Do 16 ao 23 de novembro lévase a cabo a campaña “Semana Vermella” para lembrar aos cristiáns perseguidos
Hai uns meses, en maio, o Parlamento Europeo negouse a condenar o brutal asasinato da nixeriana Deborah Yakubu, unha estudante cristiá que foi lapidada e logo queimada polos seus compañeiros musulmáns, tras ser acusada de blasfemia. Ela só manifestara polo wasap de clase, que se escribían moitos contidos musulmáns nel.
Ao fío deste acontecemento, o deputado francés Jean-Paul Garraud pediu ao Parlamento Europeo a creación da figura dun Coordinador en contra da cristianofobia, igual que xa existe para o antisemitismo e a islamofobia. E solicitábase a condena explícita do asasinato da moza Deborah. A proposta foi rexeitada por 244 votos en contra, 231 a favor e 19 abstencións
O Parlamento Europeo non quixo defender a liberdade relixiosa dos cristiáns, nin condenar o asasinato de persoas inocentes, nin sequera polo feito de que, neste caso, a vítima sexa unha muller, considerando a especial sensibilidade feminista dos políticos europeos.
ONGs como Amnistía Internacional, Puertas Abertas, Alliance for Defending Freedom Internacional ou Axuda á Igrexa Necesitada veñen denunciando, ano tras ano, a inxusta persecución e morte de cristiáns en continentes como África, Asia e, actualmente, e crecendo, en Europa.
É verdade que non é a única comunidade relixiosa perseguida no mundo e que son moitas as minorías que sofren cada día. Pero é un feito innegable que os cristiáns están a ser obxecto dun crecente acoso que moitas veces acaba en traxedia. Segundo Amnistía Internacional, un de cada nove cidadáns do mundo que profesa a fe cristiá é perseguido por este motivo a un nivel alto, moi alto ou extremo.
Lexislacións vixentes en numerosos países son radicalmente incompatibles coa Declaración e os Pactos de Dereitos Humanos de Nacións Unidas. A pesar diso, este organismo nunca puxo sobre a mesa estas lexislacións absolutamente represivas e contrarias aos máis elementais principios humanos.
“Vergoña, vergoña”, gritaron algúns deputados europeos na citada sesión ao coñecerse o resultado da votación. O eurodeputado Garraud anunciara: “Facer todo o posible para evitar traxedias é unha necesidade absoluta, non facer nada sería, pola contra, culpable”. E culpable resulta o Parlamento Europeo ou o silencio cómplice de moitos medios de comunicación, pero tamén hai unha parte de responsabilidade dos propios cristiáns de todo o mundo, porque o que sucede significa que, en boa medida, a nosa capacidade de mover á opinión pública é moi limitada.
Domínanos o politicamente correcto. A comodidade ou o medo a ser estigmatizados. Hai demasiados cristiáns, católicos, tan ocupados en observar o embigo das súas preocupacións que resultan absolutamente indiferentes ao que lles pasa aos seus irmáns de fe no mundo. Peor aínda, somos capaces de apuntarnos a todo tipos de campañas, denuncias de inxustizas, ecoloxía, pobrezas… pero, cando se trata de testemuñas cristiás perseguidas por seguir a Xesucristo, a moitos case non nos move ningunha atención.
Non facer nada supuxo que o Día de Pentecoste, de novo, 50 cristiáns fosen asasinados en Nixeria.
Ante a indiferenza política e social, ata que nos chegue a persecución a casa, é necesario reparar e denunciar este estado de cousas. É ineludible que todos sexamos capaces de conseguir que ser cristián non sexa motivo de persecución, encarceramento ou morte en pleno século XXI.
Daniel García García
Párroco de Albeiros e das Gándaras