Debe a Igrexa adaptarse aos tempos?

Na nosa sociedade abundan as frases feitas que se teñen por certas. Estas repítense coma se fosen verdades absolutas e indiscutibles. Eu acostumo reflexionar e facer preguntas sobre elas como é o caso da que transformo en pregunta para pór titulo a este artigo.

É moi frecuente escoitar esta afirmación: “a Igrexa ten que adaptarse aos tempos presentes”. Esta tese é sostida por moitos na actualidade crendo ter toda a razón. Non cabe dúbida que si que hai parte de razón no que queren dicir, pero a esta tese hai que facerlle moitas obxeccións e matizacións.

Cando me din que a Igrexa ten que adaptarse aos tempos, eu acostumo preguntar: a que tempos se ten que ir adaptando?: aos de Stalin, Hitler ou Franco?, aos de Zapatero ou Aznar?, aos de Obama ou Donald Trump?, aos de Nicolás Maduro, aos de Rodrigo Duterte (Filipinas)…? Se cadra o que moitos queren dicir é que debe adaptarse aos seus intereses, comodidades e comenencias.

Por outra parte, adaptarse aos tempos en xeral non deixa de ser unha postura cómoda, pois así non hai que facer unha análise fonda da realidade, nin implicarse nun proceso de discernimento sobre a xustiza e inxustiza das estruturas sociais, nin tampouco comprometerse a buscar e percorrer o camiño da transformación social con liberdade e responsabilidade en orde a un mundo máis xusto.

Cando a persoa se adapta ao “statu quo” vixente tampouco vai ter que enfrontar as persecucións anunciadas por Xesús para os comprometidos co Reino de Deus e a súa xustiza.

Ao tratar esta cuestión non debemos esquecer estas dúas realidades humanas:

  1. O ser humano é o único ser do planeta que non ten un nicho ecolóxico predeterminado, un hábitat concreto e limitado, senón que habita tódolos lugares da terra, que por unha parte se adapta ao medio e ao mesmo tempo adapta o medio a el. É dicir, mantén unha relación dialéctica co medio nese dobre movemento de adaptarse e, sobre todo, transformar o entorno en función das súas necesidades, utopías e esperanzas.
  2. Se a ciencia adoptase a mesma postura tampouco avanzaría e non se adquirirían novos coñecementos e progresos científicos. A ciencia avanza rompendo os moldes do saber adquirido e sistematizado a través de revolucións científicas.

Se tal é a condición humana, iso tamén afecta á Igrexa pois esta é unha institución tamén humana e, por tanto, deberá seguir esa tónica na súa relación coa sociedade e co tempo que lle toque vivir.

Por tanto entendo que a relación da Igrexa coa sociedade actual debe ser:

  1. a) Relación de DIÁLOGO para ver, entender e comprender aos homes deste momento histórico; coñecer cales son as súas esperanzas e angustias, cales son os seus gozos e tristuras… Así coñecerá as súas eivas, necesidades, capacidades e posibilidades para pór en marcha realidades adecuadas a súa situación, como no pasado ese diálogo levou a promover institucións educativas, hospitais, o Proxecto Home (para curar drogadiccións), casas para vítimas de malos tratos…
  2. b) Unha relación PROFÉTICA que leve a discernir o que hai de bo ou de malo, xusto ou inxusto na sociedade contemporánea e nos seus movementos sociais. Esta relación profética leva consigo o desenvolvemento dun xuízo crítico para quedarse co bo para impulsalo adecuadamente, e rexeitar o que está mal, aínda que supoña dificultades e persecucións.
  3. c) Unha actitude de COMPROMISO TRANSFORMADOR dos tempos presentes para facer que a humanidade avance e mellore en orde a ser unha soa familia humana reconciliada e en paz. Esta transformación farase en virtude do ideal de vida humana que se constrúa en coherencia cos valores evanxélicos.

Por todo isto entendo que a Igrexa serve de pouco á sociedade actual se pensa ou pensamos que debe facer xogo co mobiliario social existente, pero si será unha forza de liberación e salvación, manténdose fiel ao Evanxeo e dócil á acción do Espírito Santo.

Antón Negro

Delegado de Cáritas Lugo

(Imaxe: cathopic.com)

É posible ser cristián sen Igrexa?

 

A resposta a este interrogante non a dou desde a Teoloxía, nin desde a Espiritualidade, a Biblia, a Liturxia ou a Pastoral, senón desde a Socioloxía, que é unha perspectiva interesante para reflexionar sobre esta cuestión. Cando oio dicir a alguén que é cristián sen Igrexa entendo que esa afirmación ten pouco sentido desde a mirada sociolóxica, como se pode concluír das consideracións que farei a continuación. Outra cuestión son os sentimentos que unha persoa teña e as opinións que manifeste ante esta institución ou outras institucións da vida social.

Para comezar non podemos ignorar o feito de que o ser humano, ademais de precisar ser enxendrado no seo materno durante aproximadamente 9 meses, necesita ser enxendrado socialmente durante anos en diversas institucións sociais para que poida subsistir (tarda moito en conseguir o alimento por si mesmo), e logo irá logrando cotas de autonomía persoal. Sen ese longo período de socialización e educación non adquiriría a linguaxe e a cultura que lle permiten vivir coma un ser humano. Nese tempo e despois vive en diversas institucións empezando pola máis achegada á persoa e común aos diversos pobos, que é a familia.

Se a institución familiar falla ten que ser substituída por outras que non son mellores cá familia cando esta é como debe ser. Isto pode verse cando se escoita aos rapaces que están en centros de acollida de menores ou aos que viven nunha familia desestruturada. Certamente que se a familia se degrada ou desaparece, hai mellores opcións.

Tendo isto en conta habería que revisar a responsabilidade que temos se non contribuímos a que a familia sexa como debe ser, esa institución próxima e segura para toda persoa, na que se é acollido por ser persoa e non polo que se ten.

A familia é a institución á medida humana para un neno que nace, pero tamén o neno e a familia precisan doutras institucións como son as educativas e culturais, empresas económicas, concellos, sindicatos, equipos deportivos e asociacións… institucións relixiosas ou Igrexas.

A vida humana sen institucións non sería posible e desaparecería, pois somos seres sociais que viven en institucións e grazas a elas. Na prehistoria abondaría coa familia, o clan, a tribo… pero hoxe precisamos de moitas máis institucións, que fan posible a vida humana en sociedades científico-técnicas avanzadas. Na vida as institucións pequenas soen controlar, en xeral, máis ás persoas cás grandes.

Se as institucións son necesarias para a pervivencia da vida humana, hai que concluír que iso tamén afecta á dimensión relixiosa da persoa, que vai vivirse en institucións grandes, medianas e/ou pequenas. A Fe Cristiá sen Igrexa, sen institucións, desaparecería en pouco tempo. Dubido que durase un século.

Iso non quere dicir que as institucións, tamén as relixiosas, non poidan ser reformadas ou mesmo que necesiten con urxencia unha reforma en momentos concretos. As formas de organizar as institucións e de vivir nelas poden ser moi diversas, con máis ou menos liberdade e mobilidade internas. Tamén a persoa pode ocupar un lugar máis central ou periférico nas institucións, incluso pelexando esforzadamente contra elas, o que non deixa de ser unha forma de estar na institución.

Para rematar este comentario, recordo que o Cristianismo é unha relixión de ENCARNACIÓN no ser humano que existe coas súas institucións propias, por iso quero citar aquí o comezo do Evanxeo de Xoán (1,14): “A Palabra fíxose Carne e acampou entre Nós”, sobreenténdese que se fixo carne humana como a do ser humano concreto e histórico, tamén na súa dimensión de natureza institucional.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

A Igrexa, mellor desde dentro

Como é de todos sabido, fai uns días coñecemos o documento do Vaticano sobre o trato que debemos dar ás cinsas dos nosos defuntos. Falei disto no meu anterior artigo. Hoxe traio de novo a colación este tema, pero é por outro motivo.

Durante os días de Todos os Santos e dos Fieis Defuntos, tiven ocasión de facer unha pequena sondaxe sobre a lectura deste documento. Preguntei sobre a lectura e coñecemento deste documento aos números fieis que asistiron ás tamén numerosas misas que tiven que celebrar.

O resultado da enquisa foi o esperado: todo o mundo oíra falar do documento nos medios de comunicación, pero só un escaso 1% leuno e coñecíao de primeira man.

Isto é só unha mostra do que adoita pasar habitualmente coas cousas da Igrexa. Coñecemos a vida da Igrexa, á que dicimos pertencer, só polo que din outros, que na maioría dos casos non van ser, precisamente, os máis amigos ou os que a coñezan desde dentro e de verdade. Coñecemos a nosa casa polo que din os de fóra e non porque nos preocupemos dela ou nos sintamos parte da mesma.

Son inxenuo, pero non tanto como para dicir que a Igrexa é perfecta e que todas as noticias sobre ela son falsas ou mal intencionadas. Claro que non. A Igrexa é santa e pecadora ao mesmo tempo. Santa, porque a súa cabeza é Cristo. Pecadora, porque os seus membros (non só o Papa, os bispos e curas) somos pecadores, ou imperfectos, se lles gusta máis a palabra.

Cando queremos coñecer unha realidade é lóxico que o fagamos desde dentro e preguntando aos que están todos os días “ao pé do canón” desta realidade. Permítanme que lles poña a seguinte comparación: imaxínense que están interesados en coñecer mellor ao partido político X e para iso pídenlle opinión só ao líder do partido Z. O resultado é previsible: uniranse ao partido Z e non ao X ao que, por certo, terminarán odiando.

Desde aquí invítolles a coñecer á Igrexa desde dentro. Non importa se nunca estiveron nela ou se a deixaron polos motivos que fosen. Entren, sen prexuízos e coma se fose a primeira vez. Esquezan as lendas urbanas ou negras que circulan por aí adiante.

Unha vez que entren, ou que lles pregunten aos que están dentro, atoparanse cunha realidade nova e verán que nada é como lles dixeron. Pero, o máis importante, é que se atoparán con Xesucristo, o Fillo de Deus.

Se teñen ocasión intenten falar cun sacerdote. Pero fágano desde a sinceridade, non atacándoo con malicia, senón expoñéndolle as dúbidas que teñen e que el llas aclare ou lles informe onde poden atopar a información e a formación correctas.

Non acudan aos sacerdotes só para que lles organicen un evento social privado e particular no día, hora e lugar que mellor lles convén sen posibilidade doutra opción. Deixen que se lles acompañe nese acontecemento festivo ou luctuoso facendo que Deus lles ilumine e bendiga nese momento, pero sen buscar nin pedir cousas “estrañas”, que nada teñen que ver coa Igrexa e menos coa saúde espiritual das persoas.

Non me cabe ningunha dúbida: o primeiro que ten que ofrecer hoxe a Igrexa ao mundo é a Xesucristo. Non hai nada nin ninguén mellor. Un mundo con Deus como motor efectivo e afectivo non pode ir mal. Un mundo guiado polo mandamento novo do amor, que nos ensinou  Xesucristo, ten que ir ben necesariamente. Unha persoa que se atopou con Deus de verdade ten que ser feliz.

Fíense, fagan a proba e despois díganme como lles foi.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

A %d blogueros les gusta esto: