O venres, 24 de xaneiro, os nenos de Lugo participarán nunha xincana para reflexionar sobre a migración e a multiculturalidade
A mediados de xaneiro celébrase a campaña da Infancia Misioneira, que este ano ten como lema: “Con Xesús a Exipto, en marcha!”. No seu momento a Sagrada Familia tivera que fuxir a Exipto. Baseándose neste tema, a Delegación de Misións organiza o venres, 24 de xaneiro a partir das 17.15 h no colexio María Auxiliadora de Lugo, un festival infantil no que os nenos, a través dunha xincana descubrirán a cultura exipcia e tratarán temas como as migracións, a multiculturalidade e todos aqueles retos aos que se enfrontan quen teñen que abandonar as súas casas e comezar de novo noutro país e ter que vivir no medio dunha cultura estranxeira.
Tamén como parte desta campaña, o misioneiro comboniano, Rafael Pérez, está a percorrer colexios e parroquias da Diocese no seu labor de sensibilización misioneira compartindo cos nenos as súas vivencias en distintos países de misión. O misioneiro Rafael Pérez, natural de Valencia, estivo en Togo e Sudáfrica; posteriormente en Centroamérica, en Guatemala e Costa Rica. Na actualidade presta os seus servizos no campo da inmigración en Granada. Está no proxecto de acollida, acompañamento, formación e inserción social dos inmigrantes que chegan á fronteira sur española.