O venres 25, ás 17:30 h. na parroquia San Francisco Xavier de Lugo terá lugar o Festival de Infancia Misioneira, organizado pola Delegación de Misións para todos os nenos de catequeses de parroquias e colexios que o desexen. Contarase a historia do nacemento de Xesús con maxia, porque o lema deste ano é “Con Xesús, a Belén que boa noticia!”. En concreto, o que se vai contar é a Historia de Baltasar. A entrada é gratuíta.
misión en Lugo
Tres notas do traballo dunha Delegación de Misións: apertura, respecto e compromiso
Hoxe atopámonos ante unha nova etapa misioneira que pide unha nova conciencia e comprensión dos aspectos teolóxicos e pastorais da misión. A Igrexa enfróntase a novos interrogantes: que significa evanxelizar nun mundo traspasado pola inxustiza e a desigualdade cada vez máis grande entre ricos e pobres; como evanxelizar a nova cultura que está nacendo; como afrontar o diálogo interrelixioso, sobre todo cando crece a persecución contra os cristiáns por parte de certos grupos fundamentalistas; que significa “saír ás periferias“ para unha Igrexa envellecida e con pouca vida como é a europea; como facer crible unha mensaxe de amor e misericordia cando moitos dos seus membros principais aínda hoxe continúan vivindo como auténticos príncipes…
Todos estes interrogantes hai que respondelos a partir dunha serie de constantes que deben estar presentes en todo momento:
A primeira constante é o que da misión. En primeiro lugar, temos de aclarar o concepto “territorio de misión“. Hoxe utilízase este concepto para designar a aquelas circunscripcións eclesiásticas que están baixo o amparo da Congregación para a Evanxelización dos Pobos, ao ser comunidades eclesiais que non poden subsistir por si mesmas, debido á falta de recursos humanos e económicos. Actualmente están catalogados 1.113 territorios de misión por África e Asia, as illas de Oceanía e América. A misión sempre é ad gentes. Xa que logo, unha Igrexa misioneira é aquela que entra en contacto cos chamados territorios de misión, para anunciar o Evanxeo a quen aínda non oíu falar del, non unha Igrexa que, por comodidade ou medo, queda no seu propio territorio e só pensa nos seus problemas.
A segunda constante é o como da misión. En 1622, o Papa Gregorio XV funda a Congregación Propaganda Fide coa intención de poñer toda a actividade misioneira baixo o seu control e desligala da actividade colonial. E no ano 1659, a Congregación dirixe unha Instrución que se converteu nunha especie de Carta Magna das misións, posto que mostra como ha de levase a cabo e que calidades han de adornar ao mensaxeiro. A grandes liñas, a Instrución recolle o antigo concepto das “sementes do Verbo presentes en todo home“ para mostrar que a misión non se pode realizar dun xeito colonialista, impoñendo os criterios e modos de pensar e de actuar, senón respectando, acollendo e valorando positivamente o bo que hai noutras culturas e relixións, posto que nelas atopamos o abono axeitado para a semente do Evanxeo.
A terceira constante é o quen da misión. O Vaticano II considera a misión como algo propio de todo o Pobo de Deus, posto que forma parte da natureza da Igrexa e ten a súa orixe na Trinidade: na misión do Fillo e do Espírito Santo, segundo o propósito do Pai (cf. Ad Gentes 2). Por iso, Evangelii Gaudium 119-121 fala da Igrexa como un pobo de discípulos misioneiros.
Festival de Infancia Misioneira 2018
O Festival de Infancia Misioneira será o 19 de xaneiro ás 17h no salón da Parroquia do Bo Pastor. Comézase cun encontro co xogador congoleño do Breogán Hervé Kavasele. Compartirá cos asistentes a súa experiencia e faráselle entrega de material escolar para os nenos do seu país. Neste xesto misioneiro e solidario poden participar todos os nenos asistentes levando algo.
A continuación, a compañía de maxia de Juan e Ana Tamariz presentarán un espectáculo chamado “Maxia e alegría”. Con esta actuación preténdese infundir a alegría no corazón dos nenos, actitude necesaria para que poidan abrirse á misión.
A Xornada da Infancia Misioneira (mundial e pontificia) celébrase o día 28 de xaneiro (IV domingo do Tempo Ordinario).
Mesa redonda sobre a caridade organizada pola Delegación de Misións
O martes 3 de outubro ás 20h no salón de actos da Deputación Provincial hai unha mesa redonda titulada A caridade, alma da misión. Moderados polo Vicario de Pastoral, Luis Manuel Rodríguez, intervirán:
-
Laura Campoy Vázquez, Presidenta de Mans Unidas de Lugo
-
Mónica Yáñez Devesa, Secretaria xeral de Cáritas Lugo
-
Jesús Manuel Santiago Vázquez, Delegado de Misións de Lugo
É un acto organizado por Obras Misionais Pontificias e a Delegación de Misións de Lugo.
Gran misión na Praza Maior de Lugo
Durante cinco domingos de Pascua ás 12h levaránse a cabo misións na praza Maior de Lugo. O contido destes encontros é o das catequeses para a iniciación cristiá que realiza o Camiño Neocatecumenal. Levándoas á rúa, ofrécense a tanta xente que non vai polos templos e á quen Xesucristo quere saír ao seu encontro.
En cada convocatoria, despois de interpretar cánticos, e que algunha persoa conte a súa experiencia de fe, un catequista predica unha das catequeses.