O mércores 16 de novembro ás 18:30 Lvcensia presentou o número 53 na Aula Magna do Seminario. No acto de presentación a catedrática da Universidade de Santiago de Compostela Isabel Fernández García falou de 30 mulleres científicas lucenses ou que desenvolveron a súa actividade científica nas primeiras décadas do século XX. Presidiu o acto o Bispo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco.
Neste número Lvcensia súmase á conmemoración do oitavo centenario da fundación da Orde dos frades predicadores cun artigo de Prudencio Leza e Pilar Pérez sobre a súa importante pegada na nosa Diocese. Ademais, Abel Vilela afonda na vida do oficial do Exército español John Ryan durante a súa estancia en Lugo, a súa amizade con José María de Prado e Neyra e o seu enfrontamento co cabido. A toponimia tamén ten o seu espazo con nomes referentes ao período altomedieval nun artigo elaborado por Miguel Costa Rico. De igual referencia medieval é o traballo de Manuel Rodríguez Sánchez relativo aos libros eclesiásticos de Lugo e a súa Diocese. Outras referencias á vida eclesiástica parroquial recóllense nos artigos dedicados ao o apadriñamento no arciprestado de Bolaño de Tamara González e á vida cotián na parroquia de Vilartelín de Mª José López Caldeiro.
Na vida económica do mundo rural ten un papel destacado o sector lácteo. Jesús Penelas recompila a historia da súa evolución na provincia de Lugo. Tamén no campo da economía dedícase outro artigo á importancia das Sociedades Económicas de Amigos do País, nacidas na época da Ilustración. Complétase este número cincuenta e tres cun comentario poético sobre o último libro de Manuel Silva (Posta de Sol) e cunha referencia aos cincuenta anos de Cáritas na Diocese de Lugo realizada por Susana López Abella.