Charla de Miguel Ángel Iglesias Blanco

 

Con motivo dos 60 anos de Mans Unidas e a próxima campaña contra a fame, a Delegación de Lugo organizou no Salón de actos do vicerreitorado (Lugo) o luns 28 unha conferencia do Capitán da Garda Civil Miguel Ángel Iglesias Blanco sobre Dereitos humanos e a muller no século XXI, facendo unha enumeración de dereitos vulnerados.

Comezou sinalando que a Garda Civil formárao para ser garante dos dereitos humanos. E ao longo da súa intervención recalcou a necesidade de ter uns sólidos valores, pois iso significa non só ser un bo garda civil, senón un bo cidadán e unha boa persoa. Debido ao poder coercitivo que teñen as forzas de seguridade, aos seus membros esíxelles máis á hora de apoiar os dereitos humanos da poboación á que serven.

Como oficial enfermeiro da Garda Civil, Miguel Ángel Iglesias, estivo embarcado no buque oceánico Río Segura, que rescata migrantes no Mediterráneo. Interveu en dous grandes rescates: primeiro foi de 515 persoas e prolongouse durante máis de nove horas. O segundo, de 625 migrantes, durante preto de dez horas. A partir desta misión realizou unha investigación (‘Análise de máis de 1.400 intervencións de enfermaría en FRONTEX: Visión Policial vs. Humanitaria’) coa idea de dar a coñecer a situación e mellorala.

 

Recanto de Nadal de Mans Unidas Lugo

O 3 de decembro Mans Unidas Lugo inicia o Recanto de Nadal na praza de Ángel Fernández Gómez (detrás do Concello). Trátase dun espazo no que ata o día 13 se venderán obxectos para uso propio ou regalar, co seguinte horario: de 11 a 13:30 h e de 17 a 20 h. O recadado neste mercado solidario destínase aos dous proxectos que neste ano 2018 está apoiando a Delegación de Lugo:

BRASIL Consolidación da agricultura familiar do distrito do alto Capim

Beneficiarios directos: 103 familias

Á fronte do proxecto: Felipe Bannitz, Instituto de Socioeconomía.

Importe: 61.781 €

HONDURAS Defensa de dereitos de mulleres e nenas vítimas de violencia

Beneficiarios directos: 7882 persoas

Á fronte do proxecto: D. Carlos Guillermo Paz Guevara. Cáritas San Pedro de Sula

Importe: 75.459 €

Mans Unidas: Acende a chama. 24 horas que moven o mundo

Durante esta penúltima semana de novembro Mans Unidas leva a cabo en toda España a acción “Acende a chama. 24 horas que moven o mundo”, para fomentar a solidariedade polo desenvolvemento auténtico de cada ser humano e, especialmente, dos máis pobres.

Na Diocese de Lugo esta acción faise en varias parroquias da cidade de Lugo, Sarria, Monforte e A Fonsagrada. Nesta última parroquia, Santa María da Fonsagrada únense a esta campaña o xoves 22 durante a adoración eucarística das sete e media da tarde. Coas candeas acesas presentaranlle ao Señor as necesidades de tantas persoas que no mundo pasan necesidade.

Na cidade de Lugo o acto será o sábado 24 durante a Eucaristía que se celebra ás 20h na Catedral.

A nova presidenta de Mans Unidas Lugo, Josefina Varela, asume o cargo “con gañas; ademais, está servíndose á Igrexa, que é o que nos move e o máis importante”.

Josefina Varela está ilusionada porque o ano que vén celébrase o 60 aniversario da organización, longa traxectoria que non se dá en moitas entidades humanitarias. E tamén está entregada á boa marcha dos proxectos que asume a Delegación de Lugo:

  •  Cinco sistemas de auga potable que beneficiarán a 956 familias de 4 comunidades de San Martin Jilotepeque, Guatemala
  •  Edificio con capacidade para 40 nenos orfos, e un tanque para a recollida da auga de choiva, na India.
[Máis información dos proxectos]   [Materiais da acción Acende a chama]

Novo equipo directivo de Mans Unidas Lugo

Este ano hai un relevo no equipo directivo da Delegación de Mans Unidas en Lugo. O anterior equipo directivo, formado por Laura Campoy (Delegada), Pilar Cadahía (Vicedelegada), María Jesús Fernández (Tesoureira), Berta López (Secretaria) e Miguel Vázquez (Consiliario), fixo posible proxectos de desenvolvemento grazas á súa gran talla humana, dedicación, esforzo e co apoio dos voluntarios. O novo equipo confórmano Josefina Varela (Delegada), Pilar Cadahía (Vicedelegada), Marina Otero (Tesoureira) e Ana Castro (Secretaria) e Miguel Ángel Álvarez (Consiliario), que seguirá fortalecendo a dimensión social da fe.

O luns  12 de novembro hai unha xornada de estudo a cargo formadores de Mans Unidas España. E durante o ano 2019 haberá sesións de formación para os voluntarios da organización e para calquera persoa interesada nas cuestións a tratar: os documentos Sacramentum caritatis e Caritas in veritate de Benedito XVI. As reunións deste grupo de reflexión-formación, que dirixirá Miguel Ángel Álvarez serán no local de Mans Unidas (rúa da Cruz, 3, Lugo) ás cinco da tarde o 21 de xaneiro, o 18 de febreiro, o 11 de marzo, o 8 de abril, o 13 de maio e o 17 de xuño.

Campaña contra a fame de Mans Unidas Lugo

Na loita contra a fame e a pobreza non se pode deixar a ninguén atrás, porque hai unha imperiosa necesidade de humanizar a vida dos millóns de seres humanos que aínda seguen subsistindo en condicións infrahumanas.

En 2018 a Delegación de Lugo apoiará dous proxectos en Brasil e Honduras, para o que espera seguir contando coa colaboración de tantas boas persoas e especialmente coa das parroquias da Diocese, colaboración que xa permitiu cumprir cos compromisos de Mans Unidas Lugo en Haití, Ecuador e Mauritania o ano pasado.

Proxectos 2018 que apoia a Delegación de Lugo:

BRASIL

Consolidación da agricultura familiar do distrito do alto Capim

Beneficiarios directos: 103 familias

Á fronte do proxecto: Felipe Bannitz, Instituto de Socioeconomía.

Importe: 61.781 €

 

HONDURAS

Promoción e defensa de dereitos humanos de mulleres e nenas vítimas de violencia

Beneficiarios directos: 7882 persoas

Á fronte do proxecto: D. Carlos Guillermo Paz Guevara. Cáritas San Pedro de Sula

Importe: 75.459 €

[Manifesto de Mans Unidas]

 

A %d blogueros les gusta esto: