Sobre a lei

Fronte á febre lexisladora que nos invade, quizá sexa útil lembrar algunhas vellas verdades. San Tomé de Aquino, o Anxo das Escolas, definiu a lei como “unha prescrición da razón en orde ao ben común, promulgada por quen ten o coidado da comunidade”. Esta definición nunca foi superada, pois recolle as notas esenciais que concorren á constitución da lei.

Así pois, a lei é unha prescrición da razón porque esta é o principio dos actos humanos e, en consecuencia, debe ser tamén regra dos mesmos. Se a razón non é fonte da lei, entón éo a vontade. Sendo así, que impediría que adquirisen rango de lei os caprichos do lexislador ou da maioría dos seus representados? Ademais, a lei ordénase necesariamente ao ben común por ser este o fin da comunidade política. Se o ben común non é o fin das leis, entón éo o ben particular. De ser así, quen podería reprender a un político que busca no exercicio das súas funcións unicamente o seu propio beneficio? Non é menos importante a súa promulgación, pois sería absurdo esixir o cumprimento da lei a aqueles a quen non se informou da súa existencia. E, por último, é evidente que só aquel que foi constituído en autoridade pode promulgar leis, pois é propio do superior ordenar ao inferior cara ao fin debido, do mesmo xeito que o cerebro dirixe a acción de todos e cada un dos membros do corpo humano.

Do dito até aquí dedúcese que non poden existir leis inxustas. A lei é, como indicamos, a ordenación da razón dirixida ao ben común, mentres que a inxustiza é a violación do ben común. Pode existir algo que procure o ben común e que o destrúa ao mesmo tempo? Non é necesario ser un virtuoso da lóxica para saber que esta pregunta só pode ser respondida de forma negativa, so pena de incorrer nunha soberana contradición. Con isto non queremos dicir que unha lei inxusta deixe de ser lei por ser inxusta, senón que precisamente por ser inxusta nunca chega a constituírse en lei; e, en consecuencia, non obriga en conciencia a ningún cidadán.

Sendo o ben común o fin da comunidade política, todos os cidadáns están obrigados a procuralo e defendelo na medida das súas posibilidades, tendo en conta o seu estado de vida e as súas circunstancias persoais. Entre os moitos xeitos en que se concreta esta obrigación, ocupa un lugar destacado a debida oposición, por todos os medios lexítimos, á aprobación de normas inxustas que pretenden usurpar o título de lei. Cando o ben da sociedade está en perigo, ningún home honrado pode permanecer inactivo. E neste punto vénnos á memoria aquela cita das Escrituras na que San Pedro e os demais apóstolos lémbrannos que “é preciso obedecer a Deus antes que aos homes” (Feit 5, 29).

Ignacio Felpeto Criado

Diácono da Diocese de Lugo

[Artículo en castellano]

 

A %d blogueros les gusta esto: