Reproducimos a carta enviada á Delegación Diocesana de Misións pola irmá Ines, Carmelita Misioneira Teresiana:
Con mirada retrospectiva e memoria agradecida polo longo camiño percorrido como misioneira peregrina, lixeira de equipaxe pero cargada de optimismo e esperanza, quero facervos participes do gozo da miña traxectoria vocacional como misioneira.
África foi o móbil da miña chamada vocacional como relixiosa- misioneira, pero como Deus ten os seus plans, fai 27 anos envioume a Asia, concretamente a Filipinas. Gran sorpresa! Non tiñamos presenza neste continente. Xunto con outra irmá, fomos elixidas e enviadas polos nosos superiores a roturar esta terra. Un 25 de xaneiro, día da conversión de San Paulo, “Ide por todo o mundo; predicade o Evanxeo a toda criatura” Mc 16:15, emprendemos voo cara ao descoñecido coa certeza e seguridade que El é fiel e coida aos que ama.
A aventura misioneira estaba cargada de incógnitas, cada día algo novo, a miña capacidade de asombro e admiración non daba abasto a asimilar tanta novidade e realidades diferentes (cultura, costumes, lingua…) Foron tempos recios, pero Deus manifestábase a cada paso de forma sorprendente, en persoas e circunstancias. É inexplicable a experiencia da acollida e proximidade da xente, a súa paciencia e compresión. O sentido de familia e comuñón fraterna vivida entre as distintas congregacións relixiosas fixo que nos sentísemos en casa e favoreceu positivamente nosa inmersión no pobo.
Despois de moitos anos aínda teño gravada nas miñas pupilas e corazón a imaxe que presenciei na miña primeira visita ao “smokey mountain”, lugar onde queimaban o lixo de Manila e mentres ardía a xente segregaba o reciclable. Ver isto lastimoume e dalgunha forma indignoume, non hai dereito a que uns despilfarremos tanto e outros carezan en grao sumo do elemental, experimentei unha gran impotencia. Por outra banda fascináronme os rostros riseiros desa xente sinxela, hospitalaria, que dá o que necesita, todas as familias invítannos a tomar algo, é incrible.
Na misión preséntanse dificultades de diferente índole, que esvaecen cando acollo co corazón desde a proximidade e a sinxeleza, envolvéndome na realidade da xente con aptitude de escoita e respecto. “Un misioneiro da misericordia consola coa forza da compaixón, non xulga, percibe a Xesús vivo con el no medio da tarefa misioneira”, dinos o papa Francisco.
A miña vida como misioneira compároa cun xardín con diversidade de plantas e flores, cada especie é única e ten a súa beleza propia, pero o conxunto de todas dá un aspecto e colorido ao xardín que o embelece e fai atractivo. Isto pasa na misión, unha enriquécese en contacto coas persoas que o Señor pon no seu camiño dando como resultado a beleza da Igrexa. “A miña misión redúcese a anunciar aos pobos que ti, Igrexa, es infinitamente bela e amable e a predicarlles que te amen” (Bto. Francisco Palau)
Gústame esto:
Gústame Cargando...