Que pensarían de alguén que lles dixese que cre na morte eterna? Pode parecer unha pregunta absurda que ninguén se faga pois, quen vai querer desaparecer para sempre e que toda unha vida acabe da forma máis absoluta, como se nunca existise?
Reformulemos a pregunta, a cantas persoas coñecen que digan que non cren na vida eterna? Agora seguramente véñenselle á cabeza moitos nomes. Sei de persoas que din crer en Deus e non na vida eterna. Ata, piden misas e oracións polos seus defuntos, malia que dubidan de que haxa algo máis alá da morte.
Condiciónanos a imaxe, quizais infantil, do inferno: os caldeiros con auga fervendo, cheiro a xofre, o diaño con cornos, cola e co tridente na man. Certamente, é unha representación que nos mostra un pequeno anticipo do que sería a estancia no inferno co demo de anfitrión. Pero non deixa de ser unha imaxe que, moitas veces, sérvenos para facer bromas, cantos nenos e adultos disfrazáronse de diaño algunha vez!
Pásanos algo parecido coas imaxes do ceo: anxos saltando de nube en nube e San Pedro coas chaves comprobando a lista cos nomes dos que teñen que entrar cada día.
Deixemos ao carón as imaxes e traduzámolas en definicións. É doado concluír que o ceo é a vida eterna. E, pola mesma razón, temos que dicir que o inferno é a morte eterna. Polo tanto, se nego a existencia de Deus, e con iso a vida eterna, a única esperanza que teño é a morte eterna.
Seguimos traducindo. A vida eterna é a plenitude de todas as capacidades do ser humano ata o infinito, é dicir, todo o bo que agora temos de forma limitada despois será ilimitado ou absoluto. A morte eterna será a plenitude de todas as limitacións e imperfeccións do ser humano. Así adquirirá un sentido pleno a expresión “isto é un inferno”, que dicimos agora cando unha dor ou situación fáisenos insoportable.
Chegados a este punto, creo que non fai falta falar das bondades da vida eterna, pero se cadra é necesario falar do que pode significar a morte eterna, pois non é unha situación neutral. Pois o que non é absolutamente bo é, necesariamente, absolutamente malo.
Falar de morte eterna ou de inferno é pensar na negación de todo, tamén do vivido na temporalidade. É saber que todos os esforzos e logros conseguidos para a promoción do ser humano non serviron para nada, porque todo vai terminar na nada máis absoluta. Falar de morte eterna é saber que todo terminará nun fracaso porque non haberá continuidade posible nin unha segunda oportunidade. Sería coma se un inmigrante ou un refuxiado nunca chegase a un país no que puidese levar unha vida digna e en paz.
Tampouco podemos pensar nestas dúas situacións como impersoais, pois o impersoal nin é bo nin é malo. Por iso existen dous nomes propios que se corresponden a dous seres persoais que fai que unha destas realidades sexa eternamente boa e a outra eternamente mala. Refírome a Deus e a Satanás.
Unha última pregunta. Entón, cando actúa Satanás? Só cando nos soltamos da man de Deus.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán