O sábado 2 de outubro de 2021 as parroquias de Castroverde nas que Manuel Varela Gorgoso estivo a servir, renden homenaxe a este sacerdote a quen os veciños senten xa como un máis. Tras o comezo do seu merecido descanso a un labor de tantos anos e pospóndose o evento por culpa da pandemia, os fregueses querían despedir a don Manuel dunha forma festiva e que recoñecese o seu labor.
O actual párroco, Nicolás Susena, explica en consistirá o primeiro acto: “Nun primeiro momento, ás 11:15 h na igrexa de Santiago de Castroverde, don Manuel descubrirá unha placa que lembrará o seu paso por estas parroquias. Algunhas persoas agradecerán entón o seu labor social, pastoral, cultural e educativa, así como a promoción do Camiño de Santiago e do Concello de Castroverde”.
Tras este primeiro instante darase paso á celebración da Misa, que terá lugar ás 12 horas no patio cuberto do Colexio de Castroverde. Será presidida por Nicolás Susena, como delegado do Bispo de Lugo, e contará coa presenza de varios sacerdotes da zona, o orfeón Xoán Montes e de todos aqueles fregueses e amigos de don Manuel que queiran sumarse.
Segundo Nicolás Susena, “levamos tempo preparando este momento con moita ilusión e desexo por parte de todos os fregueses, que se implicaron de moitas formas para que esta homenaxe puidese ser levado adiante. Don Manuel merecese este xesto, sinxelo á vez que profundo, de cantos camiñaron con el ao longo de todos estes anos”.
Para asistir a todos estes actos non fai falta estar inscritos de forma previa.
Un adeus marcado pola pandemia
O 29 de febreiro de 2020 don Manuel Varela celebraba a última Misa como párroco da Unidade Pastoral de Castroverde. Ao día seguinte foi presentado o sacerdote, Nicolás Susena. Pero uns días a instauración de medidas restritivas impediron que o homenaxe puidese celebrarse o 17 de maio do pasado ano, data proposta inicialmente. Así, este sábado será a homenaxe en Castroverde a un sacerdote que promocionou a igrexa de Vilabade, promoveu a cultura e a música galegas, e que coidou dos veciños coa entrega durante 55 anos.