O vindeiro domingo 7 de febreiro na Parroquia San Francisco Xavier (Lugo) na Eucaristía das 12:30 h terá lugar a cerimonia de envío como misioneiro segrar a Angola de José Luis Pérez Mudarra, que na páxina web de Misioneiros Segrares Vicencianos (MISEVI) publicou o seguinte texto co título “Quero vivir a riqueza da Misión”:
Desde moi novo sempre tiven a inquietude de ser misioneiro. A miña educación sempre estivo ligada ao carisma salesiano. A miña formación realiceina no colexio dos salesianos de Atocha en Madrid. Sempre me sentín acompañado polos irmáns salesianos e actualmente polas Fillas de María Auxiliadora (Salesianas). Son Salesiano Cooperador do centro local do colexio María Auxiliadora en Lugo. Por motivos profesionais e familiares nunca tiven a oportunidade de vivir unha experiencia misioneira, pero a pesar dos anos e agora na miña actual situación de xubilado, o espírito misioneiro non se perdeu.
Sentirme misioneiro non é ser un heroe. Son unha persoa que coa miña humanidade busco seguir a Xesús e servir aos meus irmáns. O proxecto no que vou participar con MISEVI (Misioneiros Segrares Vicencianos), na localidade de Lobito en Angola espero sexa unha experiencia inesquecible, vivindo o carisma vicenciano, participando activamente nos programas que leva a cabo: «Escola feminina» mulleres, «Promoción de saúde mental» adultos, «Omola Wasandjuka» nenos e «Ondjango Yapongololi» rapaces.
San Francisco de Sales, coa súa bondade e dozura, foi no que se fixaron os santos fundadores das súas sociedades e crearon o seu propio carisma, seguindo os ensinos deste santo (Padres Paules e Padres Salesianos), aínda que o resultado final buscado sempre é o que o espírito suscita, segundo as necesidades dos tempos. Homes e mulleres que queren traballar e facer fronte e pór remedio a indixencias de toda índole que acosan á sociedade e á Igrexa. Así o demostran as congregacións Paules, salesianos, xesuítas… dando orixe á misión e á caridade. Os pobres son a razón da súa existencia e da súa misión.
Quero achegar o meu granciño de area dando a coñecer a Deus aos pobres, anunciarlles a Xesucristo e que o reino dos ceos está preto, que ese reino é para os pobres. O carisma, sexa cal for, supón unha vocación por parte de Deus, sendo agraciados coa participación dun carisma.
Considero que temos que estar á beira dos débiles, dos indefensos, por este motivo desexo participar neste proxecto de MISEVI que serve para a protección e a prevención da dignidade das persoas. En ocasións pregúntome se realmente sabemos o que pasa neses pobos, parroquias, aldeas remotas… Desexo e espero que este encontro con Deus sexa co don que me regalou, xa que quero compartir a miña vida cos máis necesitados, persoas sinxelas, que seguro teñen un alto grao de xenerosidade.
El, é o único que nos ensina a ser alegres, sinxelos, xenerosos e felices, xa que é o único camiño. Por ese motivo vexo como o misioneiro debe ser protagonista no desenvolvemento destes pobos esquecidos da historia, que son os pobres. Desexo renovar a miña fe, compartíndoa cos demais, xerando un profundo sentimento de Deus dando a coñecer o Evanxeo nun labor de pastoral familiar, xuvenil, catequese… O amor é sempre audaz e abre novas formas de servir, sendo signo de unidade, solidariedade e de fe. Desexo dar exemplo aos demais co servizo, traballo, axuda… con alegría de vivir o Evanxeo.
Dou as grazas a Ana López Castaño, membro de MISEVI por facerme a proposta da misión. A Jesús Santiago, vigairo da parroquia de San Francisco Xavier e Delegado de Misións da Diocese de Lugo, polo seu apoio incondicional. A todo o equipo de coordinación, formación e apoio de MISEVI pola súa paciencia e traballo para que este envío sexa realidade. Todos estamos chamados á misión desde o noso bautizo. Desexo seguir o exemplo de San Vicente de Paul e Santa Luisa de Marillac, atendendo aos nosos amos: os pobres.
Lugo, 1 de febreiro de 2021
José Luís Pérez Mudarra
[Artículo original]
Gústame esto:
Gústame Cargando...