Asís e Lugo

 

O día 4 de outubro celebramos a memoria de S. Francisco de Asís. A cidade de Asís é coñecida sobre todo polo gran personaxe que foi San Francisco. Alí naceu en 1182 e morreu a noite do 3 de outubro de 1226 nunha choza da Porciúncula, xunto á actual Santa María dos Anxos. Dous anos máis tarde da súa morte era canonizado por Alfonso IX (1228) e moi pronto proclamado patrón de Italia (xunto con Santa Catalina de Siena) en 1939. San Francisco de Asís é un caso único entre os santos, non só polo proceso da súa conversión a Deus e aos máis miserables da sociedade, senón tamén polos seus estigmas e pola súa imitación e semellanza con Cristo, ata na súa vida exterior. Fillo de Pedro Bernardone, un rico comerciante da cidade, levou unha vida de mozo aventureiro, dedicado ao pracer, ao consumo e ata participou nas guerras e turbulencias cidadás propias do tempo. A súa inquietude pola procura de Deus e a súa preocupación polos máis pobres fíxolle vivir unha experiencia espiritual única na Igrexa de San Damián onde sentiu por tres veces a invitación de Cristo crucificado: a chamada a reparar a súa Igrexa. Dócil á chamada de Cristo, compadecido pola soidade dun leproso nos arredores da cidade, abrazouno e bicouno. Aquel bico de amor ao pobre marxinado transformou a súa vida. Percibiu que bicara a Cristo e que alí o atopou para sempre.

Os que somos conscientes de que vivimos nunha sociedade secularizada, recordamos, con razón, a exemplaridade das vidas de santos, que non só nos deixaron unha historia admirable senón tamén pegadas das súas obras que impregnaron de ben a sociedade tanto no sentido espiritual como material. A cidade de Lugo, desde entón, cheira tamén a San Francisco e ao franciscanismo. Os franciscanos, os oblatos, as confrarías de inspiración franciscana, testemuñan, con viveza, as pegadas do Santo nestas terras nosas. Dise que San Francisco, con moita probabilidade, de paso a Santiago de Compostela fundou o convento franciscano do que aínda se conserva moi ben a igrexa, actual Parroquia de San Pedro, así como o Claustro, a cociña do convento (intacta) e outras estancias. Desde entón, Lugo non se entende sen San Francisco e sen franciscanos onde aínda podemos gozar da súa presenza no Colexio e no Cebreiro acollendo aos peregrinos.

Séculos despois preguntámonos que queda de San Francisco nunha cultura onde o pecado non ten relevo e a pregunta pola salvación enmudece. Non será quizá o horizonte do supremo ben e santidade perdibles? Enigmaticamente, o ben é fundamento e anverso; só en referencia a el ten o mal densidade e relevo. Cando perda a referencia a aquel aparecería o inferno da trivialización e da insignificancia. Como reza a oración de poscomuñón da liturxia do día, que o Señor nos conceda “imitalo na súa caridade e no seu celo apostólico para que gustemos os froitos do teu amor e entreguémonos á salvación dos nosos irmáns”. E que, como o santo, sexamos instrumentos da paz.

 

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

Padre Amado (OFM), novo Delegado Episcopal para a Vida Consagrada

Delegado para la vida Consagrada

O Padre Amado, da Comunidade Franciscana de Lugo recibíu o nomeamento de Delegado Episcopal para a Vida Consagrada na Diocese de Lugo. A fotografía recolle o momento no que a bispo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, lle entrega o nomeamento oficial para dito cargo.

A %d blogueros les gusta esto: