Concerto da Banda Municipal de Lugo e o Orfeón Lucense, organizado por Mans Unidas

O día 26 de maio de 2013, ás oito da tarde, no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo, celebrarase un Concerto a beneficio dos proxectos que a Delegación de Mans Unidas da Diocese de Lugo financia este ano en Mauritania, Ghana e Uganda.

No mesmo, intervirá a Banda Municipal de Lugo, dirixida por Rosendo Ivorra Jover, e o Orfeón Lucense, dirixido por Marcos Manuel Fernández Mosquera.

As entradas (donativo de 5 euros) poden adquirirse no propio Círculo das Artes desde unha hora antes do concerto.

Curso de Mans Unidas sobre proxectos humanitarios

Mans Unidas de Lugo organiza un Taller “Curso básico de formación en Proxectos”. Celébrase día 16 de maio (unha soa xornada) na rúa da Cruz 1 B- 1º

PROGRAMA

10,00 – 11,00 h: Nocións básicas sobre proxectos.

11,00 – 11,30 h: Exercicio sobre “debe e non debe”.

11,30 – 12,00 h: Exemplo de identificación nun proxecto educativo.

12,00 – 12,30 h: Descanso.

12,30 – 13,45 h: Os proxectos en Mans Unidas. Xestión dun proxecto.

16,00 – 17,00 h: Operación Enlace e Co-financiamento. 

Mercados solidarios: Mans Unidas e Artenova

Ata o 15 de maio de 2013, a Delegación de Mans Unidas – Lugo instala o seu mercado solidario na rúa San Marcos nº 1 baixo (antigo local de ultramarinos A Sucursal), e o horario de atención ao público é o seguinte:

  • de luns a venres laborables: de 11 h. a 13:30  e de 17 h. a 20:30 h.
  • sábados: de 11 h. a 13:30

 O recadado destínase a tres proxectos que financia este ano Mans Unidas da Diocese de Lugo en Mauritania, Ghana e Uganda.

Artenova. A apertura da exposición e venda dos artigos de artesanía e produtos ecolóxicos é o día 27 de abril, na antiga Sancristía da parroquia de Santiago A Nova. A recadación será para Cáritas. Está a recibirse moita colaboración pero ao ser tantas as necesidades é preciso acudir ao desprendemento de cada persoa, para que, un ano máis, a axuda sexa concorde coas necesidades que todos coñecemos.

Desde a organización agradécese a cantas persoas están a traballar a este fin. 

Pastoral de Mons. Alfonso Carrasco sobre a Campaña de Mans Unidas

Queridos irmáns,

o lema escollido este ano pola LIV campaña de “Mans unidas”, non hai igualdade sen xustiza, centra a nosa atención nas raíces profundas que son causa da fame e da inxustiza nas nosas sociedades. En termos semellantes falaba o concilio Vaticano II -cuxo cincuentenario celebramos-, expresando solemnemente a nosa fe ante o mundo: “os desequilibrios que sofre o mundo moderno están relacionados con aquel outro desequilibrio máis fundamental que ten as súas raíces no corazón do home” (GS 10).

A profundidade destes desequilibrios maniféstase en que non afectan só a estruturas económicas ou políticas, senón incluso ás relacións máis fundamentais e íntimas, constitutivas da vida de cada un, como son as do home coa muller e, polo tanto, ao amor esponsal, á familia, a paternidade e a maternidade, ao sentido da filiación e da fraternidade, etc.

En efecto, “Deus non creou ao home só: pois dende o principio os creou home e muller (Xén 1,27). Esta asociación constitúe a primeira forma de comuñón entre persoas. Xa que o home é, pola súa natureza íntima, un ser social, e non pode vivir nin despregar as súas calidades sen relacionarse cos demais” (GS 12).

O home e a muller, na diferenza do seu ser propio, gozan pois da mesma dignidade e do mesmo dereito a que os seus bens fundamentais sexan respectados. Entre eles convén destacar, con respecto á muller, aliberdade ante o varón e na determinación da propia vida, a dignidade da súa posición na familia, o acceso libre á propiedade dos bens e, en primeiro lugar, á educación.

Costumes ancestrais ou tradicións culturais non poden opoñerse á igualdade fundamental en dignidade e dereitos que está enraizada na mesma creación de Deus. E, de feito, as inxustizas nestes ámbitos determinantes de ser persoa redundan en desequilibrios e danos tamén para os varóns, as familias e o crecemento económico e cultural de toda a sociedade. A loita contra a pobreza encontra nestas discriminacións tamén un obstáculo formidable.

Entre os dereitos propios da muller, que deben ser defendidos -e que, en realidade, afectan logo a todos- están aqueles referidos a bens especificamente seus, como pode ser, por exemplo, a maternidade en todos os seus aspectos.

Este ben inmenso sofre en moitos lugares polas dificultades a levar a cabo a xestación e o parto en condicións dignas; e, por desgraza, tamén pola loita de grupos interesados na introdución do aborto nas sociedades, coma se destruír esta dimensión materna da muller, introducindo un principio de morte no máis íntimo da súa existencia, fose un crecemento na liberdade. A iso engádense campañas inaceptables de esterilización de mulleres e poboacións, movidas por intereses que non coinciden para nada co ben dos que as sofren. Éntrase así en contradicción coas conciencias das persoas e coas culturas mesmas, sen respecto ningún, mostrando de novo como as inxustizas neste ámbito fundamental afectan a todo o ser persoal e social do home.

Todas estas son tamén formas de exercicio dun poder social que non respecta á muller como tal, nin a axuda realmente, senón que a usa ao servizo da propia estratexia cultural e económica. O cal pode dicirse igualmente da imposición dunha “ideoloxía de xénero”, que non recoñece a realidade diferenciada do home e a muller, a súa vocación ao amor mutuo e o significado esencial da súa comuñón persoal para a vida de toda a sociedade.

Vencer os desequilibrios do corazón -xa nesta primeira forma de relación, a do home e a muller- e negarse ao pecado, saber discernir a verdade e amar a xustiza, é dicir, amar aos demais como o Señor nos amou, é posible grazas á fe, que acolle a luz da Palabra de Deus, e á graza, que fai posible amar tamén no esforzo e o sacrificio.

Este é o testemuño que nos ofrece publicamente a campaña de “Mans unidas”, mostrando os desafíos que a pobreza, a inxustiza e a desigualdade seguen formulando no noso mundo.

Somos axudados así a comprender mellor a urxencia de vivir a nosa fe -neste Ano da fe– con intelixencia e con desexos de renovar as nosas conciencias e os nosos comportamentos á súa luz.

Que a Santísima Virxe María, a muller que nos representou a todos coa súa palabra ante Deus Pai, a que foi nai do Fillo unixénito de Deus, irmán e salvador noso, a que permaneceu virxe, sen mancha de pecado, libre e chea de graza no seu corazón, interceda polo labor de Mans unidas, por todas as mulleres que sofren a inxustiza e a pobreza, e por todos nós, chamados a ser testemuñas no mundo da dignidade de toda persoa, e do amor e a comuñón verdadeiras.

Lugo, 4 de febreiro de 2013

+ Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo

Actos organizados por Mans Unidas na Campaña contra a Fame 2013

cartel Mans Unidas

Xoves 7 de febreiro

Ás 20 horas no salón de actos de Caixagalicia haberá unha conferencia ” Polos camiños da Solidariedade”. Relatora: Dona Marta María Machain de Singer. Directora de Proxectos en Asunción, Paraguai. Presenta Dona Blanca García Montenegro, Presidenta do Grupo El Progreso.

Venres 8 de febreiro: DIA DO XAXÚN VOLUNTARIO

Ás 19 horas, Eucaristía no Seminario Diocesano. A continuación, merenda solidaria no mesmo lugar. Donativo: 5 €

O peditorio en todas as igrexas do sábado 9 e domingo 10 de febreiro destinarase aos proxectos que MANS UNIDAS Lugo financia en Mauritania, Ghana e Uganda.

A %d blogueros les gusta esto: