Os misioneiros da Igrexa católica española, unos 14.000, están presentes en 130 países (e as embaixadas de España non chegan a 100) de todos os continentes: en América o 70,8%, África 13,8%, Europa 8,9%, Asia 6,2% e , Oceanía 0, 2%. En países onde os cristiáns son perseguidos hai 237 misioneiros. A maioría deles, un 54,2%, son mulleres como vén sendo normal en todas as accións de defensa da vida e da solidariedade. Os misioneiros laicos son xa o 7,16%, algún tamén da nosa Diocese.
Estes 14.000 misioneiros son un anticipo profético do que debe ser o Reino de Deus: unha humanidade reconciliada, fraterna e en paz. Dito doutra maneira poñen de manifesto ante a nosa sociedade que a utopía dunha humanidade en harmonía, sen fronteiras nin opresións, é posible. Non só é posible senón que hai signos visibles de que xa empeza a ser realidade para todos aqueles que non pechan os ollos ao que acontece e expresa este dato.
Indo máis aló do ámbito cristián analizamos dúas realidades nas que se podería acoller mellor a súa aportación:
Universidades
En España as universidades deberían recoñecer que a presenza dos misioneiros é unha riqueza cultural e científica de primeira orde. Non teño explicación ao feito de que non aproveiten cultural e cientificamente esta riqueza. Como é posible que facultades como as de Economía, Políticas, Socioloxía, Antropoloxía, Periodismo, Traballo Social… non inviten aos misioneiros/as a ter diálogos cos seus alumnos para que teñan información de primeira man sobre eses países en cuestións de economía, cultura, organización política, plans de estudo, globalización, interdependencia, etc Calquera que teña un mínimo coñecemento e trato cos misioneiros sabe que son grandes expertos sobre a vida real neses países, ademais de ter importante e diversa formación académica universitaria.
Cando trouxeron aos misioneiros-médicos, Manuel García Viejo e Miguel Pajares enfermos de ébola, foron unha axuda para os médicos, polo coñecemento dos protocolos sanitarios e a información precisa da sintomatoloxía da enfermidade. Para o estudo das enfermidades tropicais son expertos de primeira orde os misioneiros-médicos.
País de inmigración
Hai uns 30 anos que España empezou a ser claro país receptor de inmigrantes, e hoxe xa son algo máis do 10% da poboación. Todos os informes afirman que seguirán vindo inmigrantes.
Se queremos, integrar aos inmigrantes na sociedade española (tamén na escola) teriamos que consultar moito máis aos misioneiros se tiveramos algo de sentido común, pois son expertos na súa cultura e tradicións. Ademais, o custe non sería elevado pola súa dinámica de gratuidade e de vivir co elemental.
Canto coñecemento e saber se está desperdiciando! Que pouca preocupación por facer unha sociedade e un mundo máis xusto! Onde queda a preocupación por coñecer o núcleo do humano que está debaixo das diversas culturas? Onde está a preocupación pola Solidariedade e a Xustiza? Sería bo ter a intelixencia e sentido común dun diplomático, amigo dun amigo, que, cando terminou a formación complementaria a súa oposición e foi nomeado para a embaixada en Angola, pediunos unha conversa cun misioneiro. Despois dunha longa conversa cun misioneiro vasco díxonos que aprendeu moitas cousas que non lle ensinaran nos cursos de diplomacia.
Antón Negro
Delegado Episcopal de Cáritas
Gústame esto:
Gústame Cargando...