quere recoller no seu colo, ábrelle a súa porta ou responde á súa constante chamada.

Este neno, fráxil, pobre, pequeño…, pode ser adorado (como os Reis Magos e os Pastores) ou rexeitado, ata buscado para aniquilalo, como o Herodes de entón ou os asasinos de inocentes de sempre.

Na súa face de descoñecido e inesperado inscríbense as esperanzas e desexos máis fondos dos humanos. Quen ten os ollos abertos á Verdade, á Beleza e á Bondade pode alcanzar a recoñecelo e sorprenderse de como sempre contara con el e o agardara pacientemente, aínda cando só agora, no medio de tantas luces navideñas, nunha tenue luz de intimidade, descubra en profundidade o que contiñan a espera e o anhelo previos.

Este Deus non está morto. Ata Nietzsche, o pensador, cantor da “morte de Deus” e do orgullo do home, preguntábase: “Está morto Deus? Que sucederá se me atopo cara a cara con el, eu que construín a miña vida na roca da incredulidade?” (F. Nietzsche, O Anticristo). Por iso prefiro terminar este artigo cunha fermosa frase de R. Tagore: “Cada neno que vén ao mundo dinos: -Deus aínda espera do home-?. Deus?: un neno! Velaí o misterio.

José Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Imaxe: cathopic.com

Actos de Nadal

Belén da Catedral

Catedral de Lugo

O señor Bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco, bendice o belén o venres 22 ás 20h e preside a Misa da Vixilia de medianoite (día 24) e a Eucaristía de Nadal (día 25 ás 13h).

A Fonsagrada

Recollida de xoguetes na Parroquia, de martes a venres a partir das 5 da tarde

Meira

Belén vivente o 25 de decembro e o 6 de xaneiro ás 13h

Pol

Na Parroquia Santa María de Luaces, Eucaristía de Nadal e Belén vivente o 24 de decembro ás 17 h.

Cáritas interparroquial de Melide

  • Captación de fondos en empresas e reparto de bolsa de alimentos

Cáritas interparroquial de Monforte

  • Árbore solidaria do 21 ao 24 de decembro. Poden adquirirse estrelas e lazos

  • Recollida de alimentos en establecementos das rúas Doctor Casares, Coruña e Calvo Sotelo

Parroquia de San Antonio de Padua (Lugo)

Día 22: Reparto de bolsa do Nadal

Día 23: “Doce Nadal” Vida Ascendente. Sorteo de tres cestas de Nadal

Parroquia do Sagrado Corazón (Lugo)

  • Recollida de alimentos en supermercados das rúas Montero Ríos (ata o día 23) e Rafael de Vega (ata o día 22)

Parroquias de San Froilán e do Bo Pastor

  • Reparto de bolsa de Nadal

Parroquia A Milagrosa

  • Reparto de bolsa de Nadal o día 22

  • Recollida de xoguetes entre o 26 de decembro e o 2 de xaneiro; xoguetes que se repartirán o 5 de xaneiro ás 11h

A %d blogueros les gusta esto: