Celebracións de Nadal na Catedral

As celebracións de Nadal na Catedral de Lugo son as seguintes:

22 de decembro

20:30 h  Bendición do nacemento, con actuación do Orfeón Lucense

24 de decembro

17 h Primeiras Vésperas solemnes no Nadal

20 h Misa vespertina

25 de decembro

13 h Misa solemne de Nadal

31 de decembro

12 h Te Deum de acción de grazas polo ano que remata (desde as 11:30 h,

posibilidade de confesión)

1 de xaneiro

13 h Misa solemne

5 de xaneiro

19:30 h Misa de nenos na Véspera da Epifanía. Ao remate, visita dos Reis

As Eucaristías estarán presididas polo Sr. Bispo

E baixo o título “De novo Nadal, de novo música” a Catedral será escenario dos seguintes concertos, ademais do indicado ao comezo desta información:

Domingo 27 de decembro ás 18 h actúa Solo Voces

Sábado 2 de xaneiro ás 18:30 h actuación do Orfeón Lucense

Advento – Nadal / Aninovo

Tempo de graza que nos abre a mirada e o corazón ao Milagre Encarnado e, desde El, ao irmán e ao mundo”

Ás portas destas festas tan entrañables, os meus mellores desexos de harmonía e de paz; tanto desde o sentimento humano, como desde a fondura do espírito do Nadal: o aniversario do Señor. Estes bos desexos sen dúbida que están presentes en todos; de aí a riqueza do compartir en múltiples direccións, fortalecendo así os lazos comunitarios e de amizade. Grandeza da condición humana cando nos desexamos comprometidamente o mellor uns a outros.

As circunstancias que nestes momentos tócanos soportar, e nas que nos imos preparando para o Nadal, non son as que todos desexariamos; pero están aí, afectándonos en maior ou menor medida tamén a todos.

Poida que estas circunstancias estean a dicirnos que a nosa paz interior, o sentirnos razoablemente ben e afrontando todo con forza de ánimo e horizonte esperanzador, son realidades ou desexos moi fráxiles se os facemos depender exclusiva ou excesivamente de que “todo” nos vaia ben, de poder gozar de todas as cousas ou de confiar tamén excesivamente na nosa autosuficiencia para arranxalo todo a través dos nosos logros.

Os grandes anhelos do corazón humano están abocados ao fracaso frustrante se só se apoian no benestar que esperamos das cousas e das situacións.

Ao longo do camiño e até o final do camiño, a verdadeira chave para alcanzar con consistencia esa alegría e esa paz está no que imos celebrar moi pronto: o “Deus connosco”, o “aniversario do Señor”.

Cando deixamos ao Señor que nos vaia modulando día a día, tecendo harmonicamente ese dinamismo entre as nosas “grandezas” e as nosas miserias, como vai cambiando o noso mundo interior! Vai cambiando o clima nas nosas familias, as nosas interrelacións…, e o xeito de afrontar individual e colectivamente as circunstancias dos nosos camiños e travesías.

Circunstancias adversas e non desexadas que nos toca soportar moitas veces como pacientes, pero tamén como protagonistas comprometidos para melloralas, para un e para os demais; mellor talvez, para os demais e, en consecuencia, tamén para un.

Por iso, que forma máis auténtica e fecunda de prepararnos para o Nadal abrindo o noso espírito, a nosa vida, os nosos fogares, a nosa realidade social, ao acontecemento divino e salvador que se expresa no máis pequeno, no máis humilde, no máis sinxelo: nun “Portal de Belén”. Este abrirnos é “facer camiño”, camiño que nos marca o Advento como estrela cara ao “Belén”. Isto é centrar e tentar sentir e celebrar o Nadal en clave cristiá, que é a verdadeira.

Se prescindimos da súa dimensión sacra, salvífica, de fe, non é NADAL. En todo caso será ou sería un pretexto para manifestacións e celebracións como as felicitacións, as luces, as vacacións, as reunións familiares e sociais, etc. Moi lexítimo e poida que bo todo isto pero; só por iso, non é Nadal no seu xenuíno/verdadeiro sentido.

Pois resulta que, non desexando para nada esta longa e penosa travesía desde hai case un ano, poida que nos axudenos a celebrar moi fondamente este Nadal, tanto na súa dimensión sacra como na súa expresión relixiosa; aspectos estes tan necesarios canto máis percibimos a nosa fraxilidade e baleiro existencial se só quedamos no puramente humano, social e técnico.

Sen dúbida que a contemplación oracional do Neno Deus, así como as correspondentes celebracións eucarísticas compartidas comunitariamente, farannos máis fortes para afrontar con máis ánimo, e animándonos, as circunstancias adversas do noso camiñar.

E, se estas Festas non podemos celebralas este ano en amplos grupos de familia ou amigos, temos claro que de ningunha maneira faltará nesas ceas e comidas a presenza alentadora do Neno/Deus, talvez facendo así máis fortes os nosos lazos de familia e amizade ao percibir a non presenza e si a distancia.

Que, como Xoán Bautista, preparemos os camiños ao que ha de vir; camiños que Deus quere para todos!

Que, cos Anxos, saibamos deixar resoar no noso corazón a Gloria do Señor!

Que, como os Pastores, adorémolo humilde e gozosamente!

E, que, con María e Xosé, queiramos ofrecerlle ao Neno-Deus un humilde “belén” no noso interior, nos nosos fogares, no noso mundo!

A todos os que ledes estas liñas, deséxovos de corazón o mellor; deséxovos fortaleza de ánimo e, animándonos uns a outros desde esa mirada ampla da grandeza do corazón. Que con esta disposición podamos comezar o próximo ano!

Feliz aniversario do Señor! e feliz próximo ano novo!

Antonio Fernández González

[Artículo en castellano]

O fermoso signo do presebe

O 1 de decembro deste ano o Papa Francisco publicou a Carta Apostólica, O fermoso signo do presebe, sobre o significado e o valor do belén. Nela escribe que unha das mellores formas de experimentar a alegría do Nadal e que expresa unha rica espiritualidade popular é o belén. O popular nacemento. O belén, afirma “é como un evanxeo vivo”. Así, “a contemplación da escena do Nadal convídanos a poñernos espiritualmente en camiño, atraídos pola humildade daquel que se fixo home para atopar a cada home. E descubrirnos que El nos ama até o punto de unirse a nós, para que tamén nós podamos unirnos a El”.

O belén fálanos do amor de Deus. Do Deus que se fixo Neno para dicirnos o preto que está de todos nós. Por iso é polo que, no medio dunha sociedade que trata de silenciar e ocultar a verdade do Nadal, o Papa aléntanos a pór o belén nos nosos fogares, nos lugares de traballo, nas escolas, nos hospitais, nas prazas. Ese signo relixioso evocaranos o que celebramos. Con todo, é curioso que en toda a cidade de Lugo non atopemos o nacemento en ningún lugar público, en ningún escaparate, rúa ou praza. Propaguemos para recuperar o sentido do Nadal esta popular e sinxela representación do Nacemento de Cristo.

A carta lembra que Cristo naceu nun presebe, lugar onde os animais van comer. Presebe, praesepium, lugar do alimento. O feno convértese no primeiro leito daquel que se revelará como “o pan baixado do ceo”. Un simbolismo, lembra Francisco, que xa san Agostiño, xunto con outros Padres, subliñara: “posto no presebe, converteuse en alimento para nós”. Alimento, pois, que nace en Belén e concrétase e perpetúa en alimento eucarístico. O encontro co belén permítenos e convida a recoñecer a presenza de Cristo como Pan Eucarístico. A Vida fíxose visible (1Xn 1,2). Así, nós, fillos da Cidade do Sacramento, non dubidamos en poñernos de xeonllos, adorar e recoñecer (como os pastores e Magos) a presenza de Cristo Vivo e Real na eucaristía. Nela o mesmo Señor agrdanos, fálanos, renóvanos o seu amor. Non é unha forma de falar: Xesucristo está realmente presente no Pan Consagrado. Tamén en Nadal adoramos e recoñecemos a presenza real de Xesús Eucaristía. Contemplemos a Xesús en Belén para estimar o seu amor, aínda maior, permanente na Eucaristía.

E non hai belén sen figuras de esmoleiros, pobres, xente do pobo de Belén. Xente que non coñece “outra abundancia que a do corazón” (Francisco). Na escola do presebe, en tempo de Nadal, e sempre, abramos o corazón a esta presenza sinxela e oculta de Cristo que nace pobre e encárnase nos pobres, sinxelos e excluídos do noso mundo. Nadal é a revolución da tenrura e do amor aos outros. Desde o Belén, Xesús proclama, con manso poder, a chamada a compartir cos irmáns un mundo máis humano e fraterno. Bo Nadal con Cristo no Belén e presente na eucaristía e os irmáns.

Daniel García García

Cóengo e párroco de San Lourenzo de Albeiros

Nadal

Celebramos nestas datas o Misterio do Nadal, a festa  do Deus “empequenecido” na humanidade, capaz de ser apertado, bicado, “comprendido”.

E celebrámolo na familia, no fogar, ese lugar onde ti mais eu podemos ser o que somos sen medo a xuízos ou incomprensións, sen enmascarar as nosas miserias, con “dereito” a equivocarnos.

¡Fermosas datas onde a luz ilumina a esta humanidade que por veces parece de trapo!

Deixemos que os nosos corazóns se abranden neste Nadal pola presenza do Amor dos amores. Retiremos o pó que teñamos na nosa fe e voltemos á nosa infancia (tamén espiritual) na que Xesús tiña un bo oco no pesebre do noso día a día.

Enxendremos coa forza do Espírito Santo, como a Virxe María, a luz que precisamos: a luz que ilumine a nosa intelixencia e nos libere dos nosos pecados, manías e miserias, a luz que fortaleza a vontade, o coraxe e o desexo de loitar por enriba das desgrazas e desatinos, a luz que nos permita recoñecer con ledicia o que somos sen enganarnos nin a nós mesmos, a luz que nos dea a capacidade de esperar, ás veces contra toda esperanza, a luz que nos conceda a graza de ser a paz de cada xornada. Enxendremos á Luz, Xesucristo.

Estamos de festa! Que a tenrura de Deus inunde as nosas casas, a nosa terra, ás nosas xentes; e ilumine a nosa existencia.

Marcos Torres

Tempos de Nadal e nostalxia de Deus

Cóntase de Buda que cada vez que algún dos seus discípulos pedíalle que lles falase de Deus, puña un dedo sobre os beizos e meditaba placidamente en silencio. Nestes tempos de Nadal e aínda que o tempo divídase en antes de Cristo (A. C.) e despois de Cristo (D. C.) as cousas cambiaron moito. No medio das présas, a lotaría, as comidas, os agasallos, as luces e ruídos enxordecedores que ocultan sinfónicas panxoliñas, faise cada vez máis difícil contemplar o Gran Misterio, en silencio meditativo, con toda a súa carga de significado e importancia que tivo e ten para a humanidade. A paganización do Nadal é un feito.

Pois, aínda que é verdade que Xesús de Nazaret é hoxe, despois de máis de 2000 anos, un dos personaxes máis famosos da historia, tamén o é que a súa imaxe e recordo estivo e segue estando moi presente nos grandes acontecementos da humanidade. A arte en todas as súas formas, a literatura, a arquitectura, a música, os modos de vida de moitas comunidades e de países enteiros, son testemuñas vivas diso. Os cristiáns somos o maior grupo relixioso do mundo. Segundo un estudo recente do Pew Forum Research Center, o 31% da poboación mundial é cristiá. Un total de dous mil douscentos millóns de persoas. Pero se algo temos claro moitos cristiáns é que, coa vinda ao mundo do tan anunciado e esperado Mesías, moitas cousas cambiaron. E isto é o que celebramos verdadeiramente en Nadal. Celebrámolo, con gozo, na liturxia durante o Advento, preparándonos para o acontecemento. Celebrámolo no tempo de Nadal, con sa nostalxia de Deus e coa certeza de que Xesús de Nazaret é o Neno Deus enviado ao mundo que quixo “acamparse” nos terruños das nosas desavinzas e intemperies; por iso, a Igrexa celebra o misterio da Encarnación e da manifestación do Señor ao mundo, o seu humilde nacemento en Belén, anunciado aos pastores e acollido por eles, como primicia de Israel que abraza ao Salvador; celébrase a festa da Sagrada Familia, como modelo primordial; e a manifestación dos Magos, vindos de Oriente, primicia dos xentís, que no Neno Xesús recoñecen e adoran ao Cristo Mesías; celebramos o seu Bautismo no Xordán e a inauguración do seu ministerio mesiánico; e finalmente, o milagre de Caná, co que Xesús manifestou a súa gloria e os discípulos creron nel.

Crer nestes misterios é facer posible que aquilo siga sucedendo hoxe, que a vida se poida encher de alegría, que o anuncio de paz no mundo volva resoar en todos os medios de comunicación e en todos os corazóns de xentes de boa vontade; que os Herodes exterminadores que fan e subvencionan mortes sexan derrotados; que El siga plantando a súa tenda no medio das nosas contendas, que poidamos contar e cantar esta Boa Nova que non ten caducidade porque o mandato de „amarvos uns aos outros como eu vos amei“ segue sendo cada vez máis necesario entre tanto desamor inmisericorde cos máis fráxiles e pequenos. Como os pastores e os magos, cargados de nostalxia do divino, saímos neste tempo ao encontro do Neno que xa veu, vén e virá ao fin dos tempos para salvar á humanidade perdida. E mentres, adorémolo prostrados e poñámonos en camiño para ser testemuñas da súa Verdade no medio das vicisitudes do noso mundo.

J. Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

[Artículo en castellano]

Imaxe: Maleny Medina

A %d blogueros les gusta esto: