O 1 de xuño Cáritas Diocesana de Lugo presentou o labor levado a cabo durante o ano 2022 e as actividades da Semana de Caridade 2023.
O director Ginés Plaza informou que durante o ano 2022 foron acompañadas 6.597 persoas directamente, beneficiando indirectamente a 19.791 persoas.
Constatou o aumento da exclusión especialmente nas familias con nenos e adolescentes no seu seo.
O Delegado Episcopal Antón Negro falou sobre o significado do lema deste ano “Ti tes moito que ver”. Lema que lembra o dito de “ollos que non ven, corazón que non sente”. Iso é certo, pero non é menos válido e verdadeiro se o cambiamos a “corazón que non sente ollos que non ven”, porque só somos conscientes do que amamos, é dicir, do que facemos que “teña que ver connosco, cos nosos compromisos”.
E Antón Negro fai notar tamén que o lema ten unha 2ª parte: “Somos oportunidade. Somos esperanza”. Deixémonos mirar tamén pola realidade sen escondernos e deixémonos mirar polos pobres. Non ocultemos por medo a realidade de pobreza que outras persoas viven e vexámolas como irmáns con nome propio. Se miramos aos demais desde o xuízo ou a condena, non podemos ser oportunidade e esperanza para eles.
Finalmente a Secretaria Xeral, Mónica Yáñez, presentou as actividades da Semana da Caridade 2023, que inclúen o Pregón da Caridade do mércores 7 de xuño, ás 20 h no Salón de Actos da Deputación de Lugo. O pregoeiro deste ano é o Xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte Ramón Ares Rico.