Durante a semana que acaba de transcorrer entre os domingos 4 e 11 de decembro celebramos en España dúas festas en feminino singular: A Constitución e a Inmaculada. Sobre a primeira e a súa necesidade de reforma e actualización escribiuse xa demasiado. Non así, con todo, sobre a segunda, moito máis antiga e importante, máis universal e venerada en miles de recunchos da nai terra e sobre todo, amada e celebrada como ningunha muller da historia. Na teoloxía máis recente, desde finais do século pasado, houbo e hai unha nutrida literatura en clave de muller, algunha misoxinamente elaborada, que redescobre e demostra non só todo o que as mulleres deron á Igrexa no curso dos séculos, senón tamén todo o que a Igrexa deu ás mulleres, ofrecéndolles posibilidades que a sociedade laica do seu tempo nin sequera concibía nin imaxinaba. A afirmación anterior, por se a alguén se lle ocorre pensar que quen o di é un home, non é miña, é o pensamento de Giulia Galeotti, xornalista, doutora e escritora italiana especialista en temas cristiáns.
Un dos tópicos do pensamento dominante contrapón facilmente ás mulleres entendidas como grupo social que loita pola súa propia emancipación e, por outra, á Igrexa católica vista como o gran obstáculo para o logro dunha plena liberación feminina. Non é que todo sexa falso. É certo que a Igrexa pode ter aínda algún problema coas mulleres e con todo, é indubidable que a mensaxe de Xesús foi e é en grao sumo liberadora, non só en relación coa sociedade do seu tempo, senón tamén respecto ao contexto actual, como mulleres e homes do terceiro milenio. Soamente quen nunca coñeceu e meditou os Evanxeos sería quen de afirmar o contrario. O cristianismo xorde poñendo a mirada no protagonismo dunha muller a través dunha mensaxe divina sobre a Encarnación do Fillo de Deus a unha novísima rapariga de Nazaret. E trinta anos despois, aparecéndose a María Madalena para que vise e testemuñase ao mundo que aquela historia non acababa na Cruz senón na Resurrección do Fillo de Deus.
Os Evanxeos describen a María de Nazaret, a Inmaculada, como unha sinxela muller singular que soborda espiritualidade, fe e silencio. A nai que canta á liberdade, a un Deus que acode á terra facéndose pobre cos pobres para enriquecelos coa súa divinidade, que fai marabillas cos pequenos, que desbarata os plans dos poderosos e que enaltece aos humildes. Esta historia singular que considera a María como expresión suprema do feminino desbordouse dun xeito especialísimo na piedade tradicional do pobo cristián español. Foi o pobo cristián movido polo Espírito Santo o que impulsou o dogma da Inmaculada e mesmo ante a oposición de teólogos e algúns grandes santos. Por iso, cada ano, na praza de España de Roma, ao pé do monumento adicado á Inmaculada, os Papas renovan, pola tarde, a homenaxe á doce Nai da Graza. Unha festa que ilumina, como un faro esplendoroso, este tempo de preparación para o Nadal e que brilla como signo de esperanza segura e de consolo para o pobo de Deus en camiño.
J. Mario Vázquez Carballo
Vicario Xeral