Un ano máis a campaña de Mans Unidas axúdanos a volver a mirada ao noso próximo, a ese ti, próximo, en quen se pon de manifesto en primeiro lugar os malos tratos dos recursos naturais postos á nosa disposición, que chega mesmo a facerse visible nos danos que sofre a natureza, o planeta mesmo.
Lémbranos así Mans Unidas que esta situación non é inevitable, senón que depende en boa medida da nosa liberdade, da nosa conciencia da vida, da nosa actitude moral. O cambio do noso corazón e, por conseguinte, do noso comportamento é decisivo. O berro dos pobres e da natureza interpela a cada un de nós de novo.
Sabemos que non todo está na nosa man. Non vivimos xa no paraíso terreal e nunca o poderemos alcanzar na terra. O benestar do que podemos gozar nun momento dado non debe chamarnos a engano; é sempre o resultado do esforzo, o traballo, a austeridade e o sacrificio en relación coa creación. Por iso mesmo, leva intrinsecamente unha esixencia de xustiza tanto na repartición da riqueza producida, como nas condicións de traballo que a fan posible, no país que sexa. E entre estas condicións han de contarse tamén as ambientais: non pode destruírse o ámbito de vida dun pobo, para explotar a menor custo os recursos naturais.
Non somos señores do mundo, que recibimos como un don de Deus; e, se nos portamos como tales, producimos o seu dano. Recibímolo como lugar que fai posible a nosa vida terrea, como casa común que temos que coidar e transmitir de xeración en xeración.
Sabemos tamén que o coidado da natureza foi encomendado ao home desde o inicio. A nosa liberdade e a nosa responsabilidade foron queridas por Deus como parte intrínseca da creación; non podemos imaxinar a realidade, pensar o mundo ou o planeta sen elas. Non é a presenza da liberdade humana o problema, senón o pecado que a limita e desordena a súa acción. Non é negativa a presenza humana no mundo, senón a nosa separación de Deus, que nos fai maltratar a realidade, non só o planeta, senón mesmo directamente ao noso irmán. Non é posible, por tanto, separar ecoloxía humana e natural. Necesitamos unha ecoloxía integral, enraizada en mentes e corazóns, conscientes da súa relación profunda coa creación e cos irmáns, co Deus Pai e Creador.
A campaña de Mans Unidas interpélanos con especial forza: urxe un cambio, rexeitar a cobiza, a avaricia, a soberbia, a indiferenza ante o sufrimento dos demais, e volver á verdade e ao ben, á obediencia aos mandatos divinos de coidar a creación co noso traballo e de amar ao próximo.
Só este cambio profundo en cada un, só a responsabilidade consciente de moitos, permitirá que se modifiquen comportamentos sociais e económicos que erixen a propia riqueza e poder en fin supremo, que esquecen estes criterios fundamentais de verdadeira humanidade, de vida na Terra. O Señor Xesús desvelóunolos de moitas maneiras nos Evanxeos, e o seu ensino determinou a nosa educación como persoas moitas veces xa nas nosas casas e parroquias.
Pois ben, a urxencia de vivir segundo estes criterios morais é proclamada hoxe con gran voz pola creación mesma, polo noso planeta, e por todos os que sofren nel os malos tratos dos seus recursos, sen capacidade de defenderse debido á súa pobreza. Mans Unidas lémbranolo a cada un e á nosa sociedade.
Que esta campaña sirva para que saiamos ao encontro das necesidades dos nosos irmáns hoxe -cos nosos propios bens- e para que sintamos chamados a unha verdadeira conversión evanxélica, a un cambio que posibilite que as nosas actitudes e a nosa vida sexan radicalmente coidado os uns dos outros, e xuntos da nosa casa común, do noso planeta.
+Alfonso,
Bispo de Lugo
[Carta pastoral en castellano]
Gústame esto:
Gústame Cargando...