Presentación da Campaña contra a fame (Mans Unidas)

Miguel Leiva Torreiro

O Día do xaxún voluntario que organiza Mans Unidas Lugo no Seminario o 7 de febreiro comezou coa presentación da 61ª Campaña contra a fame: “Quen máis sofre os malos tratos ao planeta non es ti. Colaborar está na túa man” a cargo de Xulio Xiz. E o profesor do Seminario Diocesano Miguel Leiva Torreiro deu unha charla que dividiu en 3 partes:

I) Estamos a queimar a casa común. Entre outras cuestións, Miguel Leiva deu unha cifra: queda petróleo para 44 anos. E un dos pensamentos que achegou foi: os humanos considerámonos amos do mundo cando en realidade somos administradores.

II) Aprender a renunciar. Os habitantes do planeta que pasamos por este mundo como se fosemos en departamentos de 1ª clase dun tren, temos que compartir cos que van en vagóns de categorías inferiores; porque o importante é que o tren poida seguir facendo a viaxe en paz. Renunciar non supón necesariamente vivir con escaseza senón vivir compartindo.

III) Consumo responsable, que segue a regra dos tres es: ético (potencia o traballo digno, coñece a procedencia do consumido, non se toma à lixeira o consume de alcohol…), ecolóxico (rexeita empresas que agreden o medio ambiente, rexeita a obsolescencia programada…), empático (fíxase em quen está detrás do producido, é solidario…).

[Manifesto e proxectos que financia Mans Unidas Lugo]

Actos de Mans Unidas na Campaña contra a Fame

Venres 7 de febreiro, Día do xaxún Voluntario

Ás 17 h. terá lugar no Seminario a presentación da 61ª CAMPAÑA CONTRA A FAME: “QUEN MÁIS SOFRE OS MALOS TRATOS AO PLANETA NON ES TI. Colaborar está na túa man”.

Relatorio: “Conciencia ambiental”, impartido por Miguel Leiva Torreiro, profesor do Seminario Diocesano. Falará da escaseza que hai no planeta de certos recursos naturais e de conceptos como renuncia e consumo responsable.

Ás 18:00 h  Eucaristía

Ás 19:00 h  Xaxún voluntario.

Domingo 7 de febreiro, Xornada Nacional de Mans Unidas

O segundo domingo de febreiro, día 9, é a Xornada Nacional de Mans Unidas, organización a quen se adican as colectas das eucaristías celebradas ese día.

[Manifesto e información dos proxectos que financia Lugo]

Conferencia da misioneira Rosa Mª de los Reyes

Dentro da Campaña contra a Fame 2020 de Mans Unidas, a misioneira Rosa Mª de los Reyes pronunciou unha conferencia o 3 de febreiro no Seminario. Explicou a situación da cidade na que vive Mbuji-Mayi, na República Democrática do Congo. Alí dá clase de Biblia no Seminario, é formadora de profesores de Relixión e colabora co centro salesiano Muetu Don Bosco de reinserción de nenos vulnerables. Sobre o país dixo que é rico pero moi maltratado. Hai diamantes, e aínda que non son cualificados “diamantes de sangue” como en Serra Leoa (onde houbo guerras a causa das pedras preciosas) si hai mortes, sobre todo nos pozos de onde nenos, mozos e adultos extraen artesanalmente diamantes e o problema está nos afundimentos, que acaban coas vidas de quen están traballando dentro.

Tamén falou Rosa Mª de los Reyes do Seminario Maior de Cristo Rei Kasayi Theologicum / Malole, en concreto das condicións de vida dos seus alumnos, que son as mesmas cás do pobo: sen auga, sen electricidade, sen unha dieta variada…

A misioneira Rosa María de los Reyes participa en Lugo na Campaña contra a Fame

Durante estes últimos días de xaneiro e primeiros de febreiro está participando na Campaña contra a Fame de Mans Unidas – Lugo Rosa María de los Reyes, misioneira mercedaria de Berriz. Vive en Mbuji-Mayi, cidade da República Democrática do Congo, país sobre o que di:

Hai 8.000 km de distancia, pero é como ir dun planeta a outro. Nos países do Norte un neno non está sacando diamantes dun pozo que pode afundirse e acabar coa vida da criatura. No Congo é moeda corrente, xa sexa buscando coltán, cobalto, diamantes, ouro…”

Ademais dunha crise humana hai unha crise ambiental:

En África son de plástico os vasos, os pratos, as cadeiras, as mesas… Hai pequenas fábricas que venden moito material de plástico, que non é biodegradable e que rompe con facilidade, Entón desbótase e está acumulándose de xeito moi esaxerado; a terra está completamente invadida polos plásticos. Hai que facer algo pois a contaminación do solo é moi forte e o impacto sobre a poboación tamén é grande. A isto únese que dos países do Norte chegan a África coches vellos, autobuses vellos, todo así, polo que ao continente negro vai o máis contaminante.”

E sobre o labor de Mans Unidas fala Rosa Mª de los Reyes con gran coñecemento, pois ela mesma foi avalista de varios proxectos, por exemplo:

Montouse en Mbuji-Mayi coa axuda de Mans Unidas un centro de saúde para a infancia. A maioría dos nenos atendidos teñen febres tifoideas recorrentes, malarias recorrentes, problemas de saúde mental, discapacidades físicas moi fortes. Son nenos que non poden facerse un sitio nunha sociedade tan dura e acaban na rúa. O primeiro que reciben os nenos que chegan constantemente é unha atención sanitaria; saben que poden curar”.

 Rosa Mª de los Reyes impartirá unha conferencia no Seminario de Lugo o luns 3 de febreiro ás 20 h.

Acende a chama. Actos de Mans Unidas

O xoves 7 de novembro na Eucaristía das 20 h na Catedral Mans Unidas Lugo organiza un xesto solidario de sensibilización, para que o apoio das xentes de Lugo ilumine o camiño de persoas que merecen unha vida mellor.

Trátase de promover o compromiso solidario para acabar coa fame e para potenciar o desenvolvemento integral dos países máis empobrecidos.

O mércores 6 o acto foi na Fonsagrada.

A %d blogueros les gusta esto: