MEMORIA AGRADECIDA ÁS IRMÁS MERCEDARIAS DE CHANTADA

Misa en Chantada
O día dezaseis de marzo celebrouse unha Eucaristía moi solemne na capela das Irmás Mercedarias de Chantada presidida polo bispo de Lugo, D. Alfonso Carrasco Rouco acompañado polo Vigairo Xeral da Diocese, D. Mario Vázquez Carballo, o capelán don José González e un grupo de sacerdotes do Arciprestado con participación da comunidade mercedaria e moitos veciños desta parroquia e antigas alumnas desta casa.
O motivo desta festa era conmemorar o cento trinta e nove aniversario da orixe das relixiosas Mercedarias da Caridade fundadas polo beato Padre Juan Nepomuceno Zegrí Moreno cun carisma moi peculiar : TODO PARA BEN DA HUMANIDADE, EN DEUS, POR DEUS E PARA DEUS e tamén enmarcada no ano dedicado á vida consagrada con motivo do quinto centenarios do nacemento de Santa Teresa de Jesús, doutora da Igrexa universal e patroa dos escritores.
Este carisma levárono á práctica durante setenta anos multitude de mercedarias destinadas a esta casa relixiosa de Chantada, fundada polo ilustre chantadino, Don Modesto Fernández cuxo cadáver descansa fronte ao presbiterio desta fermosa capela presidida por unha imaxe marabillosa da Santísima Virxe da Mercé.
Comeza a súa andaina o ano mil novecentos corenta e cinco cun colexio para mozas e un pequeno asilo para persoas abandonadas. En 1971 créase en Chantada o Instituto Mixto de Bacharelato e estas relixiosas deixan o ensino escolar e converten a casa en ESCOLA FOGAR para acoller a nenos e mozos que non teñen oportunidade de asistir aos colexios pola complicada orografía dos pobos galegos.
Ao terminar esta pequena reseña quero, en nome propio, da vila de Chantada e a súa comarca o agradecemento á comunidade actual de Chantada e a todas as relixiosas que, a través deste setenta anos, serviron á Igrexa e á sociedade en todo para ben da HUMANIDADE.

Pegerto Torres Hermida

Arcipreste de Chantada

A %d blogueros les gusta esto: