O sete para os cristiáns é un número importante, polo simbolismo que encerra. Para min hoxe é o número de anos que cumpro en misión e invítame a facer unha revisión persoal.
Que pasou comigo neste tempo?
Coñecín, e sigo coñecendo unha cultura complexa e marabillosa, unha cultura que non che grita as cousas á cara, pero vaiche ensinando a ler a vida, no silencio, nos xestos… unha cultura que entende a amizade dun xeito distinto, pero se un se deixa sorprender descobre unha nova dimensión desta, e axúdache a ver cunhas novas lentes as relacións humanas. Unha cultura que vive o presente, porque non sabe se hai mañá. Unha cultura que sofre, e festexa a vida.
Coñecín o significado de grandes palabras na miña vida, que cría coñecer, pero realmente non era así. O seu significado profundo, tocou a miña alma, e cambioume como persoa.
Cría saber o que era a liberdade. Os privados de liberdade ensináronme a descubrir o seu valor e significado máis profundo -que ás veces as peores ataduras, non son as reixas, ou o encerro- senón os golpes da vida, que marcan a túa existencia.