Mans Unidas Lugo coa acción “Acende unha chama”

Mans Unidas Lugo 24h

Un nutrido grupo de cidadáns lucenses participaron na Concentración Solidaria, que o xoves 30 de outubro, ás sete da tarde, tivo lugar diante do Concello de Lugo. Acendéronse velas, previamente entregadas aos presentes, para identificar a luz como un impulso para o compromiso solidario polo desenvolvemento, a xustiza e a igualdade.

A presidenta – delegada de Mans Unidas Lugo, Amalia Hermida, en presenza dos cidadáns e do alcalde de Lugo, lembrou os programas que a organización humanitaria leva adiante en todo o mundo.

“24 horas que moven o mundo”, acción de Mans Unidas

Copia de 30 outubro encende a chama

Mans Unidas Lugo  coa acción “Acende a chama. 24 horas que moven o mundo”, quere fomentar a solidariedade polo desenvolvemento auténtico de cada ser humano e, especialmente, dos máis pobres.

Por isto, a Delegación lucense de Mans Unidas invita a participar a toda a cidadanía na Concentración Solidaria, do vindeiro xoves 30 de outubro de 2014, ás sete da tarde, na Praza Maior de Lugo. Acenderánse velas, previamente entregadas aos presentes, do mesmo xeito que en lugares diversos do resto de España, como parroquias, prazas, centros culturais, colexios… Trátase de identificar a luz como un impulso para o compromiso solidario polo desenvolvemento, a xustiza e a igualdade; e invítase a acender unha vea porque entre todos, pódese alumar un mundo máis xusto, equitativo e solidario, xa que a luz ilumina e simboliza a nosa participación nese proxecto común.
Desde as cinco e media da tarde instalarase unha mesa con información no mesmo lugar.

Conferencia e mercado solidario organizados por Mans Unidas

Mans Unidas Lugo organiza o 14 de maio unha conferencia sobre seguridade alimentaria no noso mundo globalizado.

A conferencia será impartida por Marco Gordillo (@magordilloz) no salón de actos da Fundación Novagaliciabanco (Lugo) ás 20:30h. Marco Gordillo é coordinador de campañas e redes de Mans Unidas.

Mercado solidario

Ata o día 29 de maio de 2014, a Delegación de Mans Unidas da diocese de Lugo volve instalar o seu tradicional Mercado solidario. Nesta ocasión está na rúa Bolaño Rivadeneira 19. O horario de atención ao público será de 11:00 h. a 13:30 h. (mañás) e de 17:00 h. a 20:30 h. (tardes) de luns a venres laborables, e de 11:00 h. a 13:30 h. (mañás) os sábados non festivos.

Carta pastoral ante a campaña de Mans Unidas

UN MUNDO NOVO, PROXECTO COMÚN
Ante a LV campaña de Mans Unidas
Queridos irmáns,
a esperanza dun mundo novo atravesa a experiencia dos pobos, que sempre
sufriron na historia e non é sentida menos agudamente na actualidade, aínda que
por un instante tivésemos a ilusión de que a realización deste soño milenario xa
estaba case ao alcance do poder humano. É verdade que o aumento do noso
coñecemento da contorna e das técnicas para intervir nel permitiu responder a
moitas necesidades. Con todo, aínda que crecesen as nosas posibilidades de
acción -sempre nos límites da natureza-, seguen existindo inxustizas tan vellas
como a fame e as guerras, e apareceron novas formas de exclusión dos bens da
terra. A suma das inxustizas e dos sufrimentos, tantas veces evitables, fainos
percibir a urxencia de poñer en común forzas e capacidades, para facer posible
unha novidade real no noso mundo.
Esta novidade ha de estar enraizada no home, na súa conciencia e corazón, para
evitar que o crecemento do noso poder aumente a arbitrariedade e a impunidade,
e desapareza na persoa o sentido dunha xustiza e unha fraternidade elementais.
Poder dispor dos recursos -e da vida- doutros, sen ver os seus rostros nin pensar no seu ben, fixo posible o que o papa Francisco chamou unha “cultura do
descarte” do débil, do que non contribúe ou obstaculiza o meu enriquecemento.
Esta inhumanidade do corazón converte en daniño un poder chamado a servir
para o ben. Por iso, é moi importante comprender que non haberá mundo novo sen home novo, nin proxecto común sen sentido da fraternidade, sen que atope
acollida en nós a pregunta elemental: onde está o teu irmán?
A esta urxencia primeira e fundamental non responde o crecemento das nosas
técnicas, senón a novidade do corazón: reconciliado e non fracturado, amado
radicalmente e non encerrado na soidade, capaz de gratuidade e libre da
necesidade de apoderarse de todo.
Este cambio profundo e persoal, que nos permite vivir como irmáns, é froito do
don dun Amor inmenso, cuxo encontro cambia a existencia e os seus horizontes.
Xérao sempre o coñecer e crer no Amor de Deus, que nos é dado en Xesucristo.
A gratuidade, o sentido da fraternidade deben estar desde o principio na mente e
o corazón, para que o uso do noso poder -e das nosas riquezas- sirva a un mundo novo. A fe, a esperanza e a caridade deben alentar no íntimo, para que
resplandeza a fraternidade, para que busquemos camiños que deixen atrás as
inxustizas e saibamos estar a carón de quen sofre.
A campaña de Mans Unidas convídanos certamente a dar con xenerosidade, a
axudar aos necesitados. Pero así convídanos a algo máis grande: a cambiar a
mentalidade. Dános testemuño de que existe esperanza, de que é posible
novidade real no noso mundo; e lémbranos a prioridade da fraternidade e da
caridade en tempos en que o risco do individualismo e da soidade é grande.
Un ano máis, a campaña de Mans Unidas pode axudarnos a descubrir o máis
importante de nós mesmos, quen somos, cal é a nosa fe e a nosa esperanza.
Porque o xesto da caridade faranos volver a mirada de novo, e con maior
confianza, cara ao noso Señor, en quen atopamos perdón e amor e de quen
recibimos un Espírito activo e incansable, que nos fai recoñecer a Deus como Pai
de todos, e a cada home como irmán.
Esta fraternidade concretamente vivida será sempre unha novidade no mundo.
Dela poderá xurdir un traballo e un proxecto común, no que o máis necesitado non sexa o excluído, senón o coidado en primeiro lugar.

+ Alfonso Carrasco Rouco
Bispo de Lugo

A %d blogueros les gusta esto: