Hoxe é mércores de Cinza

 

Pois si, xa imos comezar unha nova Coresma, coa sensación de que aínda non terminamos a do ano pasado, cando a mediados de marzo tivemos que interromper todas as actividades pastorais e a celebración da Semana Santa quedou reducida a celebracións privadas dos sacerdotes ás que algúns fieis se uniron por internet.

Penso que as cousas pouco cambiaron desde hai un ano e a vida das parroquias rurais, que xa non era moi boiante antes, quedou arrasada. Polo que me din os meus compañeiros, nas vilas e cidades a vida parroquial segue máis ou menos como antes.

É verdade que temos vacinas e que as restricións non son tan estritas, polo que este ano poderemos celebrar a Semana Santa e, por tanto, tamén a Coresma. Farémolo con máis recollemento, como fixemos en Nadal, pero iso tampouco é malo.

A Coresma é un tempo duro, non tanto polos case insignificantes sacrificios que se non piden, senón porque nos pon diante dos ollos a realidade da nosa vida cando a tratamos de vivir á marxe de Cristo. Por isto mesmo, necesitamos ano tras ano facer o camiño coresmal, non vaia ser que esquezamos que somos po, enganados polo espellismo dalgúns pequenos logros que vemos como nosos e que nos enchen de vangloria.

O rito da cinza e as palabras que o acompañan falan por si sós. Non fai falta dicir nada máis.

Lembrade que hoxe tamén é día de xaxún e abstinencia e que os venres de Coresma son días de abstinencia. Son pequenos sacrificios que parecen doutro tempo, pero que cada vez son máis actuais e, sobre todo, moi necesarios.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Artículo original en castellano]

Hoxe é Mércores de Cinza

Terminado o Entroido vén o Mércores de Cinza, co que comezamos o tempo de Coresma, que nos levará até a Pascua, para celebrar a resurrección de Xesucristo.

O rito da imposición da cinza sobre as nosas cabezas é un símbolo deses que falan por si sós, que non necesitan explicación. E menos hoxe en día, que estamos tan afeitos ás incineracións de defuntos. Niso, nun puñado de cinza, é no que nos convertemos se Deus non ten misericordia de nós e sálvanos da morte definitiva.

Ás veces necesitamos ver as cousas de preto aínda que as saibamos dabondo. Sabemos que un día morreremos e que somos pecadores, pero sentir a cinza na nosa fronte e ouvir as palabras «convertédevos e crede na Boa Nova» (Cfr. Mc 1,15) ou «ti es po e ao po tes que volver» (Cfr. Xn 3, 19), fainos reaccionar dun xeito especial.

Por diante temos corenta días para achegarnos máis ao Señor e celebrar a súa resurrección e a nosa esperanza de resucitar un día con El. Non é calquera cousa, só El ten palabras de vida eterna.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Texto en castellano]

Mércores de Cinza: “o día da resaca”

Unha vez máis acudo á linguaxe figurada para falar das cousas de Deus e tamén das humanas.

Hoxe atrévome a dicir que o Mércores de Cinza é o día da resaca, é dicir, o día necesario para sufrir as inevitables consecuencias dos nosos excesos, que influíron en nós ao longo de todo o ano, aos que lles poñemos como broche de ouro o Martes do Entroido.

O Mércores de Cinza é cando vemos claro o que somos de verdade e que a maioría das cousas, nas que puxemos toda a nosa ilusión e todo o noso empeño, ao final non valen nada se nos falta o principal.

Hoxe o Deus de Xesucristo pon ante os nosos ollos a imaxe clara da nosa orixe e o noso final e do que somos capaces de conseguir só co noso esforzo: un puñado de cinza.

No Mércores de Cinza descubrimos que nós, por moitas veces que o digamos e por moito que nolo creamos, non somos nada sen El.

Hoxe é un día para facer un exame de conciencia profundo: «De que lle servirá ao home gañar o mundo enteiro se arruína a súa vida?» (Mt 21, 26). De todo o que fixemos, dixemos, pensamos desde hai un ano, canto vale a pena de verdade? canto aproveitamos para facer que a nosa vida se pareza máis á de Xesucristo? canto ten garantía de eternidade? serviron de algo tantas présas e tantas cousas?

Lembrade que hoxe é día de xaxún e abstinencia e que todos os venres de Coresma son días de abstinencia. Non creo que un pequeno sacrificio por Deus (case é o único que lle podemos ofrecer) nos faga dano.

Hoxe é un día gris, como a cinza que se nos imporá na fronte, pero é un día necesario para decatarnos do que vale de verdade e que o importante non é facer as cousas para que as vexan os demais, senón para que sexan dignas do que pode ver «no secreto» e «no agochado», o noso Pai do ceo.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo orixinal]

A %d blogueros les gusta esto: