Que celebramos na nosa Diocese o día do Mércores Santo?
O noso bispo, D. Alfonso Carrasco, preside e concelebra hoxe co presbiterio diocesano a Santa Misa Crismal ás 11.00 na Santa Igrexa Catedral Basílica de Lugo. Pola tarde, ás 20.30 h terá lugar a procesión do Santo Cristo do Perdón e da Nosa Señora da Piedade e un Viacrucis Penitencial organizado pola citada confraría.
A celebración da Santa Misa Crismal, ten un marcado carácter sacerdotal xa que son convidados a participar nela todos os sacerdotes do presbiterio diocesano. Ese día renovan as promesas da súa ordenación, reavívase a graza recibida na consagración, bendinse os Santos Óleos dos enfermos e catecúmenos e conságrase o Santo Crisma. Os arciprestes levan as crismeiras cos santos óleos aos respectivos arciprestados diocesanos. Como curiosidade, o aceite consagrado na Catedral procedeu durante algúns anos de Quiroga, ultimamente obséquiannos co prezado líquido elemento amigos da cidade irmá da diocese de Lugo, situada na parte centro-norte da comarca da campiña xienense (Xaén).
Aos sacerdotes lémbraselles que son chamados a ser pastores humildes e sinxelos no medio das súas comunidades e pescadores convidados por Cristo á misión. Pídeselle a Deus que renove neles o espírito de Santidade con que foron unxidos.
Aos fieis convídaselles tamén a participar nesta Eucaristía e a acompañar aos sacerdotes coa presenza, o afecto e a oración para que sempre sexan pastores segundo o corazón de Deus.
Ao concluír a Santa Misa, todos os sacerdotes participan co Bispo nunha comida de fraternidade no Seminario Diocesano.
Mario Vázquez
Vicario Xeral da Diocese