Robertus Kardi falou en Lugo da transmisión da fe e da situación relixiosa en Indonesia

Como pórtico da celebración do DOMUND, a Delegación de Misións conta, na segunda semana de outubro, co misioneiro xaveriano Robertus Kardi, que dirixe retiros a sacerdotes e o día 9 deu unha charla no Seminario. Parte da súa intervención adicouna ao seu país natal: Indonesia.

“Bhinneka Tunggal Ika” é o lema nacional oficial de Indonesia, frase que en idioma xavanés antigo significa “Unidade na Diversidade”. Xunto con outros irmáns, Robertus organizou no seu país encontros de diálogo interrelixioso: “Compartimos a riqueza da nosa fe con musulmáns, hinduistas, budistas, e camiñamos xuntos sendo diferentes. Esta é a lóxica do amor de Xesucristo, non encerrarse nun mesmo, senón construír pontes de amor, de fraternidade, de solidariedade, de perdón. Vivindo este diálogo, pois alí realizamos que significa o amor. Amar aos que teñen outras crenzas. Ser amigo e irmán de todos”.

Robertus Kardi recoñeceu que non todo o mundo acolle aos que son diferentes: “pode facer estas cousas a xente que ten a Deus no seu corazón, só a xente que sabe escoitar, recoñecer, respectar, apreciar os demais. Queremos transmitir estes valores co noso traballo, o diálogo, axudar aos pobres. Experiencias moi bonitas, que noutras partes do mundo non é común velas”.

Sobre os froitos do diálogo interrelixioso, sinalou Robertus Kardi que “os primeiros froitos son para os propios católicos. Para poder dialogar cos demais temos que coñecer a Xesús, telo na nosa vida, no noso corazón, escoitalo, estar con El, axudar aos cristiáns a rezar”.

Un dos labores de Robertus en Indonesia foi acompañar a 25 adolescentes, catecúmenos, que se converteron ao catolicismo: “A maioría viñan do hinduismo, budismo, algúns musulmáns, algúns confucionistas. En Indonesia non está prohibida a conversión relixiosa. Eu vin directamente o camiño espiritual da súa vida. E para min foi unha experiencia moi bonita que me axudou moitísimo a entender que significa atopar en Xesucristo o camiño dunha persoa. Estaban moi contentos porque viron a Xesús como o máis importante das súas vidas”.

Robertus Kardi preside as celebracións do xoves eucarístico do 10 de outubro, na Catedral.

Máis información na web da Delegación de Misións.

Presenza en Lugo do misioneiro Antonio Fernández

Durante a primeira semana de outubro o misioneiro Antonio Fernández (IEME) está en Lugo dirixindo retiros para sacerdotes, celebrando o Xoves Eucarístico na Catedral e pronunciando unha conferencia. Isto último foi o 2 de outubro e transcríbense a continuación algúns momentos da súa intervención.

Sobre o seu labor na República Dominicana (Paraíso, Pedernales e Barahona), entre outras moitas cuestións, dixo Antonio Fernández:

“Eu pasei 8 anos indo á montaña, a algún lugar tardábase tres horas en subir, e a outro lugar unha hora e pico. Fixen un traballo que eu chamaba pre-evanxelización. Era achegarse, coñecer, organizar, formar, pór a alguén responsable de unir á xente, darlles polo menos dous anos seguidos de catequese antes de empezar a celebrar Misa e antes de bautizar a ninguén. Cando xa empezamos coa Misa, a xente, sobre todo os inmigrantes haitianos, querían o bautismo. Así que estiven 8 anos sen bautizar a ninguén na montaña, e o último ano bauticei 200 nenos”.

E sobre a maneira de organizar o traballo pastoral, explicou:

“Cada arciprestado reúnese mensualmente, pero non só os curas senón tamén as relixiosas e os laicos, responsables das áreas de pastoral. E a nivel diocesano, cada dous meses tamén hai reunións co Bispo organizando os plans de pastoral. Trabállase moito cos laicos e iso moi interesante, moi bonito. Aquí estamos un pouquiño atrasados niso, non vexo que aos laicos se lles dea tanta cancha”.

Antonio deu a noticia de que o 9 de novembro ordénase sacerdote un colaborador seu que estivo dous anos impartindo formación:

“El ía á montaña os luns e volvía os venres. E ás veces quedaba tamén seguido. Preparou a xente para o bautismo, a comuñón, a confirmación, fixo un coro cos rapaces. Eran totalmente analfabetos. Dous deses mozos están nun seminario e tamén hai dúas mozas relixiosas. Incrible! Van saíndo cousas bonitas dunha comunidade perdida da montaña grazas a inventar estas escolas a base de visitalas, buscar axudas e mantelas”.

A misioneira segrar Mª Carmen Rodríguez presenta a súa experiencia

Pizarra no chan coa mensaxe: “A educación é a arma máis poderosa que vostede pode usar para o mundo”

“Cambia, todo cambia…” que di a canción “pero o meu amor non cambia” nin a misión, aínda que todo sexa diferente.

Todo son contrastes, que aquí parecen máis evidentes, máis visibles. Pasei do Norte ao Sur, do inverno (saín en decembro) ao verán, ao día máis longo do ano, do noroeste de España ao centro-sur de Angola, dun instituto de Secundaria á chamada formación “informal”, quizás a que máis educa, ás escolinhas que comezan aos 3 anos, con mozos, e ás aulas ao aire libre con mulleres que abandonaron os estudos, algunhas hai moitos anos, dun país envellecido a un moi novo. Nunca vira tantos nenos! Angola é un país rico, pero hai moitos pobres, ten paisaxes fermosas, pero moitas están cheas de lixo e mosquitos. Venme á cabeza moitas veces a frase que Viktor Frankl pon na boca dun compañeiro prisioneiro dos nazis ao ver un solpor: Que bonito podería ser o mundo! Por iso temos que loitar para que así sexa.

Tamén é diferente o ambiente eclesial. Angola é un país comunista no que ao saudarse, e son moi educados e protocolarios, din que estamos ben “gracias a Deus”. E cheguei no Nadal, no que tiven unha fermosa acollida. Angola é un país acolledor por tradición e cultura. Tanto nas escolas como nas igrexas cantan e din palabras de benvida. E a Misioneiros Segrares Vicencianos (Misevi) e as Fillas da Caridade téñenos unha gran estima, polo que somos aínda máis benvidos.

O idioma tamén é diferente. En Lobito, a maioría da poboación é de orixe bantú e fala a lingua “umbundu”, que nos resulta dificilííísima. Afortunadamente para nós, o portugués é a lingua vehicular, que case todo o mundo fala e entende en maior ou menor medida. Axudoume moito saber portugués e ter aprendido algo da historia, da cultura e da literatura do país antes de vir porque me permite confraternizar con este pobo. Ademais, os angoleños están sorprendidos e aprecian que poidamos comunicarnos. Aos poucos días de chegar preguntáronme como era posible que eu puidese falar portugués se só levaba uns días en Angola!! A verdade é que hai que falar a súa lingua por inculturación, non só a nivel relixioso, aínda que iso tamén é necesario.

É importante deixarse sorprender, ter a mente e o corazón abertos, e saber aceptar as diferenzas. Moitas veces falamos de ser creativos. E tentamos selo, aínda que sempre temos tendencia a acomodarnos. Niso, aquí nos dan mil voltas. Segue a ser certo que cando pensas que chegas a “axudar”, como moito a compartir a túa vida, recibes máis. E iso tamén nos fai ver doutro xeito como vivir a misión nos nosos ambientes.

Viñen a Lobito cunha licenza de traballo temporal para colaborar en Cooperación ao Desenvolvemento nunha ONGD, no meu caso MISEVI. Esta posibilidade existe desde 2016, aínda que as comunidades autónomas seguen lexislando como levala á práctica. Trátase dunha licenza que os funcionarios poden percibir durante un máximo de 6 meses cada 2 anos. Porque é unha licenza, non unha excedencia, seguimos cotizando. A asociación tamén me “envía” a realizar unha tarefa concreta, no meu caso ser “formadora de formadores”.  Comento isto porque é un camiño novo, que abre outras posibilidades para vivir unha experiencia de misión ad gentes.

Neste mundo “comunicado”, para os que poden pagar, manter o contacto cos misioneiros ad gentes é doado. Podemos saudarnos, charlar, abrazarnos por internet, e está ben esta comunicación que, aínda que ás veces desde aquí nos dispersa doutras preocupacións, tamén axuda… pero calquera sabe, e máis dende que apareceu o Covid, que non hai nada como abrazar de verdade e non virtualmente. Pois iso, unha aperta fraternal.

María Carmen Rodríguez Esperante

Testemuño do misioneiro segrar José Luis Pérez Mudarra

Desexo compartir esa gran experiencia de seguir o mandato de Xesús: “Vaian”. Desde hai varias semanas estou no municipio de Sacaba (Cochabamba, Bolivia) compartindo misión cos meus irmáns Misioneiros Segrares Vicencianos, enviado pola Delegación de Misións de Lugo, sementando o Evanxeo de Xesús a través do meu traballo na misión. Un chega a descubrir que non é tanto o que dá, senón moito o que recibe en experiencias, no contacto coa xente máis sinxela, que sempre ten un xesto de xenerosidade e cercanía, e comparten o que non teñen, ensinandome canto ben nos fai ver a pobreza de preto.

Desde o Centro de Atención á Muller (CAM) traballan un grupo de mulleres que sufriron e superaron feitos de violencia de xénero. Elas son as promotoras de dereitos humanos e o seu labor consiste en acompañar e asesorar a mulleres que padecen a violencia para que se alcance unha xustiza transparente baseada na reconstrución dos dereitos humanos e así vivir con dignidade. Coas instancias públicas ese traballo faise desde a experiencia do CAM, que consiste en entender a acción como resposta complementaria á falta de recursos públicos, ante a realidade da violencia que sofre a muller. Daí que unha prioridade do ser e facer do CAM é a coordinación e apoio ás instancias públicas, obrigadas por lei de dar resposta a esta realidade.

Sigo crendo e apostando por traballar nestes lugares lonxanos pero próximos, pola unión da comunidade na que me encontro. Hai máis alegría en dar que en recibir. Por ese motivo estendemos a man de Deus a través de tantos misioneiros que gozan do don do envío a lugares nos que a necesidade faise un permanente chamado aos bautizados e comprometidos co Reino de Deus.

Xornada de oración e xaxún en memoria dos Misioneiros Mártires

Desde 1993, o día do asasinato de San Óscar Romero, arcebispo de San Salvador, que tivo lugar o 24 de marzo de 1980 mentres celebraba a Misa, está dedicado á celebración da Xornada de oración e xaxún en memoria dos Misioneiros Mártires. Para a 29ª xornada, elixiuse o lema Vidas entrelazadas. De feito, o mártir misioneiro é un tecelán de fraternidade: a súa vida entrelázase coa dos pobos e culturas aos que serve. A humanidade enteira entrelaza a súa existencia coa de Cristo, redescubríndose como sarmentos da mesma vide.

O sacrificio dos mártires é o signo tanxible de que a propagación da fe non é unha cruzada senón un abrazo de culturas, pobos e relixións, a total dispoñibilidade dun mesmo para a escoita e o intercambio mutuo, a axuda a quen se atopa en necesidade.

A Fundación Missio da Conferencia Episcopal Italiana elaborou un material  para a animación misioneira da Xornada. Inclúe vixilia de oración, Vía Crucis, Adoración Eucarística, breve comentario sobre os Evanxeos, 5 títulos de películas inspiradas na temática da Xornada para dar vida a un cineforum:

Human, documental dirixido por Yann Arthus-Bertrand

Para Sama, documental dirixido por Waad Ao-Kateab

Mi gran pequena granja, documental dirixido por John Chester.

Un corazón extraordinario, película dirixida por Marc Rothemund

Kalushi, película dirixida por Madla Dube

A Axencia Fides publica algúns perfís de misioneiros asasinados no mundo, en diferentes circunstancias pero unidos no único testemuño do Señor e do seu Evanxeo.

A %d blogueros les gusta esto: