A revista que publica a biblioteca do Seminario Diocesano, Lvcensia, sae á luz co número correspondente a este segundo semestre de 2023. E o xoves 16 de novembro na Aula Magna do Seminario Diocesano presentouse o novo número nun acto presidido por Mons. Alfonso Carrasco e dirixido polo reitor David Varela.
O primeiro en intervir foi o director da revista, Gonzalo Fraga, que deu a coñecer os contidos do número 67 de Lvcensia.
A continuación tomou a palabra o historiador Felipe Arias, coautor do primeiro artigo:
“A ara de Curbián é moi interesante porque presenta unha divindade prerromana, indíxena, e un dedicante, quen fai o voto, que ten uns nomes romanos. Ou sexa, é un símbolo, unha mostra moi clara e moi representativa do que supón a romanización. Trátase dun sincretismo entre o panteón indíxena prerromano e o mundo romano. É igual que hai a ara de Curbián, dedicada ao deus Bandua Balecco, por un señor que ten nomes romanos, tamén hai aras que están dedicadas por homes de xinea indíxena, prerromana, castrexa a deidades do panteón clásico. Prodúcese ese intercambio e a ara de Curbián, vén completar moi ben ese panorama”.
A restauradora Uxía Aguiar, coautora do primeiro artigo, explicou o proceso de restauración da ara de Curbián:
“Primeiro determinouse cal era o estado real de conservación da ara toda vez que levaba tantos anos depositada en Curbián. Despois da diagnose deseñouse un tratamento específico para esta peza: retirada dos elementos que xeraban certo deterioro ou que enmascaraban as texturas, as inscricións, en definitiva, poñían en certo perigo a conservación da mesma. E trasladouse ao depósito diocesano de bens culturais que foi o espazo onde se restaurou para logo pasar ao Museo Diocesano e Catedralicio”.
Clausurou o acto Mons. Alfonso Carrasco, que sinalou o seguinte:
“Cando a identidade ten unha apertura profunda permite o encontro e o enriquecemento mutuo. E alégrome de ver que esta actitude, esta posibilidade, continúa na historia. Tambén hoxe a revista Lvcensia é un momento de encontro de xentes, de estudos diversos, de persoas que acudimos e reunímonos de novo. Esta casa segue sendo un lugar no que camiños, identidades, perspectivas culturais seguen encontrándose. Esta apertura é moi importante nos tempos que vivimos. Creo que é propio da fe cristiá ter unha apertura a todo o que é humano e poder valorar calquera cosa boa”.